12/22/2017

É a democracia, estúpido

Semella que a estas alturas da película, á esquerda española aínda hai que explicarlle que na regresión autoritaria que padecemos o nacionalismo catalán, mesmo de dereitas, é un aliado. Esa nova esquerda converteu o 15M no seu fito inaugural, pero se pensaban que co substrato do 15M ían facer a revolución bolxevique é que leron ese fenómeno igual de mal que os conspiranoicos que vían nel un movemento manipulado, intrinsecamente reaccionario e desprezable.
De feito, o relevante do 15M era que esgrimise o berro "democracia real xa". Algo especialmente importante se temos en conta que viñamos dun contexto onde o marco sistémico falaba dunha pugna entre "democrátas vs. terroristas" que marcaba o campo do posible no Estado español. Nese aspecto, o 15M era unha refutación a décadas de secuestro da palabra democracia polo quendismo dinástico. Pero o "programa" socioeconómico e político do 15M era un barullo incoherente propio dunha sociedade na que o movemento obreiro foi desmantelado e a hexemonía ideolóxica créana os mass media. É dicir, unha sociedade na que existe loita de clases pero onde a única clase para si que existe é a dos poderosos (o que explica que, tras unha crise de cabalo do capitalismo globalizado, sexa esa única clase para si a que saia reforzada).
Cando AGE recolleu parte daquel espírito do 15M, tivo a virtude —e moreas de erros, tamén— de tratar de dar forma coherente, no ideolóxico-político, ao barullo previo, apelando á tradición doutro movemento democrático histórico: a Fronte Popular. A irrupción de Podemos mudouno todo. O discurso dese partido conectaba mellor con esas masas do 15M, pero porque reproducía o seu barullo ideolóxico-político, non porque o clarificaba, unificaba e lle daba coherencia para a acción.
A grande némese de Podemos é Ciudadanos (apelacións bobas "ao novo", notables e burócratas nas institucións, nulo movemento social, significantes baleiros, ambigüidade, telexénia...) Ata hai pouco, os primeiros conseguiran impoñerse aos segundos, pero partindo dunha ficción: a ficción de que o problema nacional no Estado español non existe. A historia desminte esa ficción e, unha vez máis, a irrupción do independentismo catalán veu para actualizar o que é unha constante.
O 15M era un síntoma esperanzandor en canto que evidenciaba a pervivencia de certa saúde democrática nunhas masas colonizadas polo neoliberalismo antidemocrático. A expresión do malestar coa crise ben podería tomar, xa daquela, un caríz fascista. Por sorte non foi así. O 1-O catalán foi exactamente o mesmo. Por iso é un disparate dicir que o independentismo catalán espertou o fascismo. O caldo de cultivo social para o fascismo —fóra xa da súa pervivencia na propia estrutura do Estado español (monarquía, continuídade dos poderes económicos, poder xudicial instrumentalizado, Constitución oligárquica...)— está aí desde hai moito tempo.
Deixemos de flipar. Atopámonos neste nivel de expectativas tan baixo. Estamos inseridos, este 2017 que remata e no que celebramos o centenario da Revolución rusa de 1917, na derrota histórica de 1989. Nunca saímos de aí. Fóra espellismos.
Os ceos van ter que esperar moito para seren tomados.Trátase de evitar a chegada total do inferno.

Sem comentários: