5/09/2016

A-B-C

Galicia, a diferenza do País Vasco e Cataluña, é, socioeconomicamente, un lugar periférico en España. Poderíase dicir, mesmo, que Galicia, en tanto en canto conta cunha esquerda consciente disto, é tamén o polo consciente -non en van é a que xeográficamente está máis afastada do centro- do carácter socioeconomicamente periférico de todo o cadrante noroeste do Estado. Canto máis ao oeste e ao noroeste de España, máis cumpren os territorios a función de mezzogiornos.  Galicia ten sectores económicos que para España son anecdóticos pero que aquí son centrais. Os fluxos económicos no Estado español pasan polo espazo que vai da liña imaxinaria que une Bilbao-Madrid-Málaga cara o Mediterráneo. Por iso, a idea de que Galicia debe profundizar as súas relacións económicas con Portugal para compensar este feito non responde a ningún romanticismo nostálxico do medievo nin a flipadas globalistas sobre os millóns de falantes de galego-portugués, senón á puritita necesidade vital.
Coa crise do euro e das débedas soberanas, cabería agardar que a esquerda española entendese de vez que a loita de clases non consiste unicamente no enfrontamento universal e puro entre proletarios e burgueses, senón que o capitalismo funciona creando centros e periferias -onde os primeiros someten ás segundas aos seus propios intereses- e que a loita de clases aboia tendo en conta esta cuestión. España é a periferia de Alemaña e o seu desenvolvemento económico, mentres non se libre dese xugo, estará en función dos intereses de Alemaña e non dos de España. Por iso, é perfectamente lóxico falar do "partido dos debedores" fronte o "partido dos acredores", sen que isto signifique difuminar nin mitigar a loita de clases. Máis ben ao contrario.
Mentres a esquerda española siga considerando que a plurinacionalidade pasa por escribir unha palabra nun papel e non por facer un reparto do poder axeitado non haberá nada que facer. Nos tratados europeos, todos os países son tamén formalmente iguais, pero a posición central de Alemaña, pola súa potencia demográfica e económica, é indiscutible e condiciona o taboleiro político. No marco español, a esquerda española, fronte a galega, sempre levará as de gañar por unha cuestión puramente matemática: son, demograficamente, máis. Pero iso ten pouco que ver coa igualdade.
A colaboración entre as esquerdas do Estado español só é posible se se parte desa análise compartida. Se recentemente houbo colaboración foi porque se partía de que a análise era compartida. Senón, o entendemento entre esquerdas será imposible. A contraparte desta imposibilidade é que a esquerda galega consciente do carácter periférico de Galicia volva xogar a imitar a Cataluña e País Vasco. Camiño que non conduce a nada porque a inserción deses dous territorios na economía do Estado e a galega é antitética. Eles son centro e nós non. En suma, tanto se se toma un camiño coma o outro as maiores prexudicadas serán as clases populares galegas.

Sem comentários: