Pouco queda por dicir sobre a cuestión do
chalet de Pablo Iglesias e Irene Montero. Escribiuse xa unha enxurrada de
tinta. Entre eles, moitos artigos que analizan con gran lucidez o asunto.
Porén, aínda é posible aprender algo máis a
partir desta cuestión.
A irrupción de Podemos trouxo consigo, dentro
do que era a esquerda española, algunhas novidades. Dentro desas novidades,
dúas relacionadas entre si: a atención á idea de Hexemonía e a articulación dun
proxecto nacional-popular español.
A idea de Hexemonía manexada polos podemitas
consiste na relecctura de Gramsci feita por Ernesto Laclau e Chantall Mouffe. É
este un Gramsci desmaterializado, onde as clases sociais xogan un papel
secundario e no que a Hexemonía consiste apenas no bo manexo do discurso e na
crenza de que a capacidade performativa do lingüístico é suficiente para
"crear pobo".
Malia a súa retórica popular, esta concepción
da política como relato é ben elitista e entronca máis co textualismo
derridiano que co pensamento do sardo. Parte tamén dunha concepción liberal da
política na que as elites "que saben", que dispoñen dunha capacidade
extra-ordinaria para ler o momento histórico e as "ventás de
oportunidade", "moven ficha" como se a acción política se
tratase dun xogo de taboleiro entre ilustres.
Nesta concepción da política, a Hexemonía
consiste, unicamente, no dominio da retórica alá onde se cre que se disputa o
sentido común: os platós de televisión. Consecuentemente, para esta visión da
Hexemonía, o intre en que a política capta toda a atención das cámaras —o
momento electoral— é o máis importante. É aí cando cómpre afinar as metáforas,
as arengas, as promesas, as ilusións..., independentemente da capacidade real existente
para que estas se cheguen a realizar.
Fronte esta idea de Hexemonía, a visión de
Gramsci entende que aquela é inseparable dunha cultura material de vida. O novo
sentido común chamado a constituírse en contrahexemónico debe conformarse non a
través do discurso das elites senón a través da práctica das masas. Unhas masas
que, na súa vida cotiá, e por medio da súa reflexión sobre a mesma co fin de
dirixila, se erixen en intelectuais orgánicos e van dando forma ao novo
movemento. A contrahexemonía é, pois, unha nova orde moral que desenvolve unha
nova maneira de vivir. Non é discurso, é práctica. Unha práctica que non ten
por que ser heroica, pura (as prácticas puras só se dán nas elucubracións
discursivas dos que, apenas lingüisticamente, idealmente, separan aos que son
casta dos que non o son e imparten leccións de ética a destro e sinistro) senón
unha práctica que se sabe imperfecta e que se vai perfeccionando a si mesma no
seu propio despregarse.
Coa concepción de hexemonía de Gramsci na man
é fácil comprender o grave erro que supón a compra do famoso chalet pola
parella dirixente da formación morada. O xesto, lonxe de encarnar unha moral
alternativa asume un dos rasgos centrais do sentido común da España centrada no
modelo produtivo do ladrillo (precisamente o impugnado por movementos coma o
15M ou a PAH).
A non atención á cuestión que comentamos é o
que outorga coherencia á decisión de Iglesias/Montero: posto que a práctica de
vida é secundaria, posto que o importante é o discurso, a oratoria e os marcos
lingüísticos, o único que resta, despois da compra do chalet, é "crear
novos relatos" (o acoso da dereita á vida privada etc.) que axuden a que a
decisión de non diferenciarse en nada do tipo de aspiracións, expectativas e vida
cotiá da clase media-alta da España turístico-inmobiliaria sexa aceptada polas
"bases". Unhas bases que, en coherencia tamén con esta visión da
política, apenas están aí para ratificar, outorgando ao tempo unha sorte de
salvoconducto ético, as decisións previas dos líderes.
O mesmo sucede cando atendemos á cuestión da
creación do nacional-popular español. O manexo do gramscismo laclauniano fixo
crer aos podemitas que tamén era posible sacar da nada unha discursividade
españolista de novo cuño sen atender á historia recente dese españolismo e á
súa materialidade —que non é outra que a das clases ligadas ao capital
financeiro-rendista radicado nese gran burato negro que é Madrid e a súa
desértica periferia inmediata—. Así como ao papel que xoga o mesmo na dialéctica
xeográfico-nacional do Estado español, onde ese españolismo convive con outros
nacionalismos alternativos, sustentados tamén noutras materialidades, que,
cando as contradicións apertan como nesta críse sistémica que vivimos, son
aliadas inevitables para calquera bloque social que pretenda remover os
alicerces nos que se sustenta o réxime borbónico que deu continuídade, sen
solución antifascista polo medio, ao franquismo.
Así, en suma, a coherencia de Iglesias é digna
de ser resaltada. Pensa que se pode construír un movemento de masas que encarne
unha alternativa ao españolismo rendista dominando as técnicas da comunicación
mediática e parécelle secundaria a base material e o tipo de vida que debe
sustentar a ese novo movemento nacional-popular.
Está equivocado. Pero olla, o tipo é
coherente.
Sem comentários:
Enviar um comentário