3/22/2015

O bo, o malo e o peor (Portugal mediante)

Pasei uns días no Porto. A cidade está preciosa (é dicir, está xentrificada e turistificada a tope). Pola rúa, riadas de vellos e adolescentes pálidos e loiros de fala alemá -aproveitando as melloras nas conexións con voos baratos entre a cidade do Douro e Frankfurt- enchen as terrazas e despregan os paus de selfies en toda canta igrexa barroca hai. Salvo por algún que outro cartel do PCP ou os famosos valados en alemán do Bloco de Esquerdas, Portugal semella un país resignado a se converter nun balneario de saldo para os norteños ao tempo que, como nos comentaba un amigo residente na cidade, cada vez máis persoas -anciáns pobres que aínda habitan no centro- se dedican a ollar pola ventá cando cae a noite por non poderen iluminar as súas casas ao non dispor de recursos para facer fronte ás avultadas facturas das eléctricas. No medio, a supermegacool burguesía autóctona (que en Portugal é moi moi burguesa pero bastante pouco autóctona), enchía as galerías de arte da sofisticada Bombarda cun aquel de orquestra do Titanic. 

Con todo isto na retina, tres cousas sobre os resultados das eleccións andaluzas:

O bo: A Anticapitalista Teresa Rodríguez xa é, dentro de Podemos, moito máis do que era até o de agora. Un contrapeso ao CCC (Comité Central Complutense) moi necesario para evitar a hipercentralización decisoria, xeográfica e (pos)ideolóxica, de Podemos.
O malo: cun 15% de representatividade pódese aspirar a entrar en gobernos e condicionar políticas (“ser casta” na xerga podemita, como o era IU ou o BNG) pero non a seguir sendo Adáns sen pecado dedicados a dar leccións morais a ninguén.
O peor: a falta dunha Fronte Popular, no Estado español, coma no resignado Portugal, o máis parecido que se enxerga no horizonte a unha ruptura
co reparto de traballo que ten preparada a UE é a doutra Fronte (a fascista Fronte Nacional francesa) que, na primeira volta das eleccións departamentais que tamén se celebraban este domingo, volveu dar o sorpasso ao Partido Socialista do inefable Hollande.

Sem comentários: