1. Síntoo, nunca crin no de "gañar", porque
sei que os cambios políticos reais dependen de máis cousas que dunhas
eleccións. Quen lea a Gramsci directamente e non a Gramsci laclaunizado saberá
que o cambio de hexemonía se produce cando se crea unha orde nova, un novo ethos na sociedade e a creación deste pasa por cambios materiais na
vida cotiá. Vaia, que nunca haberá cambio de hexemonía mentres este dependa,
por exemplo, dun mando a distancia de TV, senón cando a sociedade produza, por
exemplo, un lecer distinto ao de tragar programas de televisión. A palabra hexemonía úsase moi á lixeira, témome. Menos aínda
crin no de "gañar" se polo medio non só non se producía ethos novo senón que mesmo había que
desfacerse de tanta "mochila" que un xa se parecía máis ao inimigo
que a si mesmo. Non acabo de entender para que sirve gañar se polo medio hai que facer todo tipo de renuncias ideolóxicas, pero, se malia facelas, malia dar máis bandazos discursivos que un borracho nunha pista de xeo e malia evitar
temas fundamentais do presente político pola súa suposta impopularidade
tampouco sirve para gañar, entón simplemente sucede que algo ou alguén está moi
trabucado.
2. A miña desafección con En Marea comezou, primeiramente,
por cuestións persoais dado o trato que recibiu aí dentro xente que quero ben e
á que respecto. Desde entón, En Marea era para min un sorriso andante cos dentes
podres. Pero, xa politicamente, unha das pingas que colmou o vaso foi a rolda
de prensa ("oh, un golpe mestre, dicían") na que Pablo Iglesias comezou a
repartir ministerios e vicepresidencias. Ninguén de nós, enténdase, ninguén sen
liña directa con Podemos, sabiamos nada desa rolda de prensa (de aí que a
portavoz de En Marea non aparecese nela). Un caso de deslealdade inaceptable
que, ademais, foi politicamente unha xogada nefasta e, en boa medida,
responsable da catástrofe de onte. A soberbia fíxoos empeñarse no farol da vía
valenciana cando era posible a vía portuguesa -botar a Rajoy, negociar a
investidura e deixar gobernar ao PSOE con Ciudadanos, chegar a acordos no que
se puidese, deixalos xestionar os recortes de Bruxelas e facer oposición
antiausteridade-. Lamentablemente, este atropelo inaceptable foi aceptado por Beiras e Anova.
3. A soberbia non fixo máis que aumentar co
acordo IU-Podemos a nivel estatal. Pero, desta volta, a soberbia veu da man de
elementos de Esquerda Unida. Nun caso de ingratitude e amnesia verdadeiramente
notables, cando a experiencia de AGE era ben recente, a estratexia consistiu en
elimiar a Anova (coa axuda inestimable, por outra banda, de Marea Atlántica e o
seu chiringuito Mareas en Común). Nada de partido instrumental, nada de
reelección de listas, nada de asembleas decisorias de En Marea. Víanse fortes e
foron a por todas; se ben é certo tamén que houbo pouca vontade de dar a batalla e mesmo algún repregramento pouco comprensible dalgún líder de Anova chamado a papeis importantes.
4. Podemos vai camiño non só de ser o partido que
máis rápido se aggiornou na historia
política do mundo e parte da galaxia senón que, pola senda que leva, ten pinta de que pode ser
o partido político máis fugaz que nunca viron ollos. Agardo sinceramente que
muden o rumbo, que baixen da nube e que recoñezan aos aliados con máis
respecto. Agardo tamén que en Izquierda Unida haxa algo de luz e que non se
deixen enguedellar polo peronismo posmoderno que se dedica a deixar cadáveres como se non houbese un mañá.
5. Por último, de cara ás galegas, espero que haxa
consciencia da correlación de debilidades que existe no espazo En Marea, da
necesidade de amplialo e de democratizalo. Que por dedicarnos a caneos de baixa
estofa este espazo acudise a estas eleccións sen un candidato-a para a Xunta di
moito do nivel existente. Menos fumes, todos e todas, se é que verdadeiramente
queremos algo a este país (Galicia, refírome, claro).
1 comentário:
Si.
, menos fumes e náis fakar coa xente normal que non ten tempo pera andar de asemblea en asemblea
Enviar um comentário