A elección de Jeremy Corbyn como líder do Laborismo está a
insuflar novos ánimos ás esquerdas do estado español despois do fracaso da
operación Tsipras. O inglés vén de proclamarse líder do Partido Laborista cunha
vitoria na primeira rolda do 59,5% fronte os 57% que acadara o daquela fenómeno
Tony Blair, e co mérito engadido de facelo enfrontándose a 4 candidatos en
lugar dos 3 que tivera que confrontar Blair. Corbyn ten, logo, unha gran
lexitimidade para escorar verdadeiramente o seu partido cara a esquerda e, se
chegase a gañar as eleccións, para cumprir un papel senlleiro nos derroteiros que poida tomar no futuro a familia socialdemócrata, tanto como o que cumpriu, en sentido
contrario, Tony Blair co New Labour.
Poderase pensar que, na medida en que Corbyn sexa fiel a un
programa de socialdemocracia forte, terá menos probabilidades de converterse
en presidente do país no que radica un dos epicentros mundiais do capitalismo
financeiro globalizado, a City londinense, e que viu moi cedo triunfar politicamente a ideoloxía hexemónica no mundo desde os anos 80 do século XX, o neoliberalismo; pero, e esta é a diferenza
fundamental de Corbyn a respecto de todas as esquerdas europeas que sigan
abordando a cuestión da pertenza á Eurozona tal e como a abordou Syriza, se
Corbyn consegue chegar a Downing Street co seu propio "programa de Tesalónica", non será a
cabalgada descontrolada da prima de risco por falta de respaldo dun Banco Central,
nin a acción do BCE, cortando a billa da financiación, quen lle impedirá implementalo.
Nisto Corbyn contaría coa gran vantaxe de que Gran Bretaña dispoña dun Banco Central propio e dunha moeda coa
que monetizar débeda se quixera facer gasto social, ou plans públicos de
industrialización; vaia, que Corbyn non ten un artigo 135 na Constitución (e non porque Gran Bretaña non dispoña, como tal, de Constitución). E a consciencia desta diferenza é a que leva, malia o europeísmo laborista doutros tempos, a intelectuais laboristas novos coma Owen Jones a non se cortar en falar
da necesidade dunha leftxit.
Xa que logo, o caso Corbyn non debería ser tomado polo
resto da esquerda europea como se, efectivamente, o Laborismo compartise exactamente os mesmos límites e dificultades ca esta. Antes ben, sería máis intelixente estar pendentes dos movementos que está habendo
para asumir, de vez, que o plan da reforma da UE desde dentro sen romper
nada, é un camiño a ningures.
Polo que toca ás esquerdas das nacións sen estado, estas non só teñen que abordar
igualmente esta cuestión, senón que deberían deixar de ver na UE a vía de escape dos estados-nación. E tanto vale para os que confesadamente se
declaran de esquerdas e europeístas como para os que, con retórica antieuropeísta, aceptan (de
aí que o Proceso catalán non reciba ningún tipo de críticas por este motivo desde ese mundo) que ese é o único
camiño practicable para a emancipación nacional das nacións sen estado.
Sem comentários:
Enviar um comentário