Un capítulo da traxedia/farsa grega vén de rematar co
principio de acordo entre o goberno grego e as “Institucións” eufemismo
inventado recentemente para non dicir Troika -que á súa vez era un eufemismo
para disfrazar o feito de que, canda o FMI, dous órganos antidemocráticos da
bendita Unión Europea (Comisión Europea e BCE) integraban esa banda
mafiosa.
Segundo Sthatis Kouvelakis, membro do Comité Central de
Syriza e líder da Plataforma de Esquerdas desa coalición, co preacordo de onte
o goberno grego sobrepasou todas as liñas vermellas. Kouvelakis califica de
“absolutamente deprimente” o pacote de medidas proposto polo goberno grego para
chegar a un acordo coa Troika: incremento do menos progresivo dos impostos como
é o IVE; reforma das pensións a través de restriccións á xubilación anticipada
e do aumento das contribucións dos asalariados; aumento de impostos;
continuación coas privatizacións previstas por anteriores gobernos; recorte
mínimo no orzamento militar (cabería preguntarse a quen compra Grecia o armamento para que non interese recortar por aí). O goberno grego agarda
recadar 8 mil millóns durante os próximos dous anos, cartos que, naturalmente,
non serán investidos no país senón que servirán para continuar alimentando o
saco sen fondo dunha débeda impagable que unha comisión nomeada polo propio parlamento grego vén de calificar de débeda odiosa (a disonancia entre o que di
o Parlamento e o que ordea facer a troika e a prevalencia desta última é
absolutamente clarificadora do contexto antidemocrático no que estamos). Unha
auténtica sangría para un país que xa reduciu nun 25% o seu PIB e que só
significará máis recesión, máis pobreza e máis desemprego. O programa de
Tesalónica, aquel polo que Syriza foi escollida nas eleccións de xaneiro está,
a dicir de Kouvelakis, enterrado.
Nos termos de Costas Lapavitsas, pódese dicir
xa sen ningún tipo de rodeo que a estratexia do ”euro bo”, a crenza idealista
de que era posible outro tipo de políticas dentro do estrito corsé da eurozona,
fracasou estrepitosamente. Así parece entendelo tamén Kouvelakis quen, á vista
do acordo de onte, chamou a que os “movementos sociais e a que esquerda máis
combativa se levante e loite”; cuestión que rápido terá a súa proba de lume
cando o acordo troika-goberno grego sexa votado nun parlamento grego no que
moitos deputados de Syriza dificilmente poderán xusficar un voto positivo.
Francisco Louçã, o líder do Bloco de Esquerdas, expuña nun artigo recente de xeito soberbio como a actitude timorata e europánfila da esquerda europea conduciu a
un camiño de sucesiva renuncia:
Quase toda a esquerda está a recuar
perante a crise grega. Os que defendiam um acordo internacional para a
mutualização da dívida dão a causa por perdida, os que esperavam os sensatos
eurobonds desistiram e ainda há espectaculares renúncias à luta pela
reestruturação da dívida. A esquerda tem medo. Percebeu agora que o Tratado
Orçamental não tem margem para evitar a austeridade e que a única solução
estrutural para reestruturar a dívida é emitir moeda própria e reorganizar a
economia dependente. Percebeu também que o protectorado é uma regra europeia e
não se dispõe a enfrentá-la, sente que o caminho é demasiadamente difícil e que
não sabe percorrê-lo.
Que ensinanzas deixa, ou debería
deixar, a experiencia grega desde a óptica dos países que integran o estado
español?
A primeira é que o pequeno país heleno pagou
nas súas carnes ser utilizado coma mensaxe para outros estados do sur de Europa
cuxo volumen económico os converte en potenciais desestabilizadores da Unión
Europea. A dureza das elites europeas cun país que non supuña unha verdadeira
ameaza para a UE (outra cousa sería o papel xeopolítico que podería xogar unha
Grecia dentro da órbita rusa) quixeron enviar unha dura carta, a través do
buzón grego, aos estados máis grandes do sur europeo.
A segunda é que o dogma do There is no alternative thatcheriano
campa ás súas anchas nos corredores de Eurolandia. Metidas como están as
esquerdas do estado español na voráxine de imaxinar o mellor modo de asaltar o
pazo (como se a Moncloa fose aínda o Pazo de Inverno do poder soberano),
sorprende a falta de alusións á cuestión UE en todos eses plans fantásticos que
se están a desenvolver. Se, como di Louçã, o Tratado Orzamental non ten marxe
para evitar a austeridade, que pensan
facer as esquerdas do estado español cando se trate de crear o seu
propio Programa de Tesalónica? Van vender ilusións que serán defraudadas cando
as “Institucións” chamen á orde? Proporán un programa que encaixe na estreita
idea do posible imperante na Eurozona? Apelarán ao rexeneracionismo (modernización,
centralidade do discurso anticorrupción, cidadanismo, sistema electoral,
reforma das administracións…) e á lectura ensimismada dos problemas do estado
español (o estado español como lugar
intrinsecamente negado para o progreso, ítems propios da “casta intelectual”, en feliz expresión de Ignacio Sánchez Cuenca), como se as transformacións
institucionais antidemocráticas que está a levar a cabo o capitalismo
globalizado (da Unión Europea ao TTIP, da OTAN ao FMI), nada tivesen que ver
con nós?
Máis aínda, entre aqueles que non sigan a estratexia da Unidade
Popular para acadar o poder do Estado, refírome concretamente á vía catalá
independentista, e máis en concreto aínda, ás forzas de esquerdas que apoian
esa vía, que lectura se fai do acontecido con Grecia? Que encaixe se imaxina
para un país autodeterminado do estado español no contexto da Unión Europea?
A coincidencia na falta de reflexión
sobre estas cuestións tanto en quen avoga pola estratexia de propiciar un
proceso constituínte no estado como en quen avoga pola secesión como método
para comezar de cero indican que a repetición do modelo traxicómico grego é un
horizonte máis que probable.
Sem comentários:
Enviar um comentário