8/01/2016

Sobre a consulta de Podemos Galicia

Podemos Galicia está a celebrar estes días unha consulta para decidir como concorrerá ás vindeiras eleccións autónomicas. Antes, celebrou unha votación presencial non vinculante, é dicir,  celebrou unha votación para que os militantes desa organización xogasen un pouco aos partidos políticos, na que venceu con claridade a opción de concorrer en solitario. Mentres tiña lugar esa votación, os líderes supremos da Complutense, emitían senllos twits apostando pola chamada Asemblea Constituínte da Marea.
As redes sociais, estes días, ínzanse de chamamentos a prol ou en contra de que Podemos Galicia concorra en solitario. Deixando fóra os chamamentos máis ou menos naif á Unidade Popular, a estar á altura do "momento histórico" e á retorica "gañadora" que considera que vai suceder o improbable, é dicir, que Feijóo vai perder as eleccións, gustaríame facer un comentario a respecto do argumento de xente que, de boa fe, considera que a integración de Podemos no espazo da Marea contribuirá a que esta perda o seu carácter sucursalista. 
Sucede, en realidade, o contrario. O mellor que lle podería pasar a Podemos para afianzarse en Galicia e borrar do mapa toda idea de proxecto non subalterno (o que, insisto, non quere dicir nacionalista) sería que a militancia de Podemos escolla integrarse na Marea (parto de que efectivamente os militantes van poder escoller realmente e que HAL8000, a tecnoloxía podemita de votación telemática non intervirá para que os "plans saian ben"). Os da complutense saben perfectamente que Podemos en Galicia precisa cadros. O espazo á esquerda do PSOE aquí estivo sempre ocupada polo nacionalismo. O peso de EU é residual, e o capital humano que esta organización pode achegar a Podemos Galicia é pequeno. Fóra dos elementos de EU nucleados arredor de Yolanda Díaz (meras correas de transmisión de Pablo Iglesias aquí) o outro grupo de cadros aos que pode recurrir Podemos Galicia é o nucleado arredor de Marea Atlántica. Este grupo, coa axuda inestimable dos líderes de Anova (cuxo proxecto a medio prazo, se existe, descoñezo), conseguiu algo ben meritorio: imprimir o seu selo organizativo e (post)ideolóxico á Marea Galega nacente.
O futuro de Podemos Galicia pasa por este novo artefacto. Co mundo Anova reducido á caricatura, e despois dun proceso no que o partido de Beiras tragou coa ficción de que EU-Marea Atlántica-Podemos-Mareas en Común son espazos diferentes e merecentes de cadanseu posto nos sucesivos organismos (a xestora, a coordinadora política), é dicir, despois de aceptar organismos rectores nos que o proxecto estratéxico de Anova estará sempre en minoría a respecto do proxecto estratéxico do bloque EU-Podemos-MA, o caladoiro de cadros que precisa Podemos está neste espazo. Os madrileños sábeno. Saben que se sae vencedora a opción comandada por Carmen Santos e os seus mariachis Podemos está morto: quedaría en mans dun club de frikies e incapaces. 
Precisamente por iso, porque non quero un proxecto da esquerda en Galicia subalterno e sucursalista eu avogo porque Podemos Galicia escolla concorrer en solitario ás eleccións. Si se puede.

3 comentários:

Costadamorte disse...

Coma son parte interesada, (por enemigo e contrario a todos eles), abstereime de opinar!...
Nembargantes unha consideración xeral, (adicada a istes, pero tamén a PP, PSOE e mesmo os meus afíns do BNG ou CxG!)...
Lamentable ise eloxio da reproducción por cooptación das élites políticas, (os "cadros dunha exposición", o eloxio do político profesional de carreira, o Fouché de turno capaz de servir por igual a Robespierre, a Napoleón ou a Louis XVIII, o intrigante que para todo vale con tal de estar no poder e ter un salario por elo)...
Ah!... e case sempre eu estarei con frikis e incapaces aos que move o idealismo, ou o crer que existe iso que chaman democracia!... (probes idiotas que o creeron!)...
Que vivan os outsiders... COÑO!...
Como ilustración musical:
https://www.youtube.com/watch?v=kkC3chi_ysw

Tizmen disse...

No teu anterior articulo sobre o Chamamneto de Vidan comentabas que ten certa gracia o escrito feito polos que ata antonte tiñan responsabilidades dentro do BNG. Pois ben, cando dís que descoñeces o proxecto de ANOVA ou criticas a súa deriva esqueces que ti tamén formas ou formabas parte dos seus organos de decisión. Penso que ANOVA, con todos os seus erros, segue a ser unha boa ferramenta. Estás a facer o mesmo que xa fixeron outros e que foron criticados por ti por abandoar o barco (seguro que podes por nomes). Segue no frente que penso que este precisa de ti.

O Fuco disse...

Tes mala información. Eu non estaba en ningún órgano de decisión de Anova. Nin na Coordinadora nin na Permanente. Saúde.