11/02/2014

Textos escollidos para ler o presente (XX)



Seica Alfonso Guerra alerta na súa revista do auxe dos populismos e compara o noso presente cos anos trinta do século pasado. "Europa non pode permitirse repetir o seu peor pesadelo", disque di o político andaluz; e algún outro colaborador da publicación avisa da natureza euroescéptica e antiUE dos movementos que desafían á "democracia liberal" e ao sistema de partidos "de longa traxectoria". Un supón que para Alfonso Guerra no saco do populismo entra de todo, porén, por rigor histórico, ben está recuperar este texto de Karl Polanyi pertencente ao seu A Gran Transformación. As orixes políticas do noso tempo, no que se describe perfectamente como foi a total impasibilidade ante o sufrimento da xente por parte do liberalismo económico que rexiu durante o XIX e que tivo o seu cénit nos anos 20 do s. XX, e non atavismos nacionais e loucuras populares coxunturais o que provocou a emerxencia do fascismo. O modelo liberal do XIX é o paradigma que imitan os modernos neoliberais (no que cabe incluír aos cadáveres andantes dos vellos partidos socialdemócratas como o de Guerra), e o grillete do patrón ouro que condicionou o desastre económico dos trinta un equivalente do patrón-euro. Se alguén debería tomar nota da historia non é precisamente quen demanda protección fronte a besta capitalista senón quen a alimentou (como por exemplo Guerra) durante as últimas décadas. Non é posible evitar o fascismo mantendo a toda costa os dogmas do liberalismo económico. Tamén isto o deixou escrito Polanyi con enorme claridade: «Non queda así outra alternativa que permanecer fiel a unha idea ilusoria de liberdade e negar a realidade da sociedade, ou aceptar a realidade e rexeitar a idea de liberdade. A primeira é a conclusión do liberal; a última é a conclusión do fascista.»

«O prestixio do liberalismo económico acadou a cúspide na década de 1920. Centenas de millóns de persoas víranse aflixidas polo flaxelo da inflación; clases sociais enteiras, nacións enteiras, foran expropiadas. A estabilización das moedas converteuse no punto focal do pensamento político de persoas e gobernos; a restauración do patrón ouro converteuse no obxectivo supremo de todo esforzo organizado no campo económico. Recoñeceuse que o pagamento dos préstamos externos e o retorno ás moedas estables eran as pedras de toque da racionalidade na política; e ningún sufrimento privado, ningunha infracción da soberanía, consideráronse sacrificios grandes de máis para a recuperación da integridade monetaria. As privacións dos desempregados que perdían o seu traballo a causa da deflacción; a destitución dos empregados públicos despedidos sen indemnización; mesmo a renuncia aos dereitos nacionais e a perda das liberdades constitucionais consideráronse un prezo xusto polo logro de orzamentos equilibrados.
Nos anos trinta puxéronse en dúbida os xuízos absolutos dos vinte. Despois de varios anos de restauración das moedas e dos orzamentos balanceados, os dous países máis poderosos —Gran Bretaña e os EEUU— atopábanse en dificultades, abandonaron o patrón ouro e comezaron a administrar as súas moedas. As débedas internacionais foron repudiadas a grande escala, e os máis ricos e respectables abandonaron as crenzas no liberalismo económico. A mediados dos anos trinta, Francia e outros estados que aínda se adherían ao ouro foron obrigados polas tesourerías de Gran Bretaña e EEUU —que antes foran gardiáns celosos do credo liberal— a abandonar o patrón.
[…]
En todos os países importantes de Europa funcionou un mecanismo similar e con efectos moi semellantes. En Austria en 1923, en Bélxica e Francia en 1926, e Alemaña en 1931, os partidos laboristas foron derrotados para “salvar a moeda”. Estadistas coma Seipel, Francqui, Poincaré ou Brüning eliminaron aos laboristas do goberno, reduciron os servizos sociais e trataron de rachar a resistencia dos sindicatos ante os axustes salariais. Invariablemente, o perigo era para a moeda, e con igual regularidade botábase a responsabilidade sobre os salarios inflados e os orzamentos desbalanceados. […] …a moeda e o orzamento concentraron as controversias pendentes entre empregadores e empregados, mentres que o resto da poboación fluctuaba no seu apoio a un ou outro grupo.
O chamado experimento Blum (1936) [Fronte Popular] constituíu outro exemplo. Os traballadores estaban no goberno, pero a condición de que non se impuxera ningún embargo ás exportacións de ouro. O New Deal francés non tivo xamais unha oportunidade de trunfar, xa que o goberno estaba atado á cuestión crucial da moeda. O caso é claro porque en Francia, como en Inglaterra, unha vez que os traballadores se volveran inócuos, os partidos de clase media renunciaron á defensa do patrón ouro sen maior escándalo. Estes exemplos demostran como de devastador era o efecto do postulado da moeda sa sobre as políticas populares.
A experiencia estadounidense ensinaba a lección, pero noutra forma. O New Deal non podería emprenderse sen abandonar o ouro, aínda que as divisas importaban pouco en realidade. Baixo o patrón ouro, os líderes do mercado financeiro reciben a encomenda de salvagardar a estabilidade da taxa de cambio e a saúde do crédito interno dos que depende en grande medida o financiamento gubernamental. A organización bancaria pode obstruír así todo movemento interno da esfera económica que lle desagrade, por razóns boas ou malas. En termos da política, da moeda e do crédito, os gobernos deben escoitar os consellos dos banqueiros, os únicos que poden saber se algunha medida financeira poría ou non en perigo ao mercado do capital e os cambios. O feito de que o proteccionismo social non conducira neste caso a un estancamento debeuse a que os EEUU abandonaron a tempo o ouro. Porque se as vantaxes técnicas deste movemento eran escasas (e as razóns dadas pola Administración eran moi débiles, como de costume), o desarme político de Wall Street foi o resultado deste paso.
[…]
A planificación e o control están sendo atacados como unha negación da liberdade. Declárase que a libre empresa e a propiedade privada son elementos esenciais da liberdade. Dise que ningunha sociedade poderá chamarse libre se está construída sobre outras bases. Denúnciase como unha falta de liberdade a liberdade creada pola regulación, censúrase a xustiza, a liberdade e o benestar que ela ofrece coma unha camuflaxe da escravitude. […] Pero a oposición á regulación significa unha oposición á reforma. Co liberal, a idea da liberdade dexenera así nunha mera defensa da libre empresa, reducida agora a unha ficción pola dura realidade dos cárteles e os monopolios xigantescos. Isto significa a plenitude da liberdade para aqueles cuxo ingreso, lecer e seguridade non precisan ser incrementados, e unha mera migalla de liberdade para o pobo, o que en van tratará usar os seus dereitos democráticos para protexerse contra o poder dos propietarios. E isto é todo. En ningunha parte puideron os liberais restablecer a libre empresa, a que estaba condenada ao fracaso por razóns intrínsecas. Foi como resultado dos seus esforzos que a gran empresa se instalou en diversos países europeos, e de paso diversas formas de fascismo, como ocorrera en Austria. A planeación, a regulación e o control, que os liberais desexaban eliminar por consideralos perigosos para a liberdade, foron logo utilizados polo inimigos confesos da liberdade para abolila por completo. Pero a vitoria do fascismo volveuse practicamente inevitable pola obstrución dos liberais a toda reforma que involucrase a planeación, a regulación e o control.
A frustración total da liberdade no fascismo é en efecto o resultado inevitable da filosofía liberal, a que proclama que o poder e a compulsión son males, que a liberdade esixe a súa ausencia nunha comunidade humana. Tal cousa non é posible; nunha sociedade complexa, isto vólvese evidente. Non queda así outra alternativa que permanecer fiel a unha idea ilusoria de liberdade e negar a realidade da sociedade, ou aceptar a realidade e rexeitar a idea de liberdade. A primeira é a conclusión do liberal; a última é a conclusión do fascista.»

Sem comentários: