Agora que semella ser lugar común acusar a Tsipras de enfrontarse ás negociacións coa Troika sen contar cun Plan B que lle dese forza nesas negociacións ou que lle ofrecese unha saída en caso de aquelas non fructificaren (por exemplo aquí e aquí) voume dar o gusto de recuperar un texto escrito para os Debates intrépidos da revista Luzes en xaneiro de 2014, cando se agardaba con esperanza a posible vitoria de Syriza nas eleccións gregas.
* * * * *
Para quen se faga a razoable pregunta de quen son eu para
falar disto, adianto que teño dúas coartadas. Primeira. Se algo demostrou a
crise iniciada nos EUA a finais de 2007 é que o 90% dos economistas mediáticos
ou ben non se decataban do que estaba a suceder porque os cegaba a fe nos seus
presupostos ideolóxicos ou ben, decatándose, calaron cinicamente e deixaron que
o esquío seguise a dar voltas na roda até morrer exhausto. O cal me leva á
segunda coartada. Trátase da vella idea de que toda economía é, en realidade,
economía política. Así, a ollada da que parto para cuestionar o euro é política
e non económica, pois penso que é a política o marco a partir do que se debe
desenvolver a técnica económica e non ao revés. En todo caso, quen queira a
visión do economista sobre a saída do euro pode consultar traballos de P.
Montes, J.F. Martín Seco, P. Krugman, V. Navarro, F. Lordon, J. Sapir, C.
Lapavitsas, etc.
Dende o tratado de Maastricht o BCE non pode financiar
directamente os estados –gran soño dos Hayek&Cia que fai cuestionar se a
política socialdemócrata é posible na UE– obrigándoos a recorrer aos mercados
privados. O tipo de cambio único do euro fixado en 1999 propiciou a chegada ao
sur de Europa de capitais ociosos procedentes dos bancos do norte –principalmente
alemán-, o que impulsou a burbulla inmobiliaria e o enorme endebedamento privado.
Este reparto do traballo dentro da zona euro, coherente coa súa falta de
integración política, fiscal ou bancaria, sostívose até que a crise financeira
esboroou o edificio todo. Cando a caída de Lehman Brothers (2008) freou o fluxo
de crédito e o paro se disparou, o Estado español endebedouse para salvar
caixas e bancos en quebra técnica e manter a demanda interna: Plan E, subsidios
de desemprego, etc.
Agora que os países terciarizados do sur xa non poden crecer
sobre a base do crédito, o contraste entre países acredores e debedores
intensifícase e a diverxencia de intereses de ambos bloques tamén.
Nos países acredores o que preocupa é garantir que a súa
banca cobre as débedas contraídas polo sur –de aí as presións para forzar a
lexislación, coma o novo artigo 135 da Constitución- e evitar o dano que
causaría o impagamento. Nos países do sur a poboación ve como as súas
condicións de vida se supeditan ao pagamento desa débeda ao tempo que o bloqueo
do investimento público impide políticas encamiñadas ao crecemento e á redución
do nivel de desemprego, que vai camino de ser estrutural; todo isto, unido ao
devalo da demanda interna –provocado pola devaluación salarial á que obriga non
poder devaluar a moeda- colabora no exterminio do tecido produtivo que aínda
queda na Europa meridional.
Nesta situación –e dando por suposto que a inviabilidade desta
UE acabará producindo algún cambio- o importante, dende a perspectiva dos
intereses das clases populares do sur, sería preguntarnos se habemos chegar a
ese cambio sans, cun ollo na man ou tan agonizantes que xa non valerá para
moito.
Para quen considera posible reformar a eurozona e rexeita
formular a ruptura do euro, a modificación fundamental pasaría por que esa
pedra mestra da UE que é o estado-nación alemán aceptase sufragar os custos da
débeda periférica ou ben por que algún estado do sur apelase ao seu interese
nacional para exercer o dereito a veto sobre as decisión europeas até abordar a
cuestión da débeda e das reformas precisas na eurozona.
Se a primeira opción semella moi improbable, pensar na
segunda sen descontar que os países acreedores actuarán enerxicamente fronte a
tal desafío, resulta iluso. Ante isto, considerar tabú a vía da saída do euro é
como renunciar de antemán a unha arma valiosa.
Asistimos ao agromar da exterma dereita no esterco que
deixan as vítimas da austeridade. Mentres agardamos polas reformas, coma quen
agarda a Godot, desbotar o uso dunha ferramenta básica para exercer a soberanía
económica como a política monetaria supón renunciar á democracia mesma.
Sem comentários:
Enviar um comentário