1) Que é para ti Galiza, hoxe?
Para min «Galiza», así, en abstracto, non é nada. Outra cousa é o
potencial identificativo que aínda poida ter, nun número —cada vez máis
minguante— de galegos e galegas concretos e reais algo así chamado. Pero
este algo que referencia a unha certa xeografía, historia e legado
cultural humano é algo tamén aberto a ser enchido con múltiples
significados e proxectos, sobre todo no que ten que ver ca súa posta en
práctica futura; significados e proxectos que son, por forza,
contraditorios entre si.
Neste sentido, a nivel político, interésame a idea de Galiza na
medida en que consiga representar unha serie de valores éticos,
ideolóxicos, culturais..., cos que me identifico, e que non son
precisamente os dominantes na sociedade galega actual. Considero que
Galiza, hoxe —o que debería representar Galiza—, aínda ten algún
potencial como aglutinante de certas ideas como poidan ser as de
soberanía política, igualdade material, resistencia fronte a
homologación cultural capitalista... Na medida en que aínda sirva para
iso, pensar nalgo chamado Galiza, —en tanto que "resumo simbólico", máis
ou menos flexible dun territorio, cultura ou ethos colectivo que, se
ben sempre se debe pensar en movemento e nunca totalmente pechado ou
coagulado, tampouco se ten por que concebir baixo o prisma nihilista do
círculo da "destrución creativa" (cada vez máis destrución destrutiva
cultural capitalista)—, na medida en que sirva para isto, digo, cabe a
posibilidade de seguir a reivindicar algo chamado Galiza en tanto que
proxecto político.
2) Como consideras que será a Galiza dentro de 10 anos?
A Galiza concreta, a da paisaxe humana que sofre a explotación entre
clases sociais e tamén, como consecuencia, a así concebida como resumo
simbólico duns certos valores diferentes dos dominantes, véxoa do mesmo
xeito que vexo a eses valores e ideas políticas: derrotadas. O conxunto
de persoas que habitan este recuncho que aínda se identifica por tal
nome, son, cada vez máis, uns clons culturais do molde que impón o
capitalismo globalizado. A Galiza de dentro de dez anos, vendo o ermo
político no que estamos, só pode ser unha versión aínda máis requintada
da McGaliza que xa habitamos; unha periferia da periferia sur europea,
totalmente deglutida polo paradigma cultural xerado no "século
americano" e co agravante de que aquí non dispomos da ferramenta estatal
(xa bastante mermada nos mesmos estados europeos) para trazar unha
devasa, un cortalumes político-económico, que free ese proceso de
macdonalización.
3) Como che gustaría que fose Galiza, idealmente? Como entendes que se pode chegar aí?
Nada pode ser idealmente. O que vaia ser desta sociedade que aínda
podemos identificar, máis ou menos, como galega, será o froito da súa
propia acción colectiva. De momento, creo que se conseguimos reverter o
proceso destrutivo en todas as ordes, se conseguimos, simplemente,
resistir, xa estariamos facendo dabondo. Lamentablemente, creo que nin
siquera estamos en condicións de resistir. Pero oxalá me equivoque.
4) Que aspectos e sectores deben ser prioritarios para
conseguirmos mellorar como sociedade? Como consideras que se deben
garantir servizos públicos universais e de calidade?
A idea de servizos públicos universais está directamente ligada á
existencia dun Estado. O Estado, non concebido unicamente como
maquinaria burocrático-represivo-administrativa, senón tamén como
expresión da correlación de forzas existente entre as clases sociais na
Sociedade Civil; é dicir, o Estado como universo ético dunha sociedade. É
imposible concebir a idea de servizos públicos sen a existencia dunha
idea de Estado como da que falo. Construír ese Estado, construílo xa,
aquí e agora, é a tarefa primordial.
Por outra banda, na miña opinión, a principal novidade que cómpre
introducir na nosa idea de "progreso" como sociedade, é a da existencia
de límites ao puro desenvolvimentismo económico —os límites ecolóxicos—,
hoxe representado, como nunca, na idea da globalización económica
capitalista. Isto, no noso país, tería unha translación, no plano
político práctico, por exemplo, pola aposta decidida na recuperación do
sector primario con criterios soberanistas, hoxe afogado no inmenso
"deserto verde" posto a disposición de vellas e novas transnacionais
extractivas, en que se converteu o país.
5) Que perspectiva tes sobre a Galiza no mundo? Con que espazos e culturas debería profundar a súa relación?
Os galegos e galegas concretos teñen ao seu dispor un gran potencial
para conectar tanto co mundo hispano falante como co lusófono. A
viabilidade dunha sociedade soberana galega —o devalo do peso
demográfico non fai máis que confirmar isto— pasa, dada a basculación
mediterránea do Estado español, pola súa relación con Portugal. Agora
ben, en toda esta cuestión non se pode perder de vista a existencia dun
ente supraestatal antidemocrático chamado Unión Europea —e
intrinsecamente neoliberal polo menos na zona euro— moitas veces
concebido, ao meu ver erroneamente, como unha vía de escape do Estado
Español —mesmo de escape, en certos sectores da "nova esquerda", da
propia idea de Estado— e unha ponte de ouro con Portugal. Ao meu
entender, Galiza debería ser quen de apostar polo autofortalecemento
demográfico, económico, cultural que lle daría unha maior relación con
Portugal, sen perder de vista que é a través da consecución dun Estado
(que non ten necesariamente que ser pensado como Estado "independente") e
non a través da disolución nun ente supraestatal baleirado de contido
político, como se poderá realmente fortalecer esa idea de Galiza que
disque temos.
6) Para onde deberíamos camiñar colectivamente como país, ao teu ver?
Eu diría que máis que pensar en grandes metas o que lle cómpre, polo
menos para quen pensamos nun proxecto de Galiza como o que vimos
falando, é, simplemente, seguir a camiñar; o que non é outra cousa que
facer aquí e agora. Facer Estado. Aínda que, como xa dixen antes, se ese
facer camiño nos servise unicamente para resistir xa estariamos
logrando algo importante.
7) Que representa para ti a soberanía e que impacto ten (ou debe ter) na vida diaria da xente?
A soberanía é fundamental como concepto integral. Soberanía é
autodeterminación en todos os eidos: político, económico, cultural,
psicolóxico, afectivo... Se hai unha idea á que é refractario o
capitalismo é á idea de soberanía, á idea de que o pobo —que existe de
xeito concreto e real en forma de "os pobos"— non unicamente o pequeno
grupo de detentadores do capital (económico ou simbólico), ten o dereito
a dicir cara a onde ten que dirixirse a, supostamente, cega man
invisible que guía ás forzas "abstractas" e "neutras" da acumulación de
capital.
8) Que referentes consideras interesantes e con recoñecemento aínda insuficiente na sociedade?
Eu diría que todos os esforzos por deslindar a Marx e ao(s)
marxismo(s) do desenvolvimentismo, de vencellar a idea de progreso
humano coa idea de equilibrio ecolóxico —sen que este ecoloxismo
desemboque nun antihumanismo primitivista ou nunha devaluación do
humano— deberían ter máis consideración por parte de todos e todas.
9) Que valoración fas, a día de hoxe, do concepto de hexemonía, e que aplicación pode e debe ter en Galiza?
O primeiro que cómpre dicir é que hexemonía non é conseguir "vencer
no relato", ou no "discurso", como se adoita pensar desde a esquerda
posmoderna: iso, en todo caso, é unha consecuencia posterior da
hexemonía na Sociedade Civil; o lugar, segundo Gramsci, onde se produce a
loita de clases e onde se substancia o ethos da sociedade —a través da
acción colectiva da propia sociedade, non da propaganda e os trucos
mediáticos de iluminados, por máis vistosos que sexan—, o que dará
lugar, así mesmo, a determinada substanciación na orde legal e política.
Polo tanto, ser hexemónico nun Estado complexo do capitalismo
globalizado, a diferenza de gozar dos quince minutos de fama dos que
falaba Warhol, require a construción das "casamatas" e "fortíns", das
que tamén falaba Gramsci, na Sociedade Civil. Iso, no caso galego, pasa
polo "facer camiño" que comentabamos antes. De construír Estado, aquí e
agora. Sen esa base, sen esa construción previa de estruturas, sen esa
creación social colectiva dos que deciden poñerse a camiñar de xeito
autónomo a respecto das oligarquías sen agardar o seu visto e pracet, a
hexemonía entendida só como "relato" ou "discurso" é flor dun día.
Sem comentários:
Enviar um comentário