2/17/2015

Matices a un bo artigo

Comezou como un post de facebook pero deixo aquí tamén tres comentarios suscitados por este artigo.

1. A cuestión nacional sempre é, en último caso, identitaria, porque para definir o territorio e o demos da nación sempre se recorre a criterios identitarios e non doutro tipo (e non hai nada especialmente malo na cuestión do recoñecemento da diferenza cultural, como outras cuestións de loitas polo recoñecemento; salvo se esas novas diferenzas acaban sendo utilizadas para crear novas opresións); entón, ou ben convén non escapar disto dicindo que o importante son outros temas "de comer", ou asumir que calquera demos se pode constituír segundo criterios diferentes dos culturais-lingüísticos, con todo o que isto implicaría no caso do nacionalismo galego.
2. O argumento "eléctrico" é lícito. Gz é periferia dentro do estado e como tal é tratada. Agora ben, como mostrou Doldán (http://www.vesperadenada.org/…/aclarando-conceptos-sobre-a…/) Gz é un lugar inmerso nas relacións internacionais de centro e periferia. E cando se pide repensar o discurso do nacionalismo o que se pide é pensar precisamente nisto: que papel xoga o nacionalismo galego nun escenario de globalización económica e política onde non todo se reduce a Gz vs. Madrid.
3. A concreción máis acabada de como nos inflúe a globalización aquí é a Unión Europea e o grillete do euro. A maior parte do nacionalismo galego non se define con claridade sobre esta cuestión. Ou se o fai, faino dende a abstracción da oposición á zona euro ou á UE pero non formulando a alternativa concreta e a acción política concreta que implica esa oposición tendo en conta o que está a suceder hoxe en día no sur do continente. No escenario concreto da loita do sur do continente co imperialismo do norte, cal é o papel que queren xogar os nacionalismos do estado español? Iniciar procesos conducentes ao recoñecemento da súa identidade nacional por parte da Eurozona-UE ou facer todo o posible por rachar con ela, polo menos tal e como son hoxe? Se se trata do primeiro, de que tipo de soberanía de segunda fila estamos a falar nun contexto no que outros lugares loitan por unha soberanía bastante máis digna de tal nome? Se se trata do segundo, ten claro ese sector do nacionalismo galego que alianzas non vai poder evitar, mal que lle pese?

Sem comentários: