1. A orella cortada aparecida no xardín
bucólico de clase media americana dos 50 na peli de David Lynch Blue Velvet fálanos do inferno que,
inevitablemente, habita dentro de cada paraíso. Ese é o mérito de Lynch. Dicir
á clase media occidental: o voso benestar está construído sobre a barbarie. Ou
dito doutro xeito: para que alguén goce de benestar, algún outro ten que facer
o traballo sucio.
2. Sinala Beiras con gran lucidez que a fin da
hexemonía do III Reich iniciouse cando Inglaterra lle declarou a guerra a
Alemaña e que hoxe, co Brexit do IV Reich, estamos nunha situación análoga.
Churchill non era precisamente un santo varón multiculturalista, queer,
ecoloxista e antitaurino, pero iso non impide que o seu paso á historia
estivese, en terminoloxía rajoyana, do lado dos bos e non dos malos. Obvio é
dicir que para que adviñese o paraíso dos trinta gloriosos posteriores á
Segunda Guerra Mundial -por máis que a socialdemocracia europea se contase unha
película diferente a si mesma- foi necesario que alguén fixese o traballo
sucio: o exército vermello, morrendo e matando nazis, e a URSS, obrigando a que os
EEUU tivesen que implicarse na reconstrución de Europa Occidental e apostar pola unificación de parte do
continente.
3. A esquerda actual, na súa maior parte
meliflua e clasemedieira, esqueceu esta cuestión básica que calquera peón de obra coñece á perfección: sempre, alguén, ten
que facer o traballo sucio. Por iso, ante a expresión do malestar co
neoliberalismo a través do referendum inglés, a esquerda meliflua comeza a
falar de xenofobia en lugar de dumping salarial e de loas abstractas ás
bondades da mesma UE que bendice a Turquía para liquidar inmigrantes sirios (tras
colaborar no bombardeo do seu país), que condea ao pobo grego á miseria e que
propicia que a propia esquerda sexa percibida como completamente impotente
polas clases traballadoras.
4. A Podemos saíulle un Tsipras á inversa. Se
Tsipras convocou un referendum para perdelo, aínda que isto fose en contra do
motivo (derrotar á troika) polo que chegou á presidencia de Grecia, Podemos,
que ten por filosofía só apostar a cabalos gañadores, fixo campaña a favor do
Bremain pensando que gañaría; aínda que, no fondo, iso significase a derrota en
Inglaterra do mesmo sentimento antistablishment froito do descontento que
provocou a crise económica que está na base do auxe de Podemos. Pero desta volta o Bremain non foi o "marco gañador" e esta é a
disxuntiva agora de Podemos: sostenela e non enmendala, retirándose, no debate
europeo (que cada vez será máis importante), a posicions pro-stablishment ou
comezar a articular un discurso sobre a UE diferente do da "casta"
contra a que naceu.
5. Movimentos como o DIEM de Varoufakis tamén forman
parte desa esquerda que esqueceu (ou fai que esqueceu) que alguén ten que facer
o traballo sucio. E é que é moito máis probable que algo se mova dentro da UE
despois do Brexit que con todos os artigos e chamamentos a reformar a UE desde
dentro a través dun "movemento humanista" de escala continental. Como se o mesmo
feito de que a Eurozona sexa disfuncional pola diverxencia de intereses
dos distintos Estados non tivese tamén implicacións á hora de articular un
movemento común a eses Estados diferentes. E como se non tería sido máis
probable -despois do referendum no que o pobo grego, heroicamente, se mantivo
no OXI- forzar a cambios na UE se o Estado grego non se dobregase -como disque propuña
Varoufakis- que dobregándose, como quixo Tsipras.
6. En todo caso, como desvelou o
intelectual de esquerdas anglo-pakistaní favorable ao Brexit, Tariq Alí, que
lle confesou Varoufakis: "non dubides de que se hai Brexit non derramarei
bágoa ningunha". E eu tampouco.
Sem comentários:
Enviar um comentário