Na súas reflexións sobre a cuestión meridional, Antonio Gramsci sinala a ascendencia, en toda Italia, dos intelectuais naturais do sur da península, xa fose na súa versión de membros illados pero sobranceiros de intelligentsia, como de cadros medios insertados no aparato de Estado. Idea que, en boa medida, se podía aplicar á Galicia da Restauración, nas postrimerías do século XIX. Como sinala Manuel Veiga no seu O pacto galego na construcción de España (ANT, 2003), as elites galegas, nos intres da construción de España como estado nacional, asumirán o acordo implícito consistente en sacrificar a identidade cultural e política do país a cambio da modernización prometida pola integración deste no espazo económico español.
Veiga enxerga, na defectuosa aplicación á
realidade galega das leis de Desamortización, a orixe do que, máis tarde e
durante moito tempo, será caracterizado como "o atraso" de Galicia.
Segundo Veiga, a Desamortización atraeu o investimento de incipientes capitais
comerciais cara á terra —aínda afectada pola figura do foro, un resto do Antigo
Réxime— que contribuíu a unha refeudalización e ao desvío do capital produtivo
ao rendista.
Unido a isto, as leis españolas proteccionistas
co trigo castelán, cos altos fornos vascos e co textil catalán, en detrimento
dunha industria galega (cárnica, conserveira) volcada na exportación
(Inglaterra) e que padecerá fortemente a crise agraria europea de finais do XIX,
levará o país á sangría demográfica (do 15% da poboación do Estado no s. XVIII
ao 8% a finais do XX), ata o punto de que a emigración, convertida xa no
auténtico motor económico das buguesías dos portos atlánticos especializados
neste tipo de trata, acadará, a finais de século, unha envergadura a medio
camiño entre dous movementos migratorios europeos paradigmáticos: o irlandés e
o italiano.
Neste estado de cousas, as elites galegas
procurarán a súa supervivencia a través do pacto co Estado apuntado por Veiga, e
empregarán a burocracia estatal —de igual xeito que os meridionais italianos de
Gramsci— para o ascenso social. Deste xeito, podemos explicar a relativa
abundancia de ministros, mandarines e presidentes de goberno galegos naquelas
datas (e despois, como agora sabemos).
Pasado o tempo, e posto que a prometida
modernización sempre chegará renqueante e será insuficiente para igualar a
economía galega á media española, a vía de medre das elites a través da súa
vinculación co Estado non terá marcha atrás, e só fará algo parecido a un
camiño de volta cando (moito despois dese descabezamento intelectual do país
que foi o golpe franquista), tras a chamada Transición, Manuel Fraga, quen foi
case que de todo no Estado español, fracase na súa tentativa de ocupar a
presidencia de España e procure acubillo baixo o paraugas rexionalista en
Galicia (ben que para seguir servindo ao proxecto español a base controlar e
embridar o país desde as neonatas institucións rexionais).
Pero a este carácter mediador das elites galegas
entre o groso da poboación e o aparato do Estado, haberá que sumar, coa
creación dunha imitación pobre e tardía do Welfarestate
co que adozar a falta de ruptura co réxime franquista e as reconversións (liquidacións) industriais ás que obrigará o proxecto
europeo, a incorporación de grandes cantidades de funcionarios ás distintas
institucións que se irían creando. Se ben existen outras CCAA que fornecen de
máis funcionarios ao Estado que Galicia (Extremadura, Andalucía, Castela-León,
Castela A Mancha...), o noso país atópase no seguinte grupo máis numeroso,
sendo, non por casualidade, Cataluña, a que menos contribúe. Tamén se atopa a
nosa terra entre as que máis contribúen con efectivos a corpos como a Garda
Civil, ademais de contar cunha gran masa de poboación, maioritaria en non
poucos concellos, dependente, directamente, de pagamentos do Estado a través do
sistema de pensións; unha masa que, hoxe, conforma o principal bloque
demográfico que sostén as maiorías do Partido Popular no Estado e en Galicia.
Pero que a modernización
do país —concepto que, como dispositivo ideolóxico, debemos problematizar e
cuestionar de raíz— neste esquema de suxección ao Estado español, segue a ser defectuosa,
demóstrano as cifras. O PIB por habitante en Madrid era, en 2016, o 136,6% da
media española, no País Vasco o 132% e en Cataluña o 119%, mentres que o PIB
galego supuña o 89,1. En termos demográficos, co 5,8% da poboación do Estado en
2017, xa se fala de colapso da demografía en Galicia. Canto á emigración, esta
regresou con forza, encabezando de novo, especialmente na xente moza, o ranking
do Estado de persoas emigradas.
Porén, un novo elemento, cada vez máis
central, entra no taboleiro de xogo desde a incorporación de Galicia e do
Estado —tras o longo e accidentado período de construcción nacional-estatal
español— no espazo da Unión Europea. Tamén esta incorporación contiña unha
promesa de modernización; pero se esta non será completa para España —como
mostrou con crueza a crise financeira global de 2007 e a conseguinte
agudización da fenda entre Estados acredores e debedores—, menos aínda o será para
Galicia, a súa periferia. O noso país, no ano 1996, posuía arredor do 70% do
PIB da media europea, en 2003 chegaba ao 80% e, no cénit da burbulla inmobiliaria,
o país chegou a acadar o 89% do PIB respecto á media da UE. Hoxe, porén, o PIB
regresou a datos de 2003, pero cunha realidade industrial, e uns visos de
futuro (terceirización baseada na man de obra precaria) moito máis pobres que
cando se entrou no club de Bruxelas. Unha desconverxencia, compre engadir, que no
Estado español presenta mellor cara canto máis rica é a CCAA.
É ben pensarmos se, ante esta nova realidade
pretensamente postnacional, as elites galegas (caso de que estas aínda existan)
renovarán o pacto sinalado por Manuel Veiga: renuncia á identidade e á política
propia e integración en "Europa" a través do Estado español ou, consorte
ás arelas do independentismo europeísta catalán, incorporación ao espazo
pospolítico europeo como ente xeopolítico propio. Se temos que facer caso ás
pacatas reaccións da prensa e dos empresarios galegos á exclusión do país das
redes de movemento de mercadorías europeas (o famoso Corredor Atlántico de
Mercadorías que, no Estado español, non toca o Atlántico), todo semella indicar
que o pacto da Restauración continuará plenamente vixente. Se atendemos ao
carácter funcionarial (incrustado, por tanto, no Estado) do que queda de clase
media e ao inxente número de pensionistas, é probable, salvo quebra financeira do
Estado (algo que, visto o visto, tampouco se pode descartar totalmente), que
ese bloque se manteña sólido nos tempos que veñen.
Sem comentários:
Enviar um comentário