3/05/2015

Un drama e algunha ausencia

O fracaso de Grecia pode xerar outro “efecto Mitterrand”
Albert Recio Andreu

Non me canso de repetir unha frase e vouna repetir unha vez máis a conta dun artigo de Antón Baamonde en Praza Pública: as primeiras pedras da caída do muro de Berlín caeron no movemento comunista, e dende entón este vai facendo penitencia, recluído nas marxes, e pedindo perdón alá onde vai antes de abrir a boca; pero hoxe —e hai tantos socialdemócratas que aínda non se decataron que compre sinalalo cantas veces faga falta— os cascotes que aínda seguen a caer (porque seguen a caer) daquel fracaso histórico que foi a experiencia do socialismo soviético van todos parar á cabeza da socialdemocracia-realmente-existente. 

[Socialdemócratas do mundo, a Guerra Fría terminou e vós tamén perdestes]

É rechamante que Baamonde comece o artigo cunha referencia implícita a ese lugar común da Guerra Fría que era a retórica dos totalitarismos ("ninguén se rasgaba as vestiduras pola prohibición dos comunistas na RFA"), a través da cal o autor dá a entender que agora habería que incluír o neoliberalismo entre os -ismos malditos que debería evitar quen queira transitar polo virtuoso camiño do medio aristotélico. Dedúcese así que para Baamonde habería un capitalismo ben temperado —se cadra o dos Trinta Gloriosos europeos— que, ademais, tería a capacidade de autocontrolarse por si mesmo sen a intervención de elementos tan importantes naquel contexto histórico —e tan inexistentes hoxe en día— como a fortaleza dunha potencia mundial contrahexemónica —respondese esta ou non na realidade ao que dicía ser na ideoloxía—, a forza dun movemento obreiro digno de tal nome e a inexistencia da globalización tal como hoxe a entendemos (ou o seu reverso: a existencia de institucións soberanas fortes en lugar de superestruturas post-democráticas); un capitalismo ben temperado ao que se podería regresar a nada que o espírito ilustrado —enténdese que pola mera bondade dos seus argumentos— botase aos bárbaros neoliberais das intrinsecamente boas institucións europeas coma Cristo botou aos mercaderes do templo e "constitucionalizase o Estado do Benestar". Pensamento máxico, en suma. 

E paréceme curiosa esa referencia á xerga de Hannah Arendt porque Baamonde cita despois o excelente libro de Rafael Poch de Feliu La quinta Alemania, traballo no que se explica precisamente como a anschluss da Alemaña do Leste (a maléfica Alemaña comunista, para entendernos) cumpre un papel fundamental para o renacer da hexemonía neoimperial alemá en Europa. Os libros cárgaos o diaño.

Múltiples autores sinalan que unha das orixes do desequilibrio de balanzas comerciais entre os países europeos —cerna da separación das dúas Europas que hoxe (re)vivimos— hai que procurala nas prácticas de dumping social levadas a cabo por Alemaña —despois de anotarse o tanto de contar cun exército de reserva co que negociar á baixa, primeiro na antiga RDA e despois nos Balcáns destripados pola OTAN (a promesa da UE como contrapeso xeopolítico aos EUA tamén foi incumprida)— coa Axenda 2010 do goberno Schröeder a través de políticas de contención salarial e de "flexibilización" do mercado de traballo que permitiu a esa nación ser máis "competitiva" que os países cos que non compartía orzamento pero si moeda (moeda que, polo tanto, actúa coma un poderoso mecanismo de clase ao impedir a devaluación para contrarrestar a "competitividade" alemá) e acumular superávits cos que financiar as burbullas de consumo neses mesmos países. E fíxoo —coa inestimable axuda dos Verdes— Schröeder, un membro do SPD. O partido socialdemócrata por antonomasia.
No caso español, sucede que foron tamén gobernos socialdemócratas quen asinaron a entrada de España na CEE (cos custes que isto tivo para os "sectores produtivos", imprescindibles para o capitalismo ben temperado dos Trinta Gloriosos), quen aprobaron o tratado de Maastricht e quen, ben recentemente, introduciron o artigo 135 reformado na Constitución.
Por iso, chama a atención, no artigo de Antón Baamonde que, se ben o autor sinala —moi acertadamente— como tanto a independencia do BCE consagrada no tratado de Maastricht, como o artigo 135 da Constitución española que obriga a dar prioridade ao pagamento da débeda sobre calquera outra cuestión, impiden de facto calquera política económica alternativa ao neoliberalismo, non diga nada da responsabilidade da socialdemocracia en que todo isto fose así.

E onde se presenta o verdadeiro drama no artigo de Baamonde? O drama aparece neste fragmento: "Se isto é así, e témome que é así, daquela só queda ou a posibilidade da derrota, ceder ao Trinta Tiranos, ou facer un órdago á grande. Romper coa lóxica da actual deriva europea". É un drama, en primeiro lugar, pola propia inconcreción á hora de sinalar en que consistiría ese "órdago á grande" que rompería "coa lóxica da actual deriva europea". E éo tamén —imaxino que máis para quen ten fe europeísta— porque o grande órdago, dado o perverso deseño das institucións da UE, só pode significar que un Estado desobedeza as regras de ouro que escravizan a países —coma Grecia e demais PIGS— suxeitos a unha débeda impagable; onde sabemos que desobedecer —axiña habemos ver que decide finalmente o goberno grego despois do "impasse Varoufakis"— significa asumir a saída da moeda coa que se forxaron quimeras anti-mundo do traballo e coa que hoxe se forxan os grilletes no Paraíso Europeísta. É dicir, é un drama porque para parar a "deriva europea" o que compre é pór un freo ao propio proxecto que encarna a UE.

Sem comentários: