Hai quen alega que a CUP decidiu reabrir o
debate sobre a investidura de Mas en contra do refrendado polo electorado nas pasadas eleccións catalás, e non lle falta razón a quen así argumente. Porén, o axustado dos
resultados finais das votacións indican que nesa organización a cuestión
estaba moi viva e que obviar o debate non habería levar a nada bo. Nesta
repartura do debate, cabe facerse dúas preguntas: na decisión dunha organización
política mandan os militantes ou mandan os votantes?
Probablemente, sexa máis da “nova política”
dicir que mandan os votantes e da "vella" dicir que mandan os militantes. Eu, que
en teoría estaría próximo á chamada “nova política” (sexa iso o que sexa) penso
que quen debe mandar é o elector activo, é dicir, o elector que non se conforma
só con votar, senón que é activista e participa. O activista que non se conforma só con
retroalimentar as mecánicas orgánicas, senón que actúa sen conservadorismos e
que procura que o coxunto do movemento emancipatorio avance.
Non son liberal, creo que a esquerda debe construír as súas propias institucións e que estas son o lugar de decisión política; ademais, xa escribín no seu momento a miña opinión sobre as primarias abertas e sigo mantendo que unha
organización non pode poñerse a tiro para que a cooptación sexa aínda máis fácil
do que xa acostuma ser.
Vimos dun clima xeral no que se vilipendiou moito
ás organizacións políticas, pero todo, en canto pasa un pouquiño de tempo,
colle perspectiva e hoxe é moi visible o paradoxo de que moitos dos que vilipendiaban
as organizacións políticas, agora militan en organizacións políticas cuxo
patriotismo de partido deixaría pampo a calquera marxista-leninista
clásico. É a coñecida síndrome de San Paulo, a parvicie do converso. En todo caso, penso que cómpre deixar a demagoxia e falar claramente:
sen organización política non hai transformación.
O modelo da CUP é moi acaído para o que
debería ser ese suxeito político galego que, disque, todos estamos polo labor
de construír. As Mareas xa existentes, que se deben abrir a novas incorporacións, e a creación de novas asembleas de En
Marea alí onde non existan previamente Mareas ou candidaturas de Unidade
Popular teñen que ser os espazos que fiscalicen á Coordinadora de En Marea que
se constituirá (en realidade xa debería estar constituída) e, tamén, os espazos
de deliberación e toma de decisións no futuro. Incluído, claro está, a
conformación dunha candidatura que concorra ás vindeiras eleccións á Xunta de
Galiza. E isto hai que poñelo a andar canto antes. A decisión da CUP e, a
consecuencia desta, a previsible convocatoria de eleccións en Cataluña, unido á
probabilidade existente de que se convoquen novas eleccións xerais, ben pode facer
que Feijóo tamén adiante as nosas eleccións.
Unha vez rematado o ciclo electoral, a
persistencia desas Mareas locais no traballo na sociedade civil e na creación
molecular de poder popular será fundamental para que este cambio que disque
pretendemos levar a cabo non sexa flor dun día. Algo que os compañeiros e
compañeiras da CUP saben ben. Non en van, malia darlle mil voltas en democracia
interna a toda a "nova política" xunta, se trata dunha organización nacida a finais dos
anos 70 do século XX; curiosamente, no mesmo tempo que o propio, e podre, Réxime do 78 que queremos esboroar.
1 comentário:
Acaba de dicir Artur Mas que a revolución das superesquerdas non se pode facer con 5 deputados, nin sequera con 10... ¿Quererá dicir que a CUP debera asumilo xa e deixar de facer de listiños negándose a perpetuar o status quo, que ben se poderían conformar con cambiar a bandeira?
Enviar um comentário