A miña pintada viguesa favorita é unha que se podía (e penso
que aínda se pode) ler nunha parede da rúa Gregorio Marañón. Di, en galego
reintegrado, así: Na vida há que forçar para ser alguém. O espírito desa frase
é, basicamente, o que se agachaba no cuestionamento por parte de Costas
Lapavitsas, e outros, da estratexia do
euro-bo desde o principio das negociacións. No seu último artigo, o economista grego escribía a propósito da
dureza da proposta última da troika: Para
aqueles que vexan as institucións europeas sen os lentes rosas, non haberá
sorpresa na actitude dos acredores. A xerarquía de países é estricta nunha
superestrutura imperialista como é a Unión Europea, e as decisións, implacables.
Algún comentarista da dereita grega analizaba en twitter a convocatoria do referendum
para que o pobo grego se pronuncie sobre a última cabeza de cabalo ensanguentada
que “as Institucións” lle meteran na cama, coma o derradeiro intento de Syriza
de sobrevivir politicamente tras meses de negociacións fracasadas. É un xeito
de velo, e mesmo que así fose, non cabe dúbida de que convocar ese referendum ten
grandes riscos. O primeiro -lembremos o que lle sucedeu a Papandreu (e o que non lle sucedeu a ZP porque politicamente foi un mequetrefe)- é que a
presión nestes días sobre o país heleno, a través da guerra económica, sexa insoportable. O
segundo, que a xente acepte o rescate da Troika en contra da opinión pola que pulará o goberno.
Porén, outra visión do ocorrido ben podería basearse na hipótese de que o goberno Syriza
comprobou nas súas carnes que a Unión Europea carece de cauces democráticos
para expresar o disenso en materia de política económica; que só a instancia estatal garda aínda algún
mecanismo propio das institucións soberanas (a convocatoria de referéndums é un
deles); e
que, efectivamente, na vida há que forçar para ser alguém.
Adenda: hoxe moitos concellos galegos izaron a bandeira do orgullo LGTB. Ben feito. Izarán algún dos vindeiros días a bandeira grega en solidariedade con ese pobo?
Sem comentários:
Enviar um comentário