8/20/2016

Sobre as primarias de En Marea

Pasemos por alto os variados despropósitos sucedidos no proceso das primarias de En Marea, entre os cales, dos máis graves, se atopa a revocación pola Coordinadora da decisión da asemblea do Mar de Vigo de que non houbese voto telemático. Centrémonos só en que se produciron esas primarias e lembremos aquilo que se podía deducir do que dicía Francisco Louçà nun seu artigo sobre ese sistema: as primarias tenden a "normalizar" as propostas dos partidos. E, efectivamente, iso é algo facilmente comprobable na candidatura saída das primarias de En Marea.

No eixo nacional, a irrupción fortisima de Podemos nas listas de En Marea -despois, compre lembralo, dunha campaña desacomplexadamente colonial; carabelas incluídas- suporá a entrada no espazo da esquerda galega duns deputados cuxa axenda pasa máis por Madrid que por Galicia. E, salvo para pánfilos irredentos e amigos da impostura, un partido cunha axenda de construcción organizativa propia máis que clara ao que o da Unidade Popular lle soa a cousa de pitufos gruñóns.

No eixo esquerda-dereita a normalización tamén é evidente.

O apoio de Beiras-Anova ao candidato Villares -un home, por forza de profesión, de orde, como xa está a deixar claro en entrevistas; velaí a súa crenza na preponderancia da Lei escrita sobre a Política por exemplo arredor da posible inhabilitación de Otegi- cuxo discurso político é francamente semellante ao de Quintana (o cal en si non ten nada malo, salvo pola peculiaridade de que os que onte protestaban polo xiro á dereita de Quintana hoxe aplauden o charmé de Villares) só é comprensible a través dunha pirueta de dobre salto mortal discursiva de dimensións olímpicas que nos conduce, sen solución de continuídade, de "a Constitución está cancelada de facto", "vivimos na Autoanemia" e estamos "no IV Reich sen Wehrmacht" á ladaíña do aproveitamento competencial e da Constitución como límite.

Da entrada masiva do posmarxismo podemita, nas súas distintas tribus galaicas, só se pode agardar xornadas gloriosas de navalleo pola cuestión alimentaria dos cargos, qualunquismo, galeguismo sentimentaloide de raíz fraguiana e festival de significantes baleiros.

Os resultados de EU, discretos, son dignos para un partido da súa forza e militancia en Galicia pero, que Fajardo quedase nun posto moi baixo e a xente de Yolanda Díaz quedase en postos aceptables son, de novo, boas novas para Podemos.

Quen sacou boa tallada do proceso foi Cerna, os que deixaran "o barco entre as pedras" e que moita militancia en Anova criticaba por autonomistas, rendibilizando altamente en potenciais deputados o seu pequeno tamaño en militancia e en incidencia social. Tallada abondosa sacou tamén o espírito de Quintana co ex senador e ex CxG Pérez Bouza nun bo posto de saída por Ourense.

A derrotada, sen paliativos, deste proceso é Anova. Algo, por outra banda, previsible e predicido. O partido de Beiras, alguén cun capital político importante neste país, non un chaíñas calquera, celebra conseguir dous postos de saída en Coruña e Ourense (como se non estivesemos a falar dunhas galegas e non dunhas xerais!) e asiste con xúbilo á realidade de que en Pontevedra o seu primeiro militante sexa o número 8 (despois de ceder, nun xesto de dadivosidade realmente rechamante, o número un da candidatura a unha militante de Anticapitalistas-Podemos).

Canto á Marea Atlántica, o que xa sabiamos. Por si mesmos son pouca cousa. Un mero apéndice de Podemos cuxa militancia, como é obvio, prefire o orixinal á copia, de aí que o candidato de MA quedase relegado ao número sete da candidatura da Coruña.

En suma, unha ensalada de ingredientes variados e máis ben insípidos que, de seguro, dará grandes espectáculos no Parlamento e que só ten, no medio prazo, dous destinos posibles: asimilación con Podemos ou implosión.

1 comentário:

Unknown disse...

Este e a resulta dun partido instrumental mal artellado que nunca debeu esistir despois dos experencias dos concellos de curuña, santiago e ferrol, o que mal anda mal acaba?