Este artigo foi publicado orixinalmente no portal Galiza Livre.
Lembrei estes días, co gallo de dous
acontecementos da actualidade, a figura de Urbano Feijóo de Sotomayor, o "prohome"
que, durante os anos 50 do século XIX —cando a prohibición do comercio de
negros comezaba facer desa actividade un negocio arriscado e a emigración
galega comezaba a ser un asunto de masas— tentou substituír, baixo o paraugas
dunha misión patriótica (branquear a illa de Cuba), a trata de negros pola de
galegos.
A primeira nova de actualidade é que o
Concello de Barcelona retirará a estatua erixida na honra de Antonio López y
López, negreiro barcelonés especialmente falto de escrúpulos. Tómase esa
decisión nun contexto no que, a través dalgún traballo historiográfico recente —Lizbeth J. Chaviano Pérez e Martín
Rodrigo y Alharilla (ed.): Negreros
y esclavos. Barcelona
y la esclavitud atlántica
(siglos XVI-XIX), Icaria, 2017—, se discute sobre o papel do comercio de escravos na "acumulación
primitiva" da burguesía catalana.
A segunda nova ten que ver cun artigo en que Anxo Lugilde sinala como no famosamente
censurado libro Fariña. Historia e
indiscrecciones del narcotráfico en Galicia de Nacho Carretero, sae ben
parado Mariano Rajoy en comparación con
outros prebostes da que, co tempo, constituirá a ala máis rexionalista do PP da
era Fraga. Así, segundo ese libro, Rajoy, o máis madrileño de todos aqueles
dirixentes populares, tentaría pór freo aos vencellos entre a daquela Alianza
Popular e os capos do narcotráfico que acabarían transformándose en señores de
negocios durante os anos oitenta e noventa do século XX.
Se toda burguesía é, a pouco que se escarve,
lumpenburguesía, este axioma semella tomar aínda máis verosimilitude canto máis
periférico resulta o territorio onde se asenta esa burguesía. Así, Urbano
Feijóo de Sotomayor, nun alarde de falta de escrúpulos non sobrepasado polo
infame Antonio López, non dubidará en hiperexplotar aos seus propios paisanos
transformándoos en escravos (como o "Imperio Inditex" iniciará a súa
propia acumulación primitiva aplicando o esquema da maquila ás costureiras
galegas).
Así, ser lumpenburguesía —escravista de galegos,
fletador de buques cargados de man de obra barata, receptor de remesas de
emigrantes, traficante de drogas ou xerente de maquila— é o camiño máis curto para
ser burguesía nun país que, como demostran todas esas actividades, está ben
encravado xeograficamente para xogar o xogo do capitalismo, pero pertence a un
Estado, como demostra o plan europeo para o transporte de mercadorías por
ferrocarril que segue, xeopoliticamente, sacrificando o seu cadrante
noroccidental. Precisamente o que sacrificou da cabalo dos séculos XVIII e XIX —cando
Galicia era demograficamente tan potente como Cataluña— para que crecese o
triángulo político-económico que, segundo Vicens Vives, conformaba o téxtil
catalán, a minería vasca e o cereal castelán.
Sem comentários:
Enviar um comentário