1/27/2015

Que é Grecia?

Que é Grecia hoxe? É o lugar da UE onde as contradicións xeradas polo enésimo intento alemán ao longo da historia de converterse no hexemón europeo son máis agudas. Que se está a evidenciar nos primeiros pasos do goberno Syriza (homenaxe a fusilados gregos polos nazis, inclusión dun partido de dereitas euroescéptico...)? Que o novo goberno grego está a concebir o campo de batalla como un proceso de liberación nacional e de recuperación de soberanía. (Así o entende tamén Jacques Sapir).

Que pode desbaratar esta estratexia? Non levar até as últimas consecuencias o proceso de emancipación política a respecto da UE se esta apenas ofrece un pequeno alivio da débeda grega en forma de adiamento de pagamentos,

"Se é que hai algún, o problema cos plans de Syriza pode ser que non son o suficientemente radicais. O alivio da débeda e unha flexibilización da austeridade poderá reducir o sufrimento económico, pero é dubidoso que sexa suficiente para producir unha forte recuperación. Por outra banda, non está claro que outra cousa podería facer calquera goberno grego a non ser que estea preparado para abandonar o euro." (Paul Krugman onte no NY Times)

un risco de desbaratamento que aniña precisamente na vaporosa ideoloxía europeísta que existe na propia Syriza. 

Por que calquera comparación co proceso catalán é unha coña? Porque o proceso catalán, hexemonizado e conducido pola dereita, non só non afronta o que neste momento é o principal problema de todos os pobos sureuropeos (a súa condición de subalternos no reparto de traballo na UE) senón que —como única estratexia xeopolítica— o proceso catalán apela de facto ao amparo da propia UE como xeito de acadar a súa independencia. 

Cal debería ser a tarefa de todas as esquerdas do Estado Español? Xa o dixen moi claramente noutra ocasión. Basicamente: decidir se son parte de Vichy/Saló ou dos aliados (nunca mellor traído o exemplo hoxe que se celebra o 70 aniversario da liberación de Auschwitz polo Exército Vermello). 

En resumo, asumir o que o exemplo grego indica: a política concreta para a situación concreta, hoxe, ten que afrontar a cuestión da falta de democracia para os pobos dentro da UE. Unha Fronte Popular (que non populista) que recoñeza a pluralidade nacional do Estado Español, como a artellada contra a ameaza nazi-fascista durante os anos 30 do século XX (non por casualidade noutro momento de expansionismo alemán), segue a ter todo o sentido.

Sem comentários: