5/12/2018

A roda da fortuna

Este artigo foi escrito orixinalmente para o Galiza Livre. 

Na tradición xudeo-cristiá, o exercicio da liberdade polo ser humano inicia tamén o seu tempo de "caída".  A decisión de probar o froito prohibido, contravindo así a lei incausada e incuestionable de Deus, marca o inicio da Historia, onde o ser humano deberá gañar o pan coa suor da fronte. Desde ese momento, a natureza abandona a forma de xardín idílico, sempre presta a fornecer ao ser humano o seu sustento e confort, e se transforma nun lugar inhóspito, caótico, impredicible que nos seus momentos máis expresivos toma a forma de pragas e dioivos.

Nese contexto no que o ser humano se atopa á intempérie, segue habendo, porén, un principio de orde no caprichoso devir da roda da fortuna que converte a uns homes en reis e a outros en servos da gleba: a vontade de Deus. O ser humano é culpable, pero Deus aínda está aí para redimir, no outro mundo, a súa culpa.

Para György Lukács a forma literaria da novela moderna está relacionada con outro tipo de intempérie: a do ser humano que se atopa cun mundo aberto de posibilidades pero sen o garante último da existencia de Deus, sen un principio ordeante que dea sentido último ás vicisitudes da roda da fortuna. Neste novo contexto, que é tamén o do nacemento do capitalismo, o ser humano é responsable das súas peripecias e, en caso de que estas non se desenvolvan con ben, é culpable do seu estado presente, sen que exista figura externa ningunha capaz de redimilo.

O proceso delongado no tempo que acadaría a forma de Movemento Obreiro pódese considerar a tarefa interxeracional consistente en construír unha segunda natureza máis amable, predicible e hospitalaria para ese outro ser humano á intempérie que crea o capitalismo: o traballador "libre"; isto é, libre de vender no mercado a súa forza de traballo. Agora, o traballador non é culpable da súa mala fortuna. O sistema de clases xerado polo capitalismo, onde unhas son donas dos medios de produción e outras son mercadoría intercambiable, é o culpable do seu fado, e a empancipación a través da autoorganización colectiva, o Deus que o ha redimir. Obviamente, por detrás segue estando a caprichosa natureza, de aí que esta se considere agora un inimigo a domeñar, por todos os medios, en nome do Progreso.

«Do berce á tumba», o coñecido lema da idade de ouro da socialdemocracia, coa que esta expresaba o desexo de que o Estado protexese, desde o nacemento ata á morte, aos traballadores e traballadoras, é a substanciación desa segunda natureza artificial chamada a salvagardar ás clases traballadoras dos vaivéns da roda da fortuna. O desartellamento desta segunda natureza, na actualidade, devolve ás clases traballadoras á intémperie. Outravolta, o indivíduo illado é protagonista e responsable único dos avatares que experimente na novela da súa vida. Os items do home feito a si mesmo, da preguiza dos pobos do sur, da debilidade da muller, da sensualidade irracional do negro, dos tests de intelixencia, do triunfo do máis apto etc., son os novos mitos, con pretensión de verdade absoluta, dun mundo sen mitos, isto é, dun mundo sen ningunha instancia sagrada diferente a da propia acumulación de capital.

A capacidade de reprodución da lóxica do capital chegou a tal punto que este non só foi quen de minar a precaria segunda natureza protectora creadada na historia recente polo ser humano, senón que está a ser capaz, tamén, de transformar á natureza, tanto se a entendemos coma o xardín idílico da creación ou coma o lugar inhóspito da caída. O capital desequilibra o funcionamento da natureza, convértea nun pano de fondo aínda máis ameazador e imprevisible.

Nestas cousas cavilaba este Primeiro de maio mentres atravesaba un barrio obreiro camiño da manifestación. As rúas están hoxe inzadas de locais de apostas e de xogos de azar que non existían hai unha década. Aí o tes, pensei, a mobilidade social a través da lotaría. Velaí a coherencia intrínseca do capital: no tempo en que se esboroa a segunda natureza, volve ser a roda da fortuna, literalmente, quen rexe as nosas vidas.

Sem comentários: