Este artigo foi escrito orixinalmente para ideas.gal
Non se pode comprender o autoproclamado movemento municipalista que,
con epicentro en Barcelona, ten varios émulos en todo o Estado español,
sen coñecer o substrato teórico do que bebe. Entre as súas influencias
principais destaca a de Antonio Negri. Sucintamente, podemos dicir que
para Negri (e para Michael Hardt) nos atopamos nunha etapa
postimperialista, na que os Estados-nacións están subsumidos nese gran
ente que eles chaman Imperio, na que a Multitude,
especialmente o cognotariado dono dos seus medios de produción, encarna
un novo tipo de fluxo democrático nunca esclerotizado, un movemento que é
sempre pura potencia, puro espírito constituínte, nunca constituído e que, en contraposición á reivindicación público-estatal, considera que o programa dese suxeito polimófico debe ocuparse da loita (extrainstitucional, enténdese) polos bens comúns (si, de aí vén o nome dos Comúns).
Naturalmente, a aparición desta corrente autonomista non pode desligarse do fracaso da experiencia soviética e da influencia, tamén na esquerda, das ideas arendtianas encol dos Totalitarismos. Antes ca Negri & Cía, Arendt xa teorizara a diferenza entre o poder constituínte e o constituído;
a alemá, non obstante, acabou optando pola estabilidade do segundo
—para ela a Revolución francesa, por pretender solucionar a cuestión social encarnaría o primeiro (tamén o risco totalitario) e a Revolución norteamericana encarnaría o segundo—. O autonomismo, pola súa banda, identifícase co momento constituínte, malia que o seu refugo do constituído teña moito que ver coa aversión ao Totalitarismo
que este pretendido neoanarquismo enxerga en calquera poder Estatal
(malia caer na aporía, sen rubor ningún, de copar as institucións).
Xa que logo, na cosmogonía autonomista os estados apenas xogan xa un
papel relevante e non se poden establecer xerarquías entre eles, nin
relacións de dependencia entre países. Aspectos que contradí, entre
outros moitos, a socióloga Saskia Sassen, para quen os Estados na
globalización xogan un papel ambivalente: por unha banda son axentes
indispensables para impoñer o neoliberalismo e, pola outra, son vítimas
deste proceso. Sassen pensa que esta ambivalencia do Estado está a
propiciar a aparición de novos espazos xeopolíticos tanto a unha escala
superior como inferior á Estatal. Un exemplo dos primeiros sería a UE e
un das segundas as cidades globais. Curiosamente, a fuxida das
institucións estatais que propugna o municipalismo cara á cidade reforza
a lóxica neoliberal que establece nas grandes urbes globais os nodos de
circulación de capitais financeiros (por suposto, trátase de cidades
prósperas e postindustriais, con forte presenza dese cognotariado
precario, non as Cidades Miseria das que falara Mike Davis onde, poñamos por caso, as Guerras da auga
de Cochabamba, o auténtico cambio se produce cando as loitas locais se
articulan a nivel nacional-popular para a toma do Estado boliviano). Así
mesmo, a pretensa superación do Estado —a través de movementos
paneuropeos (esta esquerda "cosmopolita" nunca formulará a ruptura coa
Unión Europea ou coa Eurozona)— reforza a organismos antidemocráticos
como a UE que se rexen por unha estrita xerarquía de estados entre os
que se dán relacións de subalternidade.
A aplicación consecuente desta visión postestatal e postimperialista
do mundo, leva a que o municipalismo, ante o conflito nacional español,
se sitúe no mesmo limbo inane do nin, nin no que se sitúa noutros conflitos internacionais como poida ser, recentemente, a guerra en Siria.
Por outra banda, no caso específico galego, onde non existe ningúnha
gran cidade con capacidade de crear un espazo de poder substancial, o
municipalismo autonomista, reticente á construción dun suxeito
político nacional propio, contribúe, de facto, ao reforzamento do espazo
político español en detrimento do galego, propiciando así unha maior
subalternidade dun país marxinal, de seu, a nivel económico, cultural e
demográfico dentro do concerto español.
Con este universo ideolóxico previo, é que aboia, subido a un tren
alleo [o de Podemos] o novo municipalismo. Entre o enfoque municipalista
e o podemita hai, como mínimo, unha gran diferenza e unha gran
similitude. A diferenza consiste en que os da Complutense estiman que a
toma do Estado —entendido como aparato institucional— é central, a
prioridade é a toma dese Pazo de Inverno e despois xa virá todo o
demais. A gran semellanza entre ambos perfís consiste no seu desprezo á
idea de hexemonía. Os podemitas consideraban que era posible o asalto
aos ceos institucionais independetemente de seren ou non hexemónicos na
sociedade civil (porque non, gañar eleccións non é o mesmo que ser
hexemónico), os municipalistas aborrecen calquera idea de hexemonía
nacional-popular porque, desde o individualismo anarquista, esta,
inevitablemente, lles lembra o Totalitarismo arendtiano.
As diverxencias entre os Comúns e os podemitas a respecto do Estado
xa se encargou a propia realidade de puílas. Non houbo asalto aos ceos
por parte dos que soñaban con tomar a Moncloa, e si o houbo por parte de
aqueles que, a priori, eran antiinstitucionalistas. A partir dese
momento, tanto os primeiros como os segundos deben facer senllas
relecturas —que pasan basicamente por afirmar que se dicía digo onde se dicía Diego—
e entregarse, en corpo e alma, ao puro tacticismo para sobrevivir. Uns
reformulando a guerra de movemento en guerra de posicións —que na
práctica consiste en amoldarse a un estado de cousas no que a dereita (e
todo o Réxime do 78) xa gañou o terreo que perdera; os outros, facendo
malabares para continuar vendendo retórica movimentista ao tempo que os
documentos fundacionais se van adaptando á "dura" vida nas institucións
representativas estatais.
Sem comentários:
Enviar um comentário