1/31/2015

Algúns atrevementos

1. A Marcha de Podemos.

Até o de agora no estado español só o PP, único partido de masas, era quen de facer grandes mobilizacións de partido. Hoxe, esa exclusividade rematou. Malas novas para o PSOE.

Coa Marcha de Podemos, na medida en que este partido está a recoller as aspiracións de boa parte da esquerda social, remata, en certa forma, e polo menos no estado español, un ciclo que asistiu ao declinar dos grandes partidos e ao auxe dos movementos sociais. O lema da marcha de Podemos non se facía portadora de demanda social ningunha, só expresaba a necesidade do "Cambio" (palabra que, na tradición política española recente, en tanto que habitual palabra-fetiche do PSOE en período electoral, só pode lerse como vontade de "Cambio" nas próximas eleccións xerais).

Esta evidencia non debería, por si mesma, ser boa nin mala. Os grandes partidos de masas da esquerda foron maquinarias poderosas para mudar a historia. A época dos movementos sociais, cuxo máximo auxe tivo lugar coa creación dos Foros Sociais Mundiais, na época de máximo esplendor do neoliberalismo e de máxima impotencia da esquerda partidaria, sempre admitiu (e era un debate continuamente presente nos Foros Sociais) a eiva para a transformación que supuña non ter plataformas para a toma das institucións.

Podemos conseguiu dar forma partidaria á ambigüidade inherente ao movemento 15M. É sintomático que este movemento
comezado na Porta do Sol de Madrid, de impulso inequivocamente progresista —polo que encarnaba de expresión de descontento coa situación á que nos conduciu o capitalismo globalizado— pero imprevisible polo seu mesmo carácter líquido, teña hoxe unha réplica na mesma Porta do Sol de Madrid. Sintomático porque a réplica, que segue a expresar un anhelo progresista de descontento co status quo, ten unha forma moito menos líquida (partido como máquina electoral segundo algúns dos seus actuais líderes) pero segue a ser igual de imprevisible dada a consciente ambigüidade da súa cúpula sobre que son ou que pretenden ser a nivel ideolóxico.

Esa ambigüidade a respecto do carácter de partido de esquerdas de Podemos leva consigo un grande risco para a esquerda social. Que esta ambigüidade pase de ser unha cuestión táctica a unha estratéxica —é dicir, que Podemos non se asuma en tanto que partido de esquerdas— pode facer que a clausura do protagonismo dos movementos sociais na rúa deixe a toda a esquerda social e partidaria esquilmada para unha longa temporada. O cal non é só malo para as distintas "marcas" da esquerda, senón que é malo para a esquerda no seu conxunto.

2. Retomando a palabra

O primeiro e único libro de compilación de artigos deste blog, editado por Estaleiro en 2011 levaba por título: "Retomando a palabra. Das guerras culturais ao crac financeiro". Con retomando a palabra pretendía enfatizar a necesidade de volver resignificar a palabra esquerda nun sentido forte e non no sentido soft que se lle viña dando nas décadas que van da vitoria de Thatcher-Reagan até a propia crise financeira mundial pasando polo seu cénit terceiraviísta.

A vitoria de Syriza en Grecia está a provocar que esta contraposición entre unha idea de esquerda forte e o sucedáneo da esquerda que aceptara a fin da historia e o There Is No Alternative (TINA) comece a ser virulenta, o que quere dicir que a contradición entre estas dúas visións está próximo a atoparse nun momento climático.

A triste realidade de que en Grecia non provoque grandes contratempos que un partido de esquerdas non inclúa mulleres foi aproveitado pola esquerda soft para tratar de regresar á axenda das guerras culturais e así tirar o foco da auténtica crise humanitaria que enfronta o país heleno por causa da aplicación inflexible das receitas neoliberais do capitalismo globalizado. Aproveitando a penetración na esquerda da idea de raigaña foucaultiana da equivalencia maximalista de todas as opresións o socialiberalismo pretendía meter unha cuña no que podería ser o rexurdir dunha esquerda menos inxénua.

