No libro de conversas de Truffaut con Hitchcock explícase
ben. En Estraños nun tren, un home
sobe unas escaleiras coa idea de matar a outro que se atopaba arriba (en
realidade, non tiña pensado matalo, pero iso tanto ten para o que nos ocupa) e
o director británico decide que, no medio das escaleiras, apareza un enorme can (en trolego un Ultraqan, vaia)
con aspecto fero que capte toda a atención do público para evitar que este
pense demasiado -e demasiado cedo- no que pode acontecer unha vez o individuo
remate o ascenso e se desvele o fin da escena no primeiro piso. Velaí o
MacGuffin: un elemento distractor que evite pensar no auténtico obxectivo dunha
trama.
Coa leria do grupo parlamentario propio, que estes días se
repite a coro no pequeno mundo mediático do nacionalismo galego, sucede algo
semellante. O GPP é o MacGuffin de distracción. A introdución dun elemento
aleatorio e improbable -non hai máis que facer repaso do histórico electoral
do nacionalismo galego para darse de conta da dificultade que entraña acadar os números e porcentaxes
necesarias para ter un GP- funciona á perfección como, este si, significante
baleiro (que diría o outro), que poña a andar certa película que o mundo do
nacionalismo galego leva un tempiño contándose a si mesmo cun único obxectivo:
impedir que se siga despregando a lóxica iniciada por Anova cando lanzou a
proposta de Fronte Ampla, cuxa primeira concreción se chamou AGE e que despois derivou nas Mareas, para conseguir
dous obxectivos: 1. Chamar á Unidade Popular (non á unidade do nacionalismo que é o que en realidade busca o Macguffin, pois ben sabe quen as propón, que certas iniciativas non van conseguir atraer a non nacionalistas)
nun momento en que, na lectura de Anova, o que cómpre é tentar abrir
o ferrollo do Réxime do 78 e combater a ditadura financeira da UE (o 135 seguirá vixente con ou sen GP), sen o cal de nada valen nin grupos parlamentarios nin farrapos de gaita. 2. Sacar ao
nacionalismo do seu máis ca evidente illamento social (lembrade os artigos de X.M. Beiras sobre O nacionalismo galego e a teoría dos dous
mundos).
E por que funciona hoxe un MacGuffin que noutro momento
histórico non funcionaría? Porque previamente se creou outro MacGuffin.
Para explicar isto tirarei man doutro exemplo cinematográfico.
Para explicar isto tirarei man doutro exemplo cinematográfico.
Como moitas persoas do meu tempo e condición, eu fun un deses que creceu
vendo películas de vaqueiros na tele os sábados pola tarde. É probable que me vise todo
o xénero. Tanto é así que malia non recordar os títulos de moitos filmes que
encheron a miña imaxinación naquelas tardes da infancia teño algunhas escenas
cravadas na mente de xeito indeleble. Unha desas escenas ás que non consigo poñer
título ou director pero que se me quedou grabada no caletre consistía no
seguinte: un pequeno grupo de vaqueiros (non sei se eran xenerosos pero, por
suposto, eran os bos da peli) debía atravesar unha zona desértica controlada
polos indios. Os vaqueiros sabían que en canto os indios, desde os seus
outeiros, enxergasen as tristes figuras dos vaqueiros haberían baixar por eles
e que as súas cabeleiras non haberían durar no seu coiro cabeludo máis de dous
telexornais. Para evitar iso, o sempre astuto home branco concibe unha idea
xenial: atar á cola de cada cabalo unha póla de árbore para que, ao arrastrarse
polo seco deserto, se levantase a poeira propia dun exército de cabalería. É
dicir, os vaqueiros, poucos e con poucas probabilidades de chegar a algures,
enganan aos indios (sempre os indios nas películas ianquis eran bastante
zopencos) que, ante a visión de tal exército, deciden non abandoar os seus
lugares de vixía e deixar que os vaqueiros atravesen as súas terras.
Algunhas iniciativas xurdidas este último 25 de xullo son esas pólas de árbores chamadas a facer ver unha cabalería
maior da cabalería realmente existente. Así, estas novas interfaces que
envolven ao BNG nun papel de regalo máis atractivo son o MacGuffin destinado a
que pensemos que onde hai 10, hai 100 (e por 10 ou 100 non falo de militantes, todos
sabemos que en número de militantes o BNG supera ao resto da esquerda galega, falo
de demanda popular de certo discurso; é dicir, de votos, esa cousa desagradable que se precisa para formar un Grupo
Parlamentario Propio no desagradable circo electoral).
Cando un acredita que onde hai 10, hai 100 votos (é dicir,
cando un pon sobre a mesa o primeiro MacGuffin) é normal que o segundo
MacGuffin -acreditar que se poderán acadar os números e porcentaxes para a
formación dun Grupo Parlamentario Propio- apareza por si só. Pero un MacGuffin
sempre é un MacGuffin: unha distracción, un espellismo creado a mantenta.
Ningún creador de MacGuffins acredita neles.
O BNG sabe que todo isto é un
MacGuffin para a supervivencia do BNG. Un MacGuffin que permita ao BNG recuperar,
si quera sexa na súa contorna inmediata, a ilusión de seguir sendo o astro
arredor do que pivota o resto.
Algúns dos que abandonaron o BNG tras Amio
-sen que aínda saibamos moi ben por que, por certo- saben que este é un MacGuffin que lles pode servir de
ponte para regresar de xeito máis ou menos honroso, outravolta, á nave nodriza.
Pero, e os que non son explicitamente militantes do BNG e estiveron sempre en posicións aperturistas,
non illacionistas e promovendo un "pangaleguismo ben temperado" con vocación de maiorías (cando non foron directamente conselleiros áulicos do socioliberalismo español)? Ben, se cadra eses
son os únicos que cren que un MacGuffin pode ser algo distinto a un MacGuffin;
do contrario habería que pensar que a tarefa que asumen como propia non é a de que se abra un tempo político algo máis propicio para as clases populares (aínda que non cumpla nin con todas as prerrogativas da narrativa do nacionalismo nin consista na aposta conservadora de que como nunca, nada muda, o mellor é aplicar a máxima ignaciana de, en tempos confusos, mamacita, que me quede como estoy) senón que a tarefa que asumen como propia é, simplemente, a de salvar electoralmente ao soldado BNG (electoralmente, pois non me cabe dúbida de que un partido cunha base militante sólida como é o BNG sobrevivirá alén de como lle vaia electoralmente). Unha cousa, a de salvar electoralmente ao soldado BNG, que é moi digna, pero na que non todo o mundo ten interese en colaborar.
Sem comentários:
Enviar um comentário