12/14/2017

Sobre unha entrevista de Guillem Martínez a Alfons López Tena

En decembro de 2013, cando a Generalitat de Catalunya facía públicas as preguntas que, daquela, pensaba facer no referendum de autodeterminación que finalmente o Estado se negou a permitir, escribín:

Hai un pasaxe, creo recordar que no Príncipe de Maquiavelo, que fala de como debe apuntar un arqueiro para certar na diana. Di que cómpre apuntar un pouco máis alto do que parecería necesario para que a frecha acabe caendo no centro. A primeira e ambigua pregunta que se pensa formular no referendum catalán "Quere vostede que Cataluña sexa un estado?" (que tipo de estado non está claro) é a diana, a segunda, e non menos ambigua pregunta, "E se é así, quere que Cataluña sexa un estado independente?" (a respecto de que tampouco está claro), a parábola que, probablemente, se agarda que faga a frecha para acabar caendo no obxectivo.

Lembro isto a propósito dunha entrevista que fai Guillem Martínez a Alfons López Tena. Hai tempo que sigo o que di López Tena sobre Cataluña. Tamén o que di Guillem Martínez. Nos primeiros tempos do procès pensei que estaban no certo. Todo semellaba unha gran escenificación para acadar outra cousa (o cal, por outra banda, é o máis habitual na táctica política).
Os argumentos de López Tena eran convincentes: o bloque independentista non daba sinais de estar a facer todo o que realmente se necesita para unha empresa tan complexa como é a creación dun novo Estado. Porén, como trataba de mostrar eu no meu escrito sobre Maquiavelo, para decatarse diso non era preciso ser un xénio e, véndolle o lado positivo, o independentismo podía actuar como ariete para unha reforma do Estado en clave progresista (e aínda hoxe, que a esquerda estatal está kaput, segue aberta a posibilidade, en función dos resultados electorais do 21D, de que sexa o independentismo catalán quen, ao buscar acomodo, impida que a regresión democrática do Estado español sexa total).
Na entrevista que agora publica CTXT, López Tena retoma os argumentos que xa leva sostendo desde hai tempo. Seguen a ser bastante acertados. As cousas teñen toda a pinta de ser así. Agora, hai nos argumentos que presentan entrevistado e entrevistador (deshonestidade, inxenuidade etc) cando xa nos atopamos no tempo das consecuencias, é dicir, cando xa hai xente no cárcere, cando hai represores e reprimidos, cando o Estado xa cargou contra votantes e organizadores do referendum do 1-O (lembremos que unhas das coletillas de Guillem Martínez era que o referendum nunca se ía levar a cabo) que rezuman psicoloxismo polos catro costados. Porque, a efectos prácticos e políticos, que importancia ten se os líderes da antiga CDC ían de farol, xogaban con lume ou facían o pino nunha corda de equilibrista? O que importan son os feitos. Os feitos son que o independentismo catalán evidenciou —cando a capacidade da esquerda española de crear problemas ao Réxime xa se esfumara—, por unha banda, o carácter antidemocrático do Réxime do 78 e, pola outra, a verdadeira cara da utopía-UE que, tras mostrar a súa faciana neoliberal coa imposición do 135, agora deixa de aparecer, tamén, coma un espazo amable para as aspiracións das nacións sen Estado. Ignoro se a CUP tiña todo isto previsto, coma se se tratase dun plan mestre. Dubido que así sexa, as dinámicas sociais son imprevisibles e a dialéctica política, cando comeza a rodar, non se sabe cara a onde vai parar. Porén, no tempo das consecuencias, o certo é que o movemento independentista esclareceu motísimo o panorama. Nese sentido, o carácter vangardista da CUP en todo o proceso independentista semella probado.
Nalgún momento da entrevista, Guillem Martínez, de novo apelando a un psicoloxismo inútil, pregúntalle ao entrevistado se os independentistas «estafaran á sociedade ou ao Estado.» Esta é a formulación por outras vías da actitude nin nin que adoptou a esquerda española. Ante uns feitos (referendum reprimido, nula vontade de dar unha saída política, autoritarismo borbónico) o nin nin segue xulgando intencións, motivacións e psicoloxías. Pero esta actitude nin nin que considera á sociedade vítima da propaganda e non motor que obrigou a quen só ía de farol a rematar cos ósos no cárcere é totalmente paternalista con esa mesma sociedade —o propio López Tena recoñece que a sociedade é motor cando di que os cadros medios de PDCat e ERC están contentos porque «electoralmente, no les van a correr a boinazos» (mellor non entrar nas connotacións de clase que contén falar de boinazos neste contexto).
Para entrevistador e entrevistado, a sociedade catalá semella estar composta por imbéciles que, cando escollen un camiño que non é exactamente o seu, están manipulados e suxestionados por TV3 (nin que dicir ten que, malia que TV3 sexa esa maquinaria manipuladora, a sociedade catalá ten ao seu dispor un abano de medios de comunicación —coas outras maquinarias manipuladoras estatais que tamén emiten en Cataluña— moitísimo máis variado ideoloxicamente que a sociedade española).
O seguinte gran argumentario que entrevistado e entrevistador (pois este é, realmente, quen ten interese en poñer na mesa unha serie de mensaxes que xustifiquen as súas propias posicións a priori) é que o proceso catalán tería reforzado o Réxime, xa que en España a fobia anticalana levaría ao pobo (que tamén debe ser medio bobo) a aliñarse co PP e o Borbón. Nesta análise, que en primeiro lugar aínda non está en absoluto confirmada nun Estado en crise estrutural que vai para longo, quen non aparece por ningún lado é o papel da esquerda española. O entrevistador, implicitamente, parece botar en cara á sociedade catalá (a través dos seus líderes) ir demasiado lonxe para as curtas entendedeiras da sociedade española.  No fondo, é a tese de Pablo Iglesias: o independentismo espertou o fascismo español. Claro que, se o espertou é porque sempre estivo aí. Pero, en todo caso, que papel cumpriu historicamente a esquerda española (Pablo Iglesias é, cada día dun xeito máis claro, unha criatura do PCE) para que ese fascismo supostamente durmido na sociedade española seguise, despois de corenta anos, aí? Que papel cumpriu a nova esquerda, xa na forma podemita, ao negarse a sacar do medio a Mariano Rajoy cando puido facelo? Unha esquerda (ou o que sexa que se chamen a si mesmos) incapaz de manter un discurso republicano, incapaz de aplicar o confederalismo a si mesma e que se nos días pares dicía asumir o dereito de autodeterminación os días impares dicía o contrario. Por que personaxes como Guillem Martínez se mostran tan autosuficientes e escépticos con que unha sociedade como a catalá teña a dous millóns de persoas mobilizadas arredor de valores democráticos e, en cambio, mostra unha actitude cara ao que realmente foi o 15M (non a intelectualización do mesmo que aparecía en libros aquí e acolá) moito máis comprensiva (lembremos que o 15M era, ademais dunha corrente democratizadora, antipoliticismo de clase media prefascista). Outro tanto fai cunha esquerda española desaparecida cando o aznarato comezou coa reconcentración de poder económico e político en Madrid para converter a esta capital na gran urbe captadora de investimentos globais do sur de Europa (algo que, sen dúbida, está detrás do escoramento cara ao independentismo da sociedade catalana). Unha esquerda española que volve mostrar vertixe e paternalismo coa súa propia sociedade cando se trata de manter un discurso claramente anti-Réxime.
A táctica do arqueiro de Maquiavelo non só serve para xulgar ao independentismo. O podemismo que ía asaltar os ceos mostrouse igual de inxenuo e posibilista que o independentismo que ía construír o nou estat en Europa (iso si, non hai ningún podemita no caldeiro nin fuxido a Bruxelas).
Por que no Estado español, e esta é unha pregunta que me fago recorrentemente, este tipo de libertarios, municipalistas, negrianos e demais sectores teoricamente antiestatalistas sempre, idefectiblemente, cando se trata de escoller entre o Estado español constituído e calquera outro Estado por constituír, escollen a trincheira que permita a continuídade do primeiro? Misterios.

Sem comentários: