10/17/2014

Pericles Figueroa



No número 11 da Revista Luzes escribo sobre o ser mitolóxico chamado Pericles Figueroa. Mestizaxe aberrante entre o actual alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o eterno escudeiro do PP local, Chema Figueroa. Isto é un extracto, para ler o texto completo hai que facerse coa revista, que a xente de algo ten que comer.

Nos remotos tempos preinternet, cando acceder á industria do porno resultaba máis vergoñento e caro ca hoxe, as pelis codificadas do Canal+ eran o trasunto da caverna platónica para espectadores sen posibles. Formaba parte da sabedoría popular que, entornando os ollos, se podían enxergar as carnosas verdades, as protuberancias sinceras, ocultas tras aquel baile de moscóns mareados da pantalla. Coma os filmes de fodedela para os espectadores máis pacientes, hoxe esoutro festival da promiscuidade que é o bipartidismo aparece en bruto, sen mediacións nin veos, mesmo ante os ollos da teleoperadora de salario indecente, do encofrador en paro ou da arruinada ama de casa, a priori pouco atentas ás viscosidades das ideas puras.

En Vigo —finca privada de forzas vivas que teñen no «diario decano de la prensa nacional» o explicador de pactos, consensos e outros crimes— Abel e Chema, Chema e Abel, son a parella do momento. Poderoso cabaleiro don Abel, descendente dunha longa casta (vaia, xa dixen a palabriña!) de xente do Condado acostumada a mandar, ten en Chema Figueroa—o eterno secundario do PP local gañado para a política a conta de que o cine perdese un físico idóneo para a secuela dos Soprano— un escudeiro á altura do humilde ex-ministro de Felipe, do ex-candidatoá Xunta, do ex-presidente do Porto, do ex-escritor de novela histórica, do presidