9/09/2015

Melodrama e clase media




Causou estupor a imaxe da xornalista húngara pateando aos refuxiados sirios que cruzaban a fronteira daquel país. Pero, por que tanta indignación? Non será que o único problema desa imaxe é a súa capacidade para actuar como metáfora que mostra dun xeito gráfico e pedestre o papel disciplinador do 99% dos medios de comunicación realmente existentes (non os existentes na cabeza dos que soñan co papel da prensa nunha utópica sociedade liberal que o ser humano aínda nunca coñeceu)? Compárese a brutalidade das consecuencias para a vida das persoas do acto da xornalista-antidisturbios húngara coas consecuencias terribles que se desatarán detrás do titular que levaba El País en portada o martes 8 de setembro: “La crisis de los refugiados obliga a planear bombardeos en Siria” e chegarase á conclusión de que a especialidade da clase media occidental é sobrecollerse, a través de calquera anécdota, co que xa estaba aí, de xeito masivo e estrutural, lembrando que o seu mundo de confort está construído sobre o sangue verquido, en cantidades industriais, por xente inocente. Algo, por certo, igualmente aplicable á foto do neno Aylan Kurdi. Outra imaxe que conectou co sentimentalismo melodramático sen consecuencias políticas que tanto gusta en occidente. 
Na crise dos refuxiados, a nova doxa europea é a de contrapoñer a benevolencia alemá (Merkel está en pleno lifting despois de esganar coma un polo ao goberno grego) coa intransixencia dos gobernos do leste e do sur; sexa a Hungría autoritaria de Viktor Orbán ou a España do cicateiro Rajoy mercadeando co número de refuxiados que está disposto a acoller. Pero o papel destes tampouco non é casual. O leste e o sur europeo, as zonas do continente historicamente máis mestizas, son hoxe os centinelas de Europa. O autoritarismo de Orbán e os CIES españois son as almeas da fortaleza cuxo pazo central segue a ser o país, e satélites, da señora que explicou a unha nena palestina as razóns polas que Alemaña non podía acollela. Si, aquela tamén fora outra desas imaxes que abrandan o corazón da clase media occidental.

Sem comentários: