We gotta get out of this place, escribiran Barry Mann e Cynthia Weil en 1965. A canción, máis tarde popularizada polos Animals, converteuse nun himno entre as tropas estadounidenses desprazadas en Vietnam. Temos que saír de aquí. E tanto que sairían. Vietnam marcaría un antes e un despois no xeito de abordar os conflitos bélicos por parte dos sucesivos gobernos dos EEUU. En adiante, calquera administración norteamericana pensaríao moito antes de destinar homes aos campos de batalla do sur global. As clases medias estadounidenses demostraran non poder soportar as imaxes dos connacionais a morreren por televisión. A guerra coárase, como nos collages de Martha Rosler, nos pulcros interiores das casas da clase media. A situación era politicamente inviable.
Durante as inxerencias "contra o comunismo" que arrancarían co derrocamento mediante golpe de Estado do presidente Allende en Chile e que continuarían co financiamento de actividades de contrainsurxencia en países centroamericanos como El Salvador ou Nicaragua nos anos oitenta, os EEUU daban soporte económico e formación militar pero quen se ocupaba de enzoufarse no terreo eran os grupos paramilitares contrarrevolucionarios locais.
A Tormenta do deserto, nome que lle deu o
goberno do primeiro Bush á descarga de aviación, luminosa e libre de salpicaduras de sangue ou vísceras, que todos puidemos ver pola
televisión na Primeira Guerra do Golfo, en 1991, exemplificaría o novo tipo de
conflito bélico. Aproveitando a súa superioridade absoluta a respecto de
calquera país do planeta, os EEUU fiaban todo aos bombardeos masivos desde o aire,
destinando poucos efectivos a pisar o terreo.
Igual esquema seguiuse na Segunda Guerra do
Golfo e o espectro de Vietnam, unha vez comprobado que a resistencia do pobo
iraquí á "liberación" era maior que a desexada, levou a que os EEUU deixasen, á que se prometía como a "primeira democracia árabe do Medio
Oriente", nun estado de guerra civil, esboroamento do Estado e crise
humanitaria.
Afganistán, o desenvolvemento da teconoloxía drone aplicada á guerra, Libia e o apoio de décadas aos criminais abusos
israelís contra Palestina crearían o clima perfecto para a eclosión e a
globalización do terrorismo fundamentalista. Un terrorismo que, ante a
imposibilidade de calquera tipo de invasión por terra, substituía, a imaxe e
semellanza dos seus inimigos, os misís de longo alcance polos atentados
suicidas nas principais cidades dos países centrais.
No tempo da ausencia de fronteiras para os
movementos de capitais e dos Blitzkrieg en forma de ataque mediante
aviación ou en forma de atentado suicida, os únicos que ven limitada a súa
circulación son as persoas do común.
A clase traballadora occidental asiste
paralizada (ou algo moito peor, votando pola estrema dereita) á desmontaxe dos seus dereitos sociolaborais sen que as institucións estatais, incapaces de frear aos capitais, actúen como parachoque. A
poboación civil do sur global en guerra, testemuña a conversión de Europa nun
muro infranqueable ás beiras do Mediterráneo onde ata Schenguen, o derradeiro argumento progresista para defender á UE, é posto en cuestión. A illa de Lesbos, nese polvorín que é o protectorado alemán chamado Grecia,
converteuse estes días nun gran campo de concentración do que se expulsou a calquera testemuña incómoda. Trátase de xestionar coa maior eficiencia o acordo UE-Turquía para a expulsión de inmigrantes sirios fuxidos da enésima guerra
aérea en Medio Oriente.
Todo se axita nun movemento permanente: a
través do vertixinoso ritmo das transferencias informáticas de capital, do fluxo
incesante de recursos enerxéticos polo interior de oleoductos e gaseoductos, do comercio
de armamento entre Occidente e Oriente. Todo, excepto as clases traballadoras
do norte e as poboacións do sur, que deben permanecer estáticos mentres os seus
mundos esvaecen ante os seus ollos.
Hoxe estouraron varias bombas en diversas
infraestruturas de transporte de Bruxelas. Como en Nova York, Londres, Madrid,
París. A conta de mortos xa acada os dous díxitos e os barrios impolutos desa
cidade centroeuropea semellan un remedo de Alepo, Bagdad, Trípoli, Kobane. Arestora,
xa non é que os interiores de Occidente convivan con esceas de guerra, é que os
cintos de dinamita atados aos torsos dos yihadistas fixeron estoupar eses interiores en
mil anacos. O mundo todo é hoxe un collage desconxuntado.
O trapalleiro Samuel Huntington quixo poñer o marco teórico á barbarie
global: choque de civilizacións. Porén, quen realmente forma parte dunha mesma
civilización son os que fan a guerra dos drones e os dos atentados suicidas. As
dúas versións da guerra lóstrego que converteu o mundo nun campo de batalla. A
cara e a cruz do capitalismo global. Cantar We
gotta get out of this place con margaridas prendidas das orellas é hoxe un
exercicio absurdo. O inferno é a Terra toda. Non existe lugar ao que escapar.
Sem comentários:
Enviar um comentário