3/21/2016

A propósito de "Cabalos e lobos"



Hai anos falara aquí de Unha historia que non vou contar sinalando que se trataba dunha radiografía da burguesía viguesa e das súas miserias morais. Despois de rematar Cabalos e lobos, a novela coa que Fran P. Lorenzo gañou o premio Blanco Amor, non podo máis que relacionala coa citada novela de Cid Cabido.
Ambas retratan o lado escuro do "dinamismo" vigués. Ambos autores véñennos mostrar o sangue que escorrega entre as fírgoas da bela arquitectura en pedra levantada polas mans dos canteiros e os cartos da burguesía viguesa. Ambos, como Walter Benjamin, veñen lembrar que todo documento de cultura é tamén un documento de barbarie.
Desta volta, a radiografía da burguesía elabórase a través da disección dunha familia, os Beckmann, cuxa "acumulación orixinaria" data dos alugueres recibidos por unha parella formada entre un ario e unha xudía á beira do Báltico que, co tempo -e cos Beckmann xa instalados en Vigo- acabarían pedindo axuda -sen obter nunca resposta- para fuxir da Alemaña hitleriana, antes de remataren en senllos campos de concentración, a cambio da entrega dun valioso colar de pedras preciosas. Os fundadores da saga continuarían cos seus negocios a costa dos emigrantes galegos que partían a América desde o porto de Vigo (Vigo era só o porto do adeus, un precipicio habitado e ruidoso) e do tráfico de volframio entre a cidade olívica e a Alemaña Nazi.
A segunda xeración alternaría a condición de subalternidade e privilexio -sería vítima da intolerancia da sociedade franquista da época coa sexualidade non normativa (Álvaro Beckmann), adheriríase ao réxime franquista e gozaría do privilexio que outorgaba o status de clase (a irmá de Álvaro, Gloria Beckmann), unha mestura contraditoria de ambos (Ramón Costa, o autoritario marido de Gloria cuxa homosexualidade reprimida acabará desencadeando a traxedia familiar que constitúe o núcleo da trama da novela). Esta burguesía industrial veríase transformada en rendistas dos gandes conglomerados transnacionais que a substituirían: Sucesores de A. Beckmann fora absorbida, tras o pago dunha importante suma de diñeiro, por unha consignataria de buques internacional. Álvaro e mamá lograron manter, logo da venda, unha sorte de postos honoríficos no novo consello de administración e senllos soldos vitalicios.
A terceira xeración (na persoa de Paula Costa Beckmann, filla de Ramón e Gloria) formaría xa parte da clase media ilustrada postindustrial -curiosamente, ou non tanto, galegofalante.
Por último, a cuarta xeración (Thomas, o fillo de Paula), representa o desenlace de todas as contradicións familiares, ao non ficar clara xa a súa vinculación vergonzante cos modos en que a burguesía extrae a plusvalía, ter xa totalmente normalizada a súa condición de homosexual e propiciar -entregándolle á súa nai unha carta póstuma do seu tío Álvaro- que Paula reconstrúa a mala relación con Gloria e a redima.
Do punto de vista de crítica da razón burguesa, a novela -a diferenza dunha saga clásica, citada tamén na trama, Os Buddenbrock de Thomas Mann, onde a decadencia económica vai parella á decadencia moral- trata máis da elevación moral, pola vía da catarse, dunha familia burguesa vinda economicamente a menos; onde o presente, e este quizais podería ser o talón de aquiles do argumento, é, como quería Fukuyama, a fin da Historia.
Como contrapunto a todos estes personaxes -e, probablemente, a mostra de que a Historia non remata nunca- a figura de Bruno -o irmán de Delfina, a serventa dos Beckmann; o amante clandestino de Álvaro- será a verdadeira vítima de Cabalos e lobos. Por poñelo nos termos da metáfora que usa o autor ao separar ás persoas entre lobos e cabalos, verdugos e vítimas, Bruno -homosexual e de clase obreira- sería, logo, o cabalo perseguido por todos os lobos.
Nunha feliz comparación, o autor di que o Edificio Pernas, situado na praza de América, parece extraído [...] da periferia romana dunha película de Pasolini e, curiosamente, a relación entre Álvaro e Bruno lembra tamén a de Pier Paolo Pasolini e os seus amantes do lumpen proletariado romano. Relacións sinceras e mutuamente queridas, pero sempre e irremediablemente descompensadas pola gran fenda de clase que as atravesa.
Cando Ramón Costa caia da ventá do Edificio Albo de Gran Vía nº 2, despois de desvelar a Álvaro que sabe da súa relación homosexual con Bruno e de provocar, a seguir do desvelamento, un encontro sexual moi violento con aquel, Bruno evitará levar a peor parte, na eventualidade de que todo saíse á luz da pacata vida social do Vigo da época, tomando un tren cara a Francia para non regresar máis. 
Cabalos e lobos é un deses excelentes traballos de ficción que, moi de vez en cando, agroman na literatura galega para goce de todos nós. E é tamén unha desas novelas que toda cidade debería agradecer, pois consegue, coa súa ficción sobre escenarios reais, que esta se desdobre, enriqueza o seu mapa afectivo e acade profundidade simbólica; coma se a cidade ficcionada se tratase dunha segunda cidade superposta, unha trama máis, das múltiples tramas existentes na cidade real, que convida a ver con novos ollos á cidade física que habitamos.

Sem comentários: