12/09/2017

Preguntas retóricas sobre a reacción político-partidaria "ao de Lídia"

Teño un fillo de seis anos. Está vacinado. Penso que non teño que dicir moito máis sobre a miña opinión arredor da cuestión das vacinas.

Agora, por que a présa de Anova en desmarcarse de Lídia? Por que, nun espazo onde as incoherencias e contradicións políticas son tantas que non chegan os dedos das mans e dos pés para contalas (por dicilo con Martiño Noriega, «as contradicións son permanentes»), aparece, con tanta rapidez, claridade expositiva e rotundidade (bendito todo isto, pero sempre!), un posicionamento de Anova sobre quen, ata hai pouco, foi a súa candidata? Unha candidata, anímovos a ir á hemeroteca, pola que Xosé Manuel Beiras (quen, dado que aparece e desaparece, aínda non sabemos ben se deixou a Portavocía Nacional desa organización ou non) se desviviu en eloxios e, mesmo, en admiración persoal?

Unha clave dábaa Rubén Pérez, secretario de organización de EU, quen, segundo Sermos Galiza, lembra o que xa sabiamos: que ese partido non recoñece a Lídia Senra como a súa eurodeputada, sendo que "funciona" como "non adscrita" e que "non rende contas a ninguén". Que é o que nos está a dicir a declaración de Rubén Pérez? O evidente, que Lídia Senra negouse a ser comparsa de Podemos e EU no Parlamento Europeo desde hai ben tempo. Negouse, pois, a seguir a estratexia submisa de Anova cos seus socios estatais.

Preguntémonos, agora, por que Lídia Senra, a diferenza de, por exemplo, Alexandra Fernández, ten máis autonomía para facer traballo de seu (porque, con erros ou sen eles, traballo fai e fixo abondo), habida conta que estes novos partidos líquidos non teñen militancia organizada con capacidade tanto de fiscalizar nada, como de dar substento político e programático ás figuras que colocan nas institucións? Tena porque o Parlamento Europeo dá suficiencia económica aos seus eurodeputados, mentres que no Congreso, Alexandra Fernández é completamente dependente (si, unha deputada dun partido formalmente independentista é dependente) do parecer, principalmente, de Yolanda Díaz e de Antonio Gómez-Reino (o resto, a comezar por Xaime Subiela, coordenador do grupo —posto por Anova, por certo— pasando polo outro deputado de Anova, ou son conversos ao podemismo ou asiduos á procesión dos caladiños).

Outra preguntiña. Que órgano debería intervir para que Alexandra Fernández, quen deu mostras a través das súas inciativas e posicionamentos públicos, de ter unha idea de Galicia totalmente coherente cos principios fundacionais de Anova, puidese achegar ao mal chamado grupo Confederal —ten de confederal o que eu de podemita— a visión política de Anova? A mesa de coordinación da coalición (si!, lembrádeo, En Marea no Congreso non é un partido é unha coalición!!). Un órgano previsto para actuar como fiscalizador da acción dos deputados en Madrid. Un órgano previsto, precisamente, para evitar o que está a suceder: que aqueles deputados pertencentes ás organizacións estatais poidan marcar as posicións, dada a súa vantaxe material, pois teñen o repaldo de organizacións máis amplas, con máis cargos políticos e con máis liberados no Congreso. Cando se reuniu esa mesa de coordinación? Nunca. Quen fiscaliza, logo, a acción dos deputados de En Marea en Madrid, e en base a que principios programáticos? Ninguén. Algunha vez Anova se posicionou sobre eses deputados? Nunca.

Pero imos ao Parlamento Galego. Quen fiscaliza aos deputados do grupo En Marea que non votan en contra da aplicación do artigo 155 en Cataluña cando o principio da plurinacionalidade do Estado, o carácter de Galicia como suxeito político e a defensa do principio de autodeterminación formaban parte do seu programa? Ninguén. Algunha vez Anova se posicionou con rotundidade a este respecto? Nunca. Que o grande —só de tamaño— Rubén Pérez non recoñeza a Eva Solla como deputada por ir por libre a respecto do que di o programa de En Marea converteríao nun campión da coherencia, polo tanto, non sucederá ;)

Tiramos, logo, a conclusión de que á dirección de Anova lle entrou unha preocupación irrefreable polo asunto das vacinas ou, ponderando mellor o choio, comezamos a pensar que no que respecta aos movementos partidarios que estamos a presenciar arredor desta cuestión, volvemos corroborar que Anova só premia aos cargos submisos ás directrices das organizacións estatais? Deixamos de ver o dedo e vemos a lúa ou é que xa nos volvemos todos rematadamente parvos-as?

Sem comentários: