8/01/2017

Esquerda española e autodeterminación

O problema da esquerda española coa autodeterminación estriba en que, a diferenza dos soberanismos de esquerda "periféricos", vén dunha tradición que asumiu/colaborou na "Transición pactada". De aí que, malia a retórica antiréxime do 78 que saca de cando en vez  —quizais porque o incerto «momento 15M», coa súa indefinición de cara ao futuro, pero co seu rexeitamento de cara ao pasado, puido, nalgún intre, dar a sensación de que ía tirar pola vía da emenda á totalidade aos últimos 40 anos de historia de España—, asuma como lexítimo o ordenamento legal emanado desa "Transición pactada" e considere un acto que violenta o Dereito rachar ese réxime legal (ao fin e ao cabo, para gobernar co PSOE hai que aceptar ese réxime legal, co pack-monarquía incluído).
A do 78 é a Constitución que representa a continuidade do proxecto "modernizador" do franquismo posterior ao Plan de Estabilización de 1959, cando o réxime fascista, xa plenamente integrado na órbita do bando gañador da Segunda Guerra Mundial, asenta o modelo produtivo español baseado na construcción e no turismo. O modelo que dará lugar á clase media que, pasado o tempo —un 15 de maio de 2011— se revolverá ante a perspectiva de que, co estourido da burbulla inmobiliaria, puidese perigar o seu anaco de torta. É así que a Constitución do 78 encaixa, tamén á perfección, co segundo momento "modernizador": o hexemonizado polo PSOE (a famosa e posmoderna Cultura da Transición creada polos papás e mamás, en moitos casos literais, dos podemitas) que tivo o seu momento de esplendor nos fastos de 1992 —a recente foto de Ada Colau con Pasqual Margall, celebrando o aniversario dos Xogos Olímpicos de BCN tamén foi bastante elocuente— e que comezou a abalar coa carta do Presidente do BCE, Jean Claude Thrichet, a José Luis Rodríguez Zapatero para que "reformase" pola vía rápida o artigo nº 135.
En realidade, os podemitas e satélites só enganaron a quen se deixou enganar. Un dos seus lemas electorais, cando ían asaltar os ceos, era bastante nítido: a do 78 era «La constitución de nuestros padres». Dos seus, claro. Os da "periferia" sempre preferiron cantar o de "somos os fillos dos obreiros que nunca puidestes matar, somos os netos dos que perderon a guerra civil"; por iso Otegi, en certa ocasión, puido resumir ben o asunto nunha breve frase: «para ser demócrata, primeiro hai que ser antifascista.» Ese é xusto o capítulo que se saltou a historia recente de España coa Transición; a diferenza do ocorrido noutros Estados da contorna, como, por exemplo, a Italia da posguerra na que o PCI viu un camiño para facer política asumindo a Constitución antifascista ou o Portugal dos Cravos e a súa Carta Magna que mesmo mencionaba a posibilidade de socializar os medios de produción.
Así, non pode estrañar que a vía española fose recomendada a países de historia recente tan macabra como Chile, e tampouco pode estrañar que, á hora de contar o que está a suceder en Venezuela, xurda, non por casualidade, nos medios de comunicación de masas españois, o vello golpismo e desprezo á democracia de-toda-la-vida.

Sem comentários: