2/25/2016

Pequena Coalición



Pequena Coalición en marcha. No horizonte, ou ben culminar as instrucións que deixou escritas Cebrián nas páxinas de El Pais pasando de Pequena Coalición á Gran Coalición coa abstención do PP na investidura (o que situaría a alternativa a Feijóo en Gz nun serio apreto), ou ben converterse no primeiro acto de campaña -de percorrido tan curto que parece incrible que a cousa poida ir por aí- obrigando a visualizar unha coincidencia do voto negativo das esquerdas co PP.

Sexa o que for, convén non esquecer a xénese do salto mediante o que  Ciudadanos pasa de ser un partido catalán máis a ser "o novo" partido español; o Podemos de dereitas que demandaba a patronal. O clima en que aparece Ciudadanos é aquel en que Podemos ocupaba o primeiro posto nas enquisas portando coma consigna o peronismo errejoniano “nin, nin” (nin de esquerdas nin de dereitas). Daquela, todo, mesmo os activistas e políticos que levaban anos partíndose a cara contra a chusma gobernante, era casta pútrida que o partido que representaba, simplemente, “o novo” habería rexenerar. Non cumpría entrar en disquisicións ideolóxicas, tratábase de encarnar o suxeito barrado lacaniano e enchelo cas demandas, moitas delas contraditorias entre si, dun saco informe chamado “a xente”.

É a consecuencia do terreo que fertiliza esta estratexia, tamén de curto percorrido, que PRISA e demais poderes fácticos catapultan a Ciudadanos, e é daqueles discursos baleiros que hoxe o PSOE pode formularse en serio a tarefa de vender coma un pacto de “Cambio” (palabra baleira onde a haxa) o que non é senón un chanzo máis na continuídade do Réxime do 78. Que o consiga dará a medida do nivel de penetración na sociedade da nadería ideolóxica na que nos moviamos.

E como se lle pode explicar á xente que o pacto entre o partido socioliberal que tradicionalmente hexemonizou o espazo da esquerda partidaria do Estado español (é dicir, o partido que, de momento, segue a ocupar a “centralidade do taboleiro”) e este novo partido nin de esquerdas nin de dereitas que avoga pola rexeneración (outro significante baleiro) e a modernización (outro máis)?

Pablo Iglesias remataba a rolda de prensa de avaliación do pacto PSOE-Ciudadanos dicindo: "Si alguien ha cometido un error es quien ha pensado que había más de dos opciones. Porque solo hay dos: o mirar a las derechas o a las izquierdas. Nosotros vamos a defender la segunda opción". 

Moitas alforxas para tan pouca viaxe.

Sem comentários: