1/10/2015

Realpolitik en días de loito

Terroristas de Estado Islámico-AlQeda asasinan en Occidente a humoristas comunistas. Humoristas comunistas apuntalan cos seus debuxos, queréndoo ou non, o supremacismo occidental. O Estado Islámico é formado e engordado por Occidente para derrocar réximes non aliñados coma o Sirio (ditatorial, si, pero non máis que outros aliados de Occidente); de igual xeito que os talibán, xerme de AlQeda, foron formados e engordados para loitar en Afganistán contra a Unión Soviética. Todo o stablishment neoliberal europeo —de "esquerdas" ou de dereitas— ao que a polarización arredor do choque de civilizacións lle vén estupendamente nun momento de agudización da polarización socio-económica, porase á cabeza da euromanifestación de París coa tentativa de rendibilizar dalgún xeito a morte dos humoristas comunistas. Hipocritamente, ese día todo o stablishment neoliberal europeo enarborará e fará apelos á idea de tolerancia da tradición liberal ao tempo que, en coherencia con esa mesma tradición liberal, continuará coa súa política racista —na banlieu, en Melilla ou en Lampedusa— ben por convicción, ben para competir coa extrema dereita. A extrema dereita, principal beneficiaria en Francia da polarización cultural-racial, non acudirá á manifa por non concordar coa idea politicamente correcta da tolerancia segundo a tradición liberal. Á extrema dereita francesa, que ademais de ser a principal beneficiaria en Francia da polarización socio-económica por incomparecencia da esquerda, ten nostalxia da grandeur e oponse ao stablishment neoliberal europeo en forma de rexeitamento á UE, aplícaselle un cordón sanitario non permitindo tampouco que acuda á manifa de París. A esquerda francesa non neoliberal, incapaz de dar unha alternativa no socio-económico e no cultural á globalización, fóra de xogo. E é que en Francia non só os comunistas do Charlie-Hebdo están mortos.

Sem comentários: