3/03/2016

Notas sobre o debate de investidura

1. Pedro Sánchez é como unha bicicleta baixando sen ciclista por unha costa empinada: canto máis tempo consegue a inercia mantela a rodar, máis besta promete ser o broucazo final. Como equivalente ao machadazo da primeira votación da súa non-investidura no Congreso dos Deputados só se me ocorre o Whatsapp de ánimo e apoio que, seguro, recibiu de Susana Díaz.

2. Hai un perfil de simpatizante/cadro tipicamente podemita que é o de “politólogo”. Xente que estudou políticas na universidade (aínda que son incapaces de entender por que na zona euro actual é imposible que países coma o noso reduzan o paro) e que se identificou co núcleo de politólogos da Complutense, supoño que agardando que por un proceso de ósmose eles tamén haberían encarnar, na súa escala, o papel de pequeno xenio capaz de dicir todas esas cousas que din os madrileños e de dicilas á mesma velocidade ametrallante. Quen os coñeza en privado, ou estea atento ás conversas públicas deste perfil de xente, veraos masturbarse intelectualmente con termos cheos da ampulosidade elitista típica das clases medias letradas como: “hipótese populista”, “centro do taboleiro”, “referentes aglutinantes”,  “terceira clivaxe”, “patria plurinacional” etc. Arredor destes items, estes cadros medios podemitas tentan articular as súas escasas parcelas de acción política coidándose moito de caer nas redes do “recuncho da esquerda” ou do “recuncho nacionalista” (non español, enténdese). Téntano ata que, un día, coma por exemplo o de onte, o seu líder máximo decide marcarse en horario de máxima audiencia e nun debate de investidura cuxa trascendencia mediática deixará nunha anécdota as tontitertulias da Sexta, un discurso que xa non é que fora de esquerdas, é que fixo seus os postulados das esquerdas que non acataron os pactos da Transición (é dicir, as esquerdas “periféricas” e tradicións como aquela da que procede o inimigo interno da oficialidade: Anticapitalistas) e que choca frontalmente con outras propostas podemitas de estilo Cuéntame coma aquela da “Constitución de nuestros padres” que puxeron en marcha na pasada campaña electoral. Naturalmente, o cadro medio podemita, coa abnegada disciplina da old politics, pasa a defender a referencia a Felipe González e á cal viva coa que os GAL se desfacía de militantes abertzales coa mesma paixón coa que defenderían o “gracias1978 hola 2016” de hai catro días.
Que quero dicir con todo isto? Que fronte aqueles que ven a Podemos como unha especie de máquina de precisión onde o Comité Central pode representar a Democracia, así, en maiúsculas, sen ter que afrontar grandes queixas, por posuír un plan perfecto no que confiar cos ollos pechados, eu só vexo bandazos e estratexias erráticas que, de cando en vez, conseguen dar algunha alegría como a de onte.

3. Xavier Domènech deitou unha frase remarcable cando afirmou que Pedro Sánchez lle parecía moi dos “anos 90”. Efectivamente, se algo quedou claro na sesión de onte no Congreso dos Deputados é que os vellos espantallos do tipo de "veñen os dobermans" -a idea implícita de que ante o medo escénico a coincidir co PP pasar por debaixo do futbolín do PSOE está asegurado- saltaron polos aires. Hoxe, a única pinza que funciona no Estado español é a que hai que poñer no nariz para aturar o cheiro a cadáver que desprenden as institucións políticas saídas dos pactos postfranquistas e os partidos dinásticos que as soportan. Domènech, como orador, non foi o máis brillante do día, pero co ósculo que lle chantou Pablo Iglesias para mostrar graficamente canto amor reina entre España e Cataluña conseguiu manter a súa posición no podio.

4. Da intervención de Alexandra Fernández resaltaría que o máis importante do seu discurso era ela mesma como discurso. Vimos unha muller nun Parlamento de machos alfa. Vimos unha muller nova que coñece en primeira persoa o que é a precariedade nun Parlamento de profesores universitarios, avogados, notarios, empresarios, mafiosos etc. (como era aquilo que se supón máxima da esquerda segundo a cal "só o pobo salva ao pobo"?). Vimos unha rapaza galega para a que Galicia é algo máis que un anexo, pero que tamén sabe ben que a idea do Galeuzca é iso, unha idea que ten bastante pouca correspondencia coas realidades materiais e socioeconómicas dos tres elementos que, disque, a compoñen.
Beiras falou, nos comezos do seu epílgo político, da necesidade da emerxencia de novos liderados -probablemente consciente do tapón que estaban exercendo sobre as xeracións máis novas líderes que, coma el, viñan pilotando a esquerda nacional galega desde hai décadas. Pois ben, Alexandra é unha mostra de que ese tapón tamén vai, afortunadamente, saltando polos aires.

5. Albert Rivera é un ser perigoso. Este vendedor de enciclopedias con cara de xenro ideal si está en condicións de levar a cabo a "hipótese populista" da dereita española. Iso pasa por aceptar que o consenso do 78 está morto, o cal non é incompatible coas apelacións de Ciudadanos ao bloque constitucionalista. Desde a introdución da reforma express do artigo 135 na Constitución española o consenso do 78 mutou en consenso do 2011, onde a palabra de orde volve ser, como nos 80, "modernizarse" para "ser europeos", pero onde desta volta eses significantes teñen por significado "devaluación interna" para que "non nos boten de Europa". Na axenda, inxeccións sen anestesia de todo canto mande o "Consenso de Bruxelas" e un proxecto nacional que obvie o obvio: que España é un estado-nación falido que non foi quen de crear un proxecto homoxeneizador no século XIX e que calquera intento de considerar a España como se fose Francia só vai traer sufrimento.

6. É un lugar común aquilo de que os expresidentes son como xarróns chineses. Adornos que un non sabe ben onde colocar. Onte, o disléxico (e non grato) pontevedrés chamado Mariano Rajoy Brey converteuse no primeiro xarrón chinés en activo da historia. Exercer de xarrón chinés en activo significa ter comportamentos oximorónicos como aparecer mastigando chicle ao tempo que se exhuman palabros resesos dunha fosa de barolo. Ser un xarrón chinés en activo implica ver como o mundo proxecta futuros que pasan porque ti sexas parte do pasado diante dos teus fociños. Ser xarrón chinés significa que se para evitar que algún dos que están por riba de ti na cadea de mando decida racharte en mil anacos tes que "colar de matute" novas urnas -malia o risco de mutar de xarrón chinés en urna funeraria das cinzas do teu partido- pois provócanse novas eleccións e que comece un novo "rigodón" a ver que pasa.

Sem comentários: