Dicía hai un par de días, a respecto dos
Principios Básicos de Mareas en Común, que o termo "clase social" non
aparecía por ningures e que o groso dos documentos eran un destilado da
"nova esquerda sen esquerda" que o fenómeno Podemos puxo de moda no
Estado español.
Coma se dun reflexo exacto se tratase volvo
atopar, no Chamamento de Vidán, un pouco máis dese andazo
transversalista. No manifesto xa non é que non se fale de clases sociais é que,
directamente, non aparece a palabra esquerda.
Coma se estivesemos ante unha nova tentativa de
quintanismo 3.0, este manifesto avoga por:
"Sentar as bases para unha
organización nacionalista de nova planta, sólida, con vocación maioritaria,
transversal e que xunte a todas as persoas que teñen Galiza como nación."
Resulta especialmente abraiante que
quen rexeita o esquema que guiou o discurso político do BNG durante todos estes
anos teña como a súa proposta estratéxica algo ben parecido ao que, de sempre,
formulou o BNG. Porque, alén da retórica comunistoide de consumo interno da UPG, o certo é que a
acción política pública do BNG en todo este tempo pasou por centrar toda contradición
no aspecto nacional e en considerar a Galicia -pola vía traseira dos remanentes
de ideoloxía terceiromundista que aína habitaba nel- coma un todo homoxéneo e pouco
complexo no seu interior para os que os seus males sempre viñan de España e
nunca da lóxica endiañada do capitalismo globalizado ou do baleirado de
soberanía e, polo tanto, de substancia democrática, que institucións como a UE
viñan practicando aos Estados.
A este respecto, igual de grave que a
ausencia do termo esquerda no Chamamento de Vidán é a ausencia de calquera
mención á Unión Europea, máxime cando este organismo está a ter un protagonismo
como nunca na depauperación das condicións materiais de vida dos galegos e galegas e na
calidade da súa democracia.
Por outra banda, ten certa graza que
esta crítica a faga quen non só leva toda a vida aí dentro (algunha responsabilidade terán sobre o devir do BNG) senón que ata hai
dous días seguía mantendo que ese era o proxecto válido e de futuro e que os
que o abandoaramos hai tempo eramos pouco menos que traidores á pátria.
Sostiven desde o principio que Podemos
-segundo como o proxectaba o seu maior ideólogo, Íñigo Errejón- era un
nacionalismo de tipo peronista que pretendía cancelar as contradicións sociais
detrás da noción de "pueblo".
O que se enxerga tras esa
"organización de nova planta" que propoñen os de Vidán é unha cousa
semellante. Ben, iso, ou algo moito máis prosaico: un sindicato de cadros de
perfil técnico que, cun BNG por debaixo do 3%, precisan un lugar onde prestar os
seus servizos.
Sem comentários:
Enviar um comentário