3/31/2018

«La villa», de Robert Guédiguian




En La Villa, Robert Guédiguian 2017, tres irmáns regresan a unha pequena vila mariñeira da costa marsellesa despois de que o seu pai sufrise un achaque de saúde que o deixará paralizado e en estado de semi-inconsciencia.

Dos tres irmáns, dous deles (Angèle e Joseph) marcaran distancia, en graos diferentes e por distintos motivos, coa familia e a vila, mentres que o terceiro (Armand) permanecera rexentando o vello restaurante do pai, coa súa mesma filosofía, resistindo toda tentación de "modernización".

A película dá conta do momento de reconciliación dos dous irmáns distanciados co seu proxenitor, co contorno en que transcorreu a súa infancia e, no caso da irmá, co traumático episodio da morte dunha filla pequena na vila.

Os tres irmáns pasan da ira contida e os reproches iniciais á rememoración proustiana da infancia e da comunidade que habitaba o pequeno lugar  Uns "bos tempos pasados" sempre relativos e de cuxa existencia real nunca estamos totalmente seguros; pero uns "bos tempos pasados" que semellamos necesitar, aínda que sexa de forma autosuxestionada e construída a posteriori, para sobrelevar a vida.

Só as personaxes máis novas, caso do fillo da parella de anciáns veciña e amiga, médico e dono de laboratorios en Londres, e da noiva «nova de máis» de Joseph, sempre conectada a través do ordenador con París e atenta ás potencialidades da vila e da casa como centro turístico de luxo, semellan imbuídos do novo espírito dos tempos pragmático e enfocado unicamente ao triunfo persoal no plano material (se ben Guédiguian evita os personaxes planos e  tamén estes dispoñen das súas propias arestas e matices).

Malia todo, esa melancolía que se consumiría na súa propia entropía se se limitase a mero laio polo pasado, pode actuar coma panca se se proxecta cara ao futuro. Velaí o sentido de que os tres irmáns oculten ao exército a outros tres irmáns —tamén dous nenos e unha nena— sobrevivintes orfos dunha patera naufragada no mar invernal, e os acollan canda eles.

O pasado e o futuro únense na escena en que os seis pasean por debaixo dos grandes peares do viaducto que, con regularidade, percorre o tren (o mundo moderno que pasa pero non para na vila) e berran unidos, como facían Angèle, Armand e Joseph in hilo tempore, para recrearse no eco que producen as súas voces ao rebotar contra os arcos do viaducto, mesturando todos os nomes e todas as voces, as de antes e as de agora, nun único coro cheo de saudade pero tamén de esperanza e de proxección cara a adiante.

2 comentários:

Voz en off disse...

Qué boa pinta!

O Fuco disse...

Está moi chula. E ten máis elementos para a reflexión que os escritos aquí.