Antes disto, o atentado contra Charlie Hebdo polo fundamentalismo islámico fora xa unha oportunidade que o stablishment abrazou con entusiasmo para resituar en claves de choque de civilizacións (de novo guerra cultural) o que non son máis que consecuencias de decisións despiadadas en Oriente Medio que non só inflan un globo de malestar no mundo árabe dende hai ben tempo senón que tamén desestruturan e esboroan os entramados institucionais que vertebraban a esas sociedades sen ofrecerlles nada a cambio que o refuxio no fundamentalismo relixioso medieval.

En Grecia, como no mundo árabe cando se brandía a cuestión do burka como un argumento para apoiar a "misión civilizadora" de Occidente nas súas guerras polo petróleo e outras fontes de enerxía, unha lectura do feminismo como cuestión identitaria sen anclaxe ningunha na base material permitiu atacar a un goberno que parece disposto a non claudicar no exercicio da súa soberanía fronte poderes que están a deixar o país exhausto.

Significa isto que a reivindicación feminista, como outras reivindicacións polo recoñecemento, deben ser subalternas? En absoluto. Significa só que desde a esquerda non se pode facer unha lectura das distintas sociedades como se fosen un todo homoxéneo cos estándares liberais do chamado Occidente e que non se pode facer do feminismo e doutras reivindicacións polo recoñecemento cousas puramente identitarias sen ningún tipo de base material. A grande diferenza entre o liberalismo e o republicanismo é que o primeiro confórmase co recoñecemento formal das liberdades deixando a súa práctica efectiva á lei da xungla que impera nunha sociedade civil desigual, mentres que o segundo sabe que non hai liberdade se non se dán as circunstancias materiais efectivas para que esa liberdade poida ser levada a cabo.

Unha derivación desta confrontación entre a esquerda soft e a esquerda forte pódese ver no artigo de José Ignacio Torreblanca titulado nada menos que "O eixe da soberania", sobre a actual coxuntura europea onde, dende diversos estados do sur europeo, se está a poñer en cuestión a máquina de centrifugado da soberanía popular que é a UE. Fai Torreblanca unha lectura segundo a cal o feito de que Syriza chegase a un acordo cun partido da dereita nacionalista grega ou que a estrema dereita francesa coincida na súa aversión á eurozona coa esquerda
(é ben ler as razoables cousas que expón algunha xente da esquerda francesa sobre isto) permítelle sacar a conclusión totalmente disparatada de que a reivindicación de soberanía non pode ser unha meta da esquerda. Pero, como é que naceu a propia esquerda (os que se sentaban á esquerda na Asemblea Constituínte da Francia revolucionaria de 1789) senón reivindicando a soberanía popular dos cidadáns sobre a soberanía do rei (tan inalcanzable, dificil de fiscalizar e arbitrario como os poderes que cortan o bacallao na propia UE!). Así, para Torreblanca, a esquerda, influída  novamente polo idealismo liberal, debe pechar os ollos ante a realidade de que a UE, máis que a soberanía nacional o que está a socavar é a soberanía popular, para facer unha condea abstracta do nacionalismo (precisamente para mesturar nos posibles desmáns discriminatorios que ten a soberanía entendida unicamente como nacional coas bondades da soberanía entendida como soberanía popular) en aras dunha non menos abstracta concepción antimaterial (de novo pura identidade flotando no aire) da Unión Europea.

A responsabilidade de Podemos nesta loita entre a esquerda cooptada e a esquerda é obvia. De optar polo primeiro camiño o populismo sería logo a continuación, neste período histórico, da esquerda terceiroviísta. Un Golem con pés de barro para frear calquera alternativa ao dado. Pero como resolverá Podemos esta cuestión é un asunto que aínda está por ver.

Sem comentários: