Un defensor da copla en tanto que expresión da cultura popular española como foi Manuel Vázquez Montalbán, quen sempre se laiou da apropiación polo franquismo dese xénero —do mesmo xeito que o salazarismo se apropiaría do fado— estaría (penso) encantado coa nova fornada de cantoras de coplas que está a xurdir, principalmente —e seguro que non por casualidade pois esta foi a terra tamén de Montalbán— en Cataluña.
Silvia Pérez Cruz, Rosalía, son nomes que están a reiventar a copla (e o flamenco) a base de mesturala con sonoridades vindas do que nos noventa foi a escena indie (a man de Raül Fernández é longa).
Salvo a tentativa do experimento de Lagartija Nick con Enrique Morente, e o seu proxecto Omega (1996), por deslindarse da parvicie imitadora do anglosaxón que nos noventa chegou a cotas —aquel inglés macarrónico de tantos grupos— verdadeiramente ridículas, e dos últimos traballos aflamencados de Los Planetas, o gusto dos antigos indies pola Nova Copla Catalá demostra a madurez (tamén física, ai! facémonos maiores!) daqueles.
Este pouso popular de raíz andaluza que xa estaba presente en Cataluña a través da rumba é, creo, un fenómeno urbano produto da inmigración. Velaí un xénero, a canción urbana popular, que non temos, nin por forza poderiamos ter, nun país como Galicia ata hai ben pouco (quen o diría hoxe!) case totalmente agrario e mariñeiro e máis produtor que receptor de migrantes (p. e.: os pais de Montalbán e de Pérez Cruz). Porén, entre as novas coplistas catalás hai unha, María Arnal, na que a jota tamén está presente. Haberá logo un camiño para que a nosa música popular do vello mundo agrario se renove nestas claves? Quen se atreve?
Sem comentários:
Enviar um comentário