4/23/2018

Arredor de «O canteiro de Sebil»



O documental «O canteiro de Sebil» achéganos á figura de Xoán Xesús González, alguén non moi coñecido —ou cando menos non tanto como outros persoeiros dos anos trinta— que aunou, lembrando moito ao irlandés James Connolly, a tradición republicano-socialista co nacionalismo galego.

O de Cuntis non encaixaba no perfil de intelectual de clase media habitual no galeguismo. Trátabase dalguén de extracción popular, preocupado por autoformarse intelectualmente ata conseguir exercer como avogado. Un activista político que experimentou ben cedo —cando no Congreso de Monforte de 1931 o Partido Socialista no que militaba se posiciona en contra do proceso autonomista— a incomprensión da esquerda española polo movemento de liberación nacional galego. 

Sendo canteiro de profesión, Xoán Xesús sabía que na Galicia do seu tempo non habería xustiza social sen contar cos labregos e labregas e, contra todo mecanicismo urbanizante, entendía á aldea non como lugar "atrasado" senón coma un espazo de liberdade onde o Estado estaba ausente.

Malia introducirnos de xeito ameno e eficaz neste personaxe que remataría —coma tantos outros— asasinado polo fascismo, o mellor do Canteiro de Sebil, penso eu, non é o contido nin a feitura final do produto. O mellor do Canteiro de Sebil é que hai concordancia entre as arelas últimas do personaxe glosado e a forma en que esta pequena biografía chega ata nós.

E é que a realización do documental pódese considerar coma un episodio máis de autoorganización galega. A curta é froito do encontro dun grupo de amigos e amigas que deciden traballar en mancomún arredor do medio de comunicación O Quinteiro para sacar adiante un produto audiovisual sobre un veciño da súa comarca. Esta coherencia entre o que se conta e o xeito en que se conta é, ao meu ver, o maior valor de «O canteiro de Sebil».

Así mesmo, é o que permite que as ideas de Xoán Xesús González non aparezan tratadas coma ecos afastados e conservados en formol, psicofonías susceptibles de seren estudadas coa frialdade e distancia coa que un entomólogo estuda os insectos, senón que a propia creación do documental, o xeito en que este foi concebido e realizado é, en si mesmo, unha posta en práctica das ideas do biografado.

Esta capacidade de actualizar e proxectar cara ao futuro as ideas do protagonista, esta posta en práctica no presente da filosofía dos antigos traballos comunais  é, sen dúbida, o maior valor deste recomendable vídeo.

Sem comentários: