1/08/2015

Textos escollidos para ler o presente (XXI)



A terrible matanza de varios debuxantes da revista satírica Charlie Hebdo, en París, volve desenterrar as teses de Samuel Huntington & Cia sobre o choque de civilizacións. Velaquí dous textos que escarvan un pouco sobre as implicacións inherentes a este xeito de analizar o conflito no capitalismo globalizado vixente.


«Esta estrutura global, que articula e produce a cultura, a economía e o poder político xunto cos seus coeficientes militares e demográficos, ten unha tendencia institucionalizada a xerar imaxes transnacionais desproporcionadas, que na actualidade están a reorientar o proceso do debate social internacional. Tomemos para este caso o exemplo da aparición do “terrorismo” e o “fundamentalismo”, dous termos clave durante os anos 80. Houbo unha época na cal apenas se podían analizar (no espazo público proporcionado polo debate internacional) conflitos políticos nos que se visen envoltos suníes e chiitas, kurdos e iraquís, tamiles e cingaleses, ou sikhs e hindús sen ter finalmente que recorrer ás categorías e imaxes do “terrorismo” e o “fundamentalismo”, procedentes integramente das preocupacións e centros intelectuais de núcleos metropolitanos como Washington e Londres. Presentábanse como figuras pavorosas carentes de contidos diferenciáis ou definicións, pero capaces de daren todo o poder moral e aprobación a quen as utilizan, e reprobación moral e carácter criminal a quen designan.

[…]

O medo e o terror inducidos polas impoñentes imaxes do “terrorismo” e o “fundamentalismo” —aos que poderiamos calificar de figuras de diaños estranxeiros creadas por unha especie de imaxinería internacional ou transnacional— obriga ao individuo a subordinarse ás normas dominantes do momento. Este feito é tan certo nas novas sociedades poscoloniais coma en Occidente en xeral e nos EEUU en particular. Así, opoñerse á irracionalidade e ao extremismo inherentes ao terrorismo e ao fundamentalismo, significa tamén apoiar a moderación, a racionalidade e a centralidade executiva dun carácter “occidental” vagamente definido (se a definición non fose vaga, o carácter posuiría unicamente un ámbito local e patrioticamente aceptado). A ironía reside en que lonxe de dotar ao carácter occidental da seguridade e “normalidade” estable e confiada que asociamos co privilexio e a rectitude, esta dinámica énche”nos” de virtuosa cólera e sentimentos defensivos, que fan que acabemos vendo aos “outros” coma inimigos dispostos a destruír a nosa civilización e forma de vida.»

Edward W. Said. Cultura e imperialismo. 1996.

*  *  *  *  *

«En 1883, o mesmo ano en que morreu Marx, publicouse en Austria un libro de Ludwig Gumplowicz que, xa no título (Der Rassenkampf, A loita das razas), contrapúñase á tese da loita de clases como clave de lectura da historia. Tres décadas antes de Gumplowicz, en Francia, Arthur de Gobineau comezou a dar a imprenta o seu Ensaio sobre a desigualdade das razas humanas, unha obra cuxo título tamén o dicía todo. E no mesmo período de tempo, en Inglaterra argumentaba do mesmo xeito Bejamin Disraeli, quen enunciou a tese de que a raza é a “clave da historia”, “todo é raza e non hai outra verdade” e o que define e constitúe unha raza “é unha soa cousa: o sangue”. Todo o ciclo histórico que vai do descubrimento e a conquista de América até as guerras do opio e a ascensión trunfal do imperio británico ilustraba dun modo exemplar o carácter decisivo do factor racial. Só así se podía comprender que, malia o seu reducido número, os conquistadores españois lograran trunfar en América e os ingleses na China.

O paradigma racial ou etnolóxico-racial pode presentarse de forma máis suave e facer referencia en primeiro lugar ao que, coa linguaxe dos nosos días, se chamaría “choque de civilizacións”. Evidentemente, as civilizacións teñen unha existencia real e non poden confundirse coas “razas”, pero cando, en vez de entendelas partindo de situación e conflitos determinados historicamente, considéranse expresións dun espírito ou alma eternas, córrese o risco do desliz naturalista.»

A loita de clases. Unha historia política e filosófica. Domenico Losurdo. 2013.

Sem comentários: