7/21/2016

Asemblea do 30: desborde democrático ou calote

Tras botar  un ollo aos documentos de MeC que disque van servir de base o día 30 quixera sinalar algunhas cuestións. 

Creo que este conxunto de documentos merece unha enmenda á totalidade polo mero feito de estaren totalmente descompensados.

O documento titulado "Principios básicos" é politicamente inane. Trátase dunha simple relación de grandes principios sen concreción. Tan abertos e xerais que resultan inútiles politicamente. Neles só se enuncian vaguidades que poderían aparecer nos principios de calquera partido socioliberal.  

Os principios básicos só se pronuncian a respecto do que poderiamos chamar loitas culturais. No político-económico non se pronuncian a respecto de nada. O termo "clase social" non aparece. Tampouco se fala sobre a configuración do Estado que queremos, nin sobre que pensamos da UE e o euro e as súas consecuencias no noso país, nin de que tipo de acción política se pode realizar nas institucións, nin como se poden superar os límites institucionais, nin cómo pensar alternativas desde a esquerda á globalización capitalista. 

Hai unha preponderancia do metodolóxico fronte o político realmente alarmante. O que isto agacha é a ilusión tecnocrática de concebir a política como cuestión de método científico: unha boa metodoloxía, por si mesma, é quen de mitigar toda contradición política. O mesmo sucede coa cuestión da ética. O documento sobre o "Código ético" comeza xa enunciando o pecado: "a ética é unha ciencia". Pois claro que non. A ética, como a política, non é unha ciencia. A ética é unha praxe. Hai éticas e hai políticas que responden a distintos intereses sociais en pugna. Non hai unha ética universal que cancele as contradicións na sociedade. 
 
Por outra banda, nunha das últimas comunicacións da "xestora" resulta entrañable a inventio do termo "achega" en lugar do claro e diáfano "emenda". Trátase do último achado en neolingua posmo. Isto non revistiría especial gravidade se, a seguir, non se dixese o seguinte:

A partir desa data [25 de xullo], comezará a fase de debate das diferentes propostas, procurando chegar ao máximo consenso nos documentos que se presenten o próximo 30 de xullo en Vigo. 

Quen debate e elabora ese consenso? Non sabemos. Será a xestora que, disque, non é un órgano político? Non debería ser a propia asemblea do 30 quen decida sobre as "achegas" e consensos finais?

Ou moito me equivoco ou creo que esa asemblea só servirá para algo se conseguimos que se desborde. Se se participa coa idea de que, dunha santa vez, comecemos a falar de política e non de conceptos baleiros e onanismos metodolóxicos escritos na nova xerga da esquerda sen esquerda. 

Ou asistimos á asemblea do 30 coa vontade democrática de que a política entre en escea ou asistiremos ao bautizo dunha nova candidatura electoral cuxas costuras comezarán a tensarse o día despois das eleccións.

Sem comentários: