Da posición dos que hoxe condean o ataque e
onte non condearon as cargas poderíase entender que estes
consideran que o Estado, en tanto que institucionalidade positiva (e
independentemente da súa escala territorial), ten o monopolio da violencia lexítima.
Enténdese, ademais, que se non se condean as cargas é porque se xulga que esa violencia tamén está xustificada baixo o principio da defensa dun
ben público usurpado por un grupo organizado na sociedade civil que pretendería
privatizalo. Enténdese, así mesmo, que os que ocupan as institucións son os
representantes dos cidadáns nas mesmas e que estes teñen a capacidade de xulgar
as súas accións a través do sistema electoral vixente. Considérase, por tanto,
que o sistema electoral vixente é xusto e un digno reflexo da
sociedade. É unha posición de esquerda socialdemócrata clásica. Nada que ver,
logo, nin co insurreccionismo leninista nin coas ideas autonomistas dun John
Holloway ou dun Antonio Negri desenvolvidas a raiz, sobre todo, da experiencia
zapatista. A gran incoherencia para a Marea Atlántica da asunción deste marco é
que desmonta a idea dun municipalismo non estatalista e cárgase calquera
teorización do "común" coma espazo diferente do privado e do público;
precisamente, paréceme a min, as dúas ideas que outorgarían ao que se coñece no
Estado español como "os Comúns", algún tipo de diferenciación ideolóxica
a respecto do que sería Podemos ou Esquerda Unida.
Da posición dos que condean as cargas pero
non o ataque ao local poderíase entender que consideran que o Estado non só
non ten o monopolio exclusivo da violencia lexítima, senón que aos grupos de
parte organizados na sociedade civil lles asiste o dereito a defendérense
contra o Estado cando este os agrede cargando violentamente; pero tamén, na
medida en que o Estado pretende usurpar un ben común xestionado, a través da
democracia directa, pola propia sociedade organizada. Así, as violencias do
Estado non serían casos puntuais compensables por outros factores positivos do
Estado, senón algo intríseco á propia forma estatal. É unha posición tipicamente
anarquista, onde o Estado é, desde o minuto cero, un inimigo a batir sempre e
en todo lugar. Sen concesións. É unha posición formalmente coherente pero que, ao obviar que o Estado, polo menos na nosa sociedade presente, é algo máis complexo que o Leviathan hobbesiano, corre o risco de ver como as súas accións son cooptadas precisamente polos elementos máis reaccionarios insertos no Estado. Ademais, esta posición adoece do
que Enrique Dussel chama a "aporía anti-institucionalista"; isto é, a
non asunción de que a desaparición do Estado debe ser un "postulado",
un principio rector, pero un principio cuxa aplicación na realidade é un imposible.
Sem comentários:
Enviar um comentário