1/19/2016

O profeta coxo

Cando en Estaleiro Editora​ me deron a oportunidade de publicar un compendio de posts do meu blog en papel decidín porlle como título: "Retomando a palabra. Das guerras culturais ao crac financeiro." Con ese título pretendía, ademais de resumir os contidos do libro, sinalar, na medida das miñas cativas capacidades, as que pensaba (e penso) que eran dúas necesidades que cumpría abordar, desde a esquerda, de cara ao novo escenario que abría a maior crise do capitalismo desde 1929:

A primeira, que era tempo de recuperar o sentido forte da palabra esquerda, a súa tradición e autonomía, para limpala de todo rastro de liberalismo e do seu fillo bastardo, o posmodernismo.

A segunda, que era tempo de abandonar o escenario das Cultural Wars nas que tan cómodo se move o neoliberalismo (e o socioliberalismo) e recuperar a senda da economía política.

O 15M foi unha sorte de limiar, o intersticio caótico que separa un tempo doutro. En ningún lugar estaba escrita a forma que tomaría o que habería de vir.

O novo, agora, está, cada vez máis, collendo corpo; se ben -deixemos unha delgada fenda para a esperanza- aínda non estamos no momento de completa estabilización.

Lamentablemente, aspectos como a total falta de conclusións políticas sobre o papel da UE na maior parte da esquerda (conclusións políticas realistas, non pallas mentais sobre partidos de ámbito europeo, que non son máis que a mesma impotencia da socialdemocracia para abordar esta nova realidade pero con outro verniz) e o triunfo da banalización laclauniana de Gramsci -novo capítulo das Cultural Wars- suliñan a miña condición de profeta fracasado.

Sem comentários: