11/24/2014

5 cousas desordenadas

1. Íñigo Errejón, un dos líderes de Podemos, compartiu onte en twitter este texto de Ernesto Laclau. Léolle ao filósofo de cabeceira de Podemos un parágrafo co que, en principio, non podo máis que concordar:

La autonomía [para entendernos o Movemento], librada a sí misma, conduce, más tarde o más temprano, al agotamiento y la dispersión de los movimientos de protesta. Pero la hegemonía, si no es acompañada de una acción de masas al nivel de la sociedad civil, conduce a una burocratización y a una fácil colonización por parte del poder corporativo de las fuerzas del statu quo. Avanzar paralelamente en las direcciones de la autonomía y de la hegemonía es el verdadero desafío para aquellos que luchan por un futuro democrático que dé un real significado al –con frecuencia advocado “socialismo del siglo XXI”.

Porén, o cambio que introduce, a respecto do significado de hexemonía en Gramsci é máis importante do que unha mera cuestión nominal. Se para Gramsci a hexemonía dase na sociedade civil e só despois se traduce nas institucións, para Laclau a autonomía é o que se produce na sociedade civil e esta se transforma en hexemonía na sociedade política, nas institucións. A formulación de Laclau establece unha cesura entre a autonomía e a hexemonía. A mesma cesura que establece entre sociedade civil e Estado. A formulación de Gramsci non fai esa cesura. Para o sardo a sociedade civil é xa Estado, polo que a nova hexemonía na sociedade civil é xa construción do Estado novo. A organicidade, é dicir, a continuidade, entre o movemento hexemónico na sociedade civil e o partido que ocupe as institucións é fundamental e é o verdadeiro antídoto contra os riscos de "burocratización e colonización por parte do poder corporativo das forzas do status quo". 
Podemos viuse aupado polo 15M como o bipartito galego se viu aupado polo Nunca Máis. A realidade parece, máis ben, darlle a razón á idea de hexemonía propia de Gramsci, aquela que considera que esta, a hexemonía, prodúcese xa na sociedade civil, no entramado de "trincheiras e casamatas" que para o sardo integraba a aquela, e que só despois se fai efectiva como acceso ás institucións. A fórmula de Laclau entraña un risco obvio: ao rachar a continuidade do partido e o movemento o primeiro corre o risco de crear unha nova identidade, a do ente autoxustificado (burocratización) con vocación de catch all, de aggiornamento, de disolución ("colonización polas forzas do status quo" en termos de Laclau, "transformismo" en termos gramscianos).


2. O 15M foi un movemento de clases medias. Ante a tentación propia de certo socialiberalismo melífluo de ver ás clases medias coma o suxeito histórico definitivo eu non perdería de vista que as clases medias que integraban o 15M eran clases medias dun tempo e dun lugar no que todas as certezas estaban a esvaecerse no aire. En suma, que eran clases medias asustadas, moi asustadas, ante a perspectiva, máis que razoable, de proletarización xeralizada en curso. Non hai cambio histórico protagonizado polas clases medias satisfeitas. As clases medias satisfeitas do único que cambian é de coche e de cepillo de dentes e se cadra esa é unha das contradicións máis grandes que ten o modelo capitalista pouco redistributivo que impera na actualidade: é un creador de inestabilidade mesmo nas súas áreas centrais, xeográficas e sociolóxicas.


3. O enroque da maior parte do nacionalismo galego ante a realidade  incuestionable da potencia do 15M en Galicia viña tamén causado polo esquecemento de que ese movemento era xa hexemónico na sociedade civil galega do momento e que unha estratexia máis intelixente que combatelo (e/ou burlarse) era participar del, na sociedade civil, e enchoupalo (e deixarse enchoupar) no posible. Ben é certo que tamén cabía outra posibilidade. A que, semella, elixiu e continúa a elixir, boa parte do nacionalismo galego: facer a travesía do deserto até que se poida construír unha nova hexemonía (o cal, visto o estado do país, pode ficar para cando as ras boten pelo).


4. O perigo da visión da hexemonía que se intúe en Laclau é a de confundir acceso ás institucións con toma do poder. Os perigos de poñer toda a carne no asador da política institucional consisten, ben na aparición dun competidor electoral que saiba crecer a costa dos erros do novo partido gobernante -que, pola condición de recén chegado e aínda pouco estruturado, se prevén abundantes- dando lugar a un novo cambio de goberno que non só non deixe nada do potencial transformador senón que cause unha frustración -esta si histórica- que hipoteque a idea de cambio durante bastante tempo (ou que conduza ese malestar de clase media a lugares fascistoides moito máis perigosos); ben en que o novo partido chamado a levar a cabo os grandes cambios non sexa seguido ou comprendido polos seus electores, toda vez que o partido excesivamente vencellado ao institucional poida perder "organicidade" co movemento de masas que o sustenta. Unha mestura destas dúas cousas se deron, en certa forma, no bipartito galego. Erros debidos, entre outras cousas, á falta de cultura de coalición por unha banda uníronse á falta de relación -precisamente pola crenza de que institución=poder- cos apoios potenciais que podería haber na sociedade civil -débiles, certo, pero aínda máis debilitados por estratexias como a do esganamento consciente ao que foi sometido o Nunca Máis.


5. Polo que se vai vendo do modus operandi de Podemos a organicidade coa sociedade civil espérase acadar a través de métodos plebiscitarios e estratexias comunicativas. O tempo dirá se iso é suficiente ou se finalmente o intercambio partido-movemento resulta demasiado unidireccional.

2 comentários:

Carlos disse...

Sobre 1: A cesura existe na maior parte do tempo histórico e só desaparece cando se desencadea o colapso do réxime antigo e a maior parte da sociedade civil toma o protagonismo. Mais este é unha situación transitoria. Historicamente así foi e así volverá a ser. Non por unha cuestión determinista, senón por pura e simple vontade desa maioría social. Témome que a democracia vai seguir sendo fundamentalmente representativa -o cal non exclúe outra formas máis ou menos localizadas ou xeneralizadas de participación democrática-, e a ameaza da fenda entre Estado e sociedade civil estará aí sempre.

Sobre 3: Seguindo o teu razoamento o máis intelixente que se podería facer agora sería que as maltreitas organizacións nacionalistas se autodisolvesen nos círculos e asembleas abertas -estas si- de Podemos.

De acordo no resto.

O Fuco disse...

1. Ah, bueno, pois logo TINA.

3. Podemos xa non é movemento. É partido. Quen concorde co que propón que se integre nel. Non me parece unha mala alternativa (pero non é a miña).

En canto ao das asembleas... a cousa non é só "abertas ou pechadas" (que tamén) se non "con capacidade decisoria ou como ornamento". A estrutura orgánica da que se dotou Podemos vai máis polo carácter ornamental das Asembleas-Círculos que outra cousa. Que poida ter xustificación? Probablemente. Pero creo que esa xustificación só se pode dar dende unha óptica, digamos que de comité central temeroso das masas, e, a priori, a ti non te identifico con querencia polos comités centrais como para soster tal xustificación.