A vaga de incendios que este verán volve
infestar os montes do sur de Galicia danos a imaxe exacta do rostro neoliberal.
O laissez faire urbanístico: vilas e
parroquias sen ningún tipo de planificación racional que non sexa a da
racionalidade inmobiliaria e a da racionalidade dos alcaldes
"ti-vai-facendo".
O laissez faire forestal: monocultivo de masas
arbóreas ao servizo da industria da pasta de papel sen máis criterio para a súa
distribución no territorio que o rendemento económico a curto prazo e sen
atender, en ningún caso, a outros criterios como poidan ser o social, o cultural
e xa non digamos o ambiental.
A non comparecencia do Estado: entendido este
non como unha administración concreta, senón como o aparato burocrático
organizativo encargado de velar polo benestar das persoas e cuxa función vaia
alén de reservarse o monopolio da violencia para protexer a propiedade privada;
a este respecto, comeza a ser unha imaxe recurrente a da cidadanía galega do
común substituíndo, cos seus propios medios e pola súa conta e risco, as
funcións do Estado, xa sexa -no seu momento- para levar os sumidoiros ou a auga
corrente ás casas das parroquias e extrarradios das cidades, xa sexa para
recoller chapapote nas rías a bordo de chalanas, xa sexa para apagar lapas de
varios metros de altura con caldeiros e mangueiras. Os lumes forestais en
Galicia ofrecen a viva imaxe do que significa, para as clases populares, a
utopía neoliberal do Estado mínimo e da "sociedade civil" (tal como a
entenden os liberais) forte.
A substitución -provocada polo carácter
"revolucionario" do capitalismo- de modos de vida e de ocupación do
territorio simbióticos co monte por núcleos poboacionais postindustriais enclavados
en grandes extensións de terra dedicadas unicamente á explotación intensiva e
neocolonial da madeira.
O papel dos medios de comunicación de masas
como encubridores dos mesmos políticos de medio pelo que lexislan para que todo
este caos sexa posible, que recortan, coa escusa da austeridade imposta polo
capital, na dotación de medios de prevención e extinción pero que reparten,
profusamente, subvencións con diñeiro público a eses mesmos medios de
desinformación.
A naturalización da política,
neste caso apelando á climatoloxía; como se a realidade dunha relativa seca nos
verás do sur galego (a diferenza, por exemplo, do norte do país) non fose un
dato coñecido e previsible que o político debe tentar superar, non aceptar como
unha fatalidade inexorable do destino ante a que só resta cruzar os brazos e
rezar.
Por último, a énfase no aspecto penal do problema do lume (os lumes coma un asunto de delicuencia individual) como xeito de encubrir o carácter político da existencia de incendios forestais.
Sem comentários:
Enviar um comentário