3/09/2018

Reflexión post-mobilización

Nota previa: son home (ou algo así) e trato de explicarme. Non sei se isto é mansplaining (tampouco me quita o sono).

Teño amigas, e amigos, que, tras as grandes mobilizacións feministas de onte, ademais de estaren moi contentas (como por outra banda tamén o estou eu) ao ver unha reacción de masas tan potente fronte un estado de cousas tan deprimente, albiscan nesa mobilización (sen eu pretender restarlle relevancia ao acontecido onte, claro) unha sorte de punto de inflexión —dos de verdade, dos que contan, dos que, como hoxe se di case que a dirario, son "históricos"—.

Na miña opinión, e oxalá me equivoque, a cousa non dará para tanto. E non o fará por motivos que teñen que ver co estadio no que se atopa o movemento emancipador neste momento e neste lugar.

O que se viu nas mobilizacións feministas, como se ve noutras grandes mobilizacións sociais, é a Unidade Popular en práctica. O consenso popular que, máis ou menos implicitamente, existe arredor dalgunhas grandes cuestións.

Na rúa, a potencia da Unidade Popular é inapelable. A súa capacidade para impoñerse á axenda política opiácea fomentada polas institucións e os medios de comunicación dominantes é evidente. Cando esa enerxía popular decide dar o paso e tomar a rúa, o poder das institucións do Estado (e Estado non é só a institución burocrática-coercitiva senón tamén unha idea determinada do que é de "sentido común"), semella empequenecer, semella facerse vulnerable ante a potencia da, en termos negrianos, «multitude». E digo semella porque o Estado, así entendido, como «institución + sentido común», é unha rocha de gran tonelaxe que, como se está a experimentar en Catalunya, custa moito mover do sitio.

Este exceso, para min, de optimismo, e certo idealismo do tipo "deixádenos ás mulleres que si sabemos facer as cousas" (que é, no fondo, a retórica das virtudes do "novo fronte ao vello" que xa vimos noutros momentos), pode facernos perder algo de perspectiva e, peor aínda, pode levarnos a ratificar estratexias que, ao meu modo de ver, son erróneas. Estoume a referir, en concreto, á estratexia populista.

Os momentos expresivos, como as grandes manifestacións de onte, baséanse nunha lóxica A e B e C e... Son aglutinantes e, como contrapartida a esa capacidade de aglutinar, son ambiguas, son borrosas, son un gran hangar sen tabiques delimitadores no que cabe case que todo. Na mobilización de onte había mulleres de múltiples clases sociais, de múltiples nacionalidades, de múltiples idades e, mesmo entre as que se definían como feministas dun xeito totalmente articulado, habíaas con concepcións do que é «feminismo» moi distintas e, en non poucos casos, incompatibles.

Para Antonio Gramsci, o papel do Príncipe (moderno) maquiaveliano, que el atribuía ao Partido, consistía, precisamente, en facer ese traballo de depuración, peneira e escolla das liñas programáticas que haberían liderar a acción colectiva. Pero un Partido, alén da concepción dirixista, elitista e vangardista co que se adoita pensar, elabora ese programa chamado a ser hexemónico socialmente (primeiro debe selo no seo do propio movemento), a través do que Gramsci chamaba os/as intelectuais órgánicos (un papel que, para o sardo, podía, a priori, ser asumido por calquera militante e non necesariamente por castas académicas).

Este proceso de peneira, de afinado, de sistematización e coherencia das demandas sociais para que a acción política sexa realmente eficaz, é, exactamente, o que obvia a estratexia populista (por máis gramsciana que se reivindique).

A estratexia populista pretende aplicar a lóxica inclusiva propia dos movementos sociais ás estruturas partidarias que, por definición, deben "tomar parte"; isto é, que lonxe da lóxica de cadeas infinitas de significantes equivalentes, se basean nunha lóxica de ou A ou B, ou C ou D.

A querencia pola diferenza, o fluxo, a fragmentación e o micro, propio do sentido común que podemos chamar posmoderno, é moi reacia á lóxica ou A ou B. Para ese sentido común, cada unha das microdiferenzas (p. e., no seo do movemento feminista, as demandas que consideran positivo incidir no carácter creador de vida da muller, na cualidade intrínseca da maternidade etc., fronte ás que inciden no carácter cultural da diferenciación entre xéneros e sexos; ou as que apostan pola regulación da prostitución fronte as "puritanas" abolicionistas; ou as que reivindican a bondade dos ventres de aluguer como desmitificación do corpo sexuado fronte as que rexeitan de raíz tal práctica) son igualmente valiosas, e deben ser sostidas politicamente en pé de igualdade, pois non facelo levaría a repetir o esquema da esquerda tradicional que, segundo a crítica feminista —ou a postcolonial—, estaría viciada pola lóxica modernista do suxeito varón, branco, heterosexual.

E este é o problema da estratexia populista á Laclau. Considerar que é posible aplicar á política partidaria a lóxica inclusiva. Como ben temos experimentado coa chamada Unidade Popular posta en práctica recentemente en Galicia, esa estratexia populista só se sostén (e en equilibrio precario) a base da indefinición, da acción dispersa e incoherente das distintas faccións que integran a UP. O que, á postre, resulta ineficaz,  frustrante e, peor aínda, pouco democrático. En relación con isto, outro exemplo do presente: ese cónclave que se vai celebrar en Mos postulando un municipalismo encamiñado a «construír un país». Un lema que tanto lle vale a quen pensa que o marco de referencia é Galicia como para quen pensa que é España, e que, no fondo, non lle vale a ninguén que se tome en serio calquera deses dous obxectivos.

A cuestión de peso, en suma, estriba no tipo de concepción que teñamos do que Perry Anderson chama con ironía a cuestión "H" —a idea de hexemonía—. Para quen a entende como táctica comunicativa irradiada por un núcleo máis ou menos iluminado e chamada a seducir a grandes masas através da indefinición, de xeito que ninguén se descolgue do "pobo" así "creado", a hexemonía é unha ferramenta para acceder ás institucións; lugar no que o núcleo escollido de concelleiros-as, deputados-as e asesores-as xa se encargará de levar a cabo a peneira entre o prioritario e o secundario (velaquí o momento en que todo corre o risco de rematar nun antroido de liortas rocambolescas e incomprensibles para as masas como o que percibimos na esquerda galega postAGE).

Para a hexemonía entendida —con Gramsci— como proceso lento de maduración e peneira vencellado á práctica das propias masas e á labor de síntese dos intelectuais orgánicos-as, o traballo de afinado e perfilado programático é fundamental. Primeiro cómpre crear (nas casamatas e fortíns da guerra de posicións da que falaba o sardo) o Estado entendido como ethos ou práctica social contrahexemónica (importante o carácter práctico e non só teórico) no propio Bloque histórico e, só cando ese proceso estea maduro, poderase aplicar (non falo de enunciar desde os escanos da oposición, ou desde un goberno impotente coma o grego) ese "novo sentido común" desde a institucionalidade positiva do Estado.

Sem comentários: