1. Das primarias
abertas: nada ten que ver o rexeitamento das primarias abertas coa crenza en que a sociedade está composta por idiotas necesitados de vangardas. No substancial, a xente nunca se equivoca. A alienación non é tal que
impida á xente escoller o que verdadeiramente quere escoller. Malia todas as cadeas invisibles que suxeitan aos indivíduos, existe -polo menos en sociedades como a nosa- marxe suficiente para mostrar o descontento ou a satisfacción, a vontade de cambio ou o inmobilismo. Se hoxe a xente escolle o que escolle faino, en boa medida, porque iso é o que -nun número suficiente como para ser hexemónico- considera que defende mellor o seu modo de vida.
Pero, precisamente porque na sociedade hai clases con intereses contrapostos que actúan
coherentemente cos seus intereses; porque a sociedade non é un todo homoxéneo,
unha masa amorfa só definida formalmente polo seu carácter de
"cidadán", as organizacións de esquerda non poden basear o seu
funcionamento asumindo que a sociedade é o lugar onde o conflito está
clausurado, onde a igualdade de voto unipersoal é sinónimo da igualdade de
intereses e de medios dispoñibles para defender eses intereses. Para iso, para
concibir á sociedade coma un todo homoxéneo e formalmente igual, xa están as
eleccións dos sistemas democrático-liberais.
Atopámonos agora nun contexto que
considera que refinar a metodoloxía de funcionamento das organizacións con mecanismos como as primarias abertas traerá
automaticamente un robustecemento do Movemento Democrático e unha gañancia de
dereitos. Podo comprender -e mesmo apoiar- que a esquerda adapte a súa táctica
e use certos mecanismos como propaganda; ao fin e ao
cabo, a esquerda non pode permanecer autista ao ambiente no que se move. Pero, de
aí a asumir as primarias abertas como práctica sistemática do Movemento Democrático vai un treito longo.
2. Da autonomía do
Movemento Democrático: non hai nada máis heterónomo que a asunción por parte do
Movemento Democrático do método de primarias abertas. Heterónomo porque permite que poderes
alleos ao Movemento Democrático actúen sobre el. A autonomía é a creación de
cultura, valores, prácticas e autoorganización dos de abaixo, non asunción de
mecánicas competitivas nin exposición das maquinarias políticas que constrúen
os de abaixo á fácil cooptación polos poderes dos de arriba. As primarias
abertas potencian o caudillismo, a mediatización da política, a dereitización
do discurso e un tipo de participación política pasiva, superficial,
mediatizada, plebiscitaria e espectacular. Os casos concretos que, polo de agora, se produciron no noso país co gallo dos procesos municipalistas aínda non amosan isto con claridade (se ben o caso ourensán, precisamente por ser o máis aberto e masivo, xa clarifica con bastante nitidez o asunto), pero é fácil adiviñar que ese tipo de lóxicas endiañadas forman parte intrínseca dese método.
3. Democracia e politoloxía: a democracia non é
o conxunto de fórmulas de enxeñería politolóxica. Esa é a concepción liberal da
democracia. Democracia é o movemento que crean os que non teñen nada que perder
para defenderse dos que o teñen todo. Democrático era Robespierre guillotinando
a Luís XVI, os venezolanos dos ranchitos tomando as rúas para evitar o golpe de
estado contra Chávez, Allende gañando unhas eleccións no sistema liberal e os
zapatistas creando caracois. En suma, para definir Democracia, máis Arthur
Rosenberg e menos Tocqueville.
Sem comentários:
Enviar um comentário