Este texto escribiuse orixinalmente para o Galiza Livre.
«O constitucionalismo —di Gerardo Pisarello a
propósito dun seu libro titulado Un largo
Termidor. La ofensiva del constitucionalismo antidemocrático (Trotta,
2011)— é un xeito de organizar o poder. Pensar que deba estar necesariamente ao
servizo da democracia é un erro.»
A apelación ao par Constitución / Democracia é
unha constante na España postransición. Así, en tempos daquela pioneira Gran Coalición —deseñada moito antes de
que o termo adquirise a familiaridade actual— entre Mayor Oreja e Redondo
Terreros para gobernar o País Vasco e balizar o campo do posible politicamente en
todo o estado a través da segregación entre Constitucionalistas e
Non-constitucionalistas, os primeiros hanse apropiar do termo Democracia
uníndoo, de xeito indefectible, a un texto constitucional concreto e froito dun
tempo e dun lugar específicos como é a Constitución de 1978. Un tempo e un lugar —o da España que, a
diferenza doutros estados como Italia ou Portugal, non experimentou o intre de
ruptura antifascista— que non semellaba o máis propicio para a elaboración
dunha auténtica constitución democrática.
Unha das expresións máis lúcidas daquela
mobilización polimórfica e ambigua que foi o 15M, consistiu en superar o valado
que constrenxía o debate político español e reclamar, sen circunloquios, a
necesidade dunha "Democracia real xa". Ese é o contexto en que certa intelligentsia cultural española comeza
a falar criticamente da Cultura da
Transición e é tamén o contexto en que emerxe o partido Podemos cun discurso pretendidamente antiréxime
e antipartidos do réxime (incluíndo, entendíase, aos pitufos rosmóns do PCE).
Apagadas xa as chamas daquel 15M máis lúcido e
contestatario, neste Termidor en que Podemos
canaliza aquela enerxía de novo cara ao redil da domesticadora cultura
consensual da Transición, vemos como a gran pugna política volve consistir —desta
volta a causa do movemento republicano e independentista catalán— na definición
de cal deba ser a relación que se estableza entre a Constitución do 78 e a Democracia.
Dada a ausencia de violencia en Catalunya, a identificación
do par Constitución do 78 / Democracia é moito máis complicada que nos tempos
de Oreja e Terreros. Porén, como sinala Andrés de Francisco, «a primeira
estratexia de control da tradición republicana é constitucionalista [...] o
poder xudicial foi adoito refuxio dos selected
few e un freo aos intentos de reforma constitucional prodemocrática»
(Francisco, 2010: 88). O que nos indica o porqué de que hoxe sexa o poder
xudicial o encargado de actuar coma dique de contención de calquera corrente
democratizadora existente na sociedade.
A cegueira por parte da esquerda española para
percibir —neste repregamento xudicial do réxime— a importancia da fenda que
está a abrir Catalunya entre o binomio Constitucionalismo / Democracia é un
erro histórico que, dado o carácter irreformable do punto de vista democrático
do texto constitucional español (Pérez Royo dixit)
a esquerda española acabará pagando nas súas propias carnes.
Sem comentários:
Enviar um comentário