2/10/2016

A propósito dun libro (con primarias ao fondo)

 


Bernie Sanders sería, en parámetros europeos, algo así coma un socialdemócrata moderado; pero, no contexto estadounidense, constitúe toda unha novidade que conseguise gañar por máis do 20% a Hillary Clinton nas primarias do partido Demócrata de New Hampshire.

Aínda quedan máis primarias para dirimir quen será finalmente o candidato ou candidata Demócrata á presidencia dos EEUU, mais non cabe dúbida de que Sanders, cun discurso claramente anti Wall Street, está conseguindo recoller o malestar que existe en amplas capas da poboación ianqui co que Owen Jones chama “o establishment”, os primeiros Podemos chamaron “a casta” e Chris Hedges, nun libro de recente publicación na súa tradución castelá, denomina a “clase liberal” (demostrándose así que o capitalismo global financiarizado creou, en tres lugares nos que este modelo fixo especial fortuna, un rexeitamento á clase política pouco articulado pero real).

Dun adianto na prensa americana de “A morte da clase liberal” xa falara hai anos neste blog a propósito dunha imaxinaria carta a Pasolini. E é que, o mellor do libro de Hedges é ese retrato pasoliniano das mudanzas culturais que provocou o modelo económico do consumo de masas globalizador e a primacía dos grandes conglomerados mediáticos na sociedade estadounidense. O libro fai un fermoso percorrido polos bos tempos de finais do XIX e comezos do XX, onde a sociedade norteamericana contaba cun tecido de prensa local independente poderoso, sindicatos fortes e organizados, movementos sociais nutridos polo traballo do Partido Comunista con capacidade tanto de chegar á poboación estadounidense branca como ás ondas de inmigración procedentes de Europa.

Todo mudou, a dicir de Hedges, coa Primeira Guerra Mundial e as técnicas de propaganda masiva ideadas desde o Estado en connivencia co mundo empresarial e desenvolvidas para impoñer un conflito bélico amplamente rexeitado pola poboación. Un laboratorio no que se ensaiarían as grandes campañas mediáticas que haberían condicionar tanto a economía como as campañas electorais con posterioridade á Gran Guerra. Tras as leis draconianas impostas por Wilson para asegurar a adhesión á conflagración e o labor dese Goebbels adiantado ao tempo chamado George Creel e o seu Comité para a Información Pública (Creel tivo un papel fundamental na creación de Madison Avenue, o centro irradiador do novidoso mundo dos publicistas que describe, aínda que xa nos anos 60, a serie Mad Men), o movemento pacifista -e solidario coa Rusia revolucionaria que devecía por abandoar a guerra- liderado por figuras como Eugene Debs, Enma Goldman ou Bertrand Russell, acabaría no ostracismo e na marxinalidade.

Pasado ese segundo florecemento da esquerda estadounidense que foi o tempo do New Deal, coa súa grande mobilización de enerxías progresistas en todos os eidos e, moi especialmente, no eido cultural (o Teatro Federal é extensamente comentado no libro), o que veu despois foi un inmenso deserto no que, progresivamente, o que alá chaman os liberais (isto é, o que aquí sería a esquerda ou o progresismo) acabarían iniciando unha paulatina deserción na defensa das clases populares ata chegar ao climax do histerismo anticomunista da Guerra Fría.

Os anos sesenta, na descrición de Hedges (próxima tamén á de Pasolini), vería nacer unha contracultura (con raices xa nos Beats e despois cos Yippies e Hippies) baseada no hedonismo individualista e no escapismo e feita á medida dos fillos rebeldes das clases medias brancas (unha boa lectura complementaria disto é “Na conquista do cool” de Thomas Frank). Unhas clases medias que, tras o momento antiguerra de Vietnam, conflito onde quen morría non eran elas senón os estractos populares e traballadores, haberían regresar ao calor ordenado da casa bempensante.

A cara máis crúa do tempo de liberación dos costumes dos sesenta estará protagonizado polo movemento negro en loita polos dereitos civís. Malia a recuperación pola clase liberal dun edulcorado Martin Luther King  e o seu “Tiven un soño” será, a dicir de Hedges, o inasimilable Malcom X -"Eu non son norteamericano"- quen deixará a lectura máis duradoira da condición do negro; unha lectura que, nos EEUU de Obama, segue totalmente vixente. Para Hedges, o Luther King que o establishemt nunca quere lembrar tería xa corroborado a nula capacidade dos liberais brancos para encaixar na sociedade norteamericana á poboación negra dicindo, tras os disturbios de Watts, “converteron o meu soño nun pesadelo”.

Sheldon Wolin, un autor moi citado ao longo da obra de Hedges, tamén ten aparecido con profusión neste blog. Co seu “totalitarismo invertido”, o tipo de totalitarismo brando baseado no baleiramento político das democracias representativas, sérvelle a Hedges para enxergar un horizonte pesismista para unha esquerda que ten que convivir coa total hexemonía ultraliberal e con ameazas inminentes, e totalmente ignoradas, coma o cambio climático. Un horizonte, en realidade un presente, no que a vella clase liberal, que en tempos aínda conservaba valores democráticos e respecto pola neutralidade das institucións fronte as grandes empresas, estaría morta e sería incapaz de actuar na defensa das clases traballadoras (situación descrita por Thomas Frank en “Que pasa con Kansas”, novamente de moda a conta do regreso das cultural wars á política española post crac financeiro co gallo da polémica dos títeres e o Concello de Madrid).

Así, na pesimista visión que Hedges describe na parte final do libro, á esquerda, ou simplemente a aqueles que se consideren demócratas, humanistas ou relixiosos de base, só lles quedaría regresar á autoorganización na súas comunidades para sortear o analxésico mediático-político-económico que resta despois da morte da clase liberal. Unha sociedade posdemocrática que, a dicir do autor, é o caldo de cultivo perfecto para que o totalitarismo invertido se convirta en totalitarismo clásico coa aparición dalgún tipo de populismo de dereitas que aproveite o resentimento da xente ante o empeoramento das súas condicións de vida.

Quen sabe se na mente de Hedges estaría alguén semellante ao bufón multimillonario, racista e ultraliberal Donald Trump, vencedor, tamén, das primarias de New Hampshire polo partido Republicano celebradas onte.

Sem comentários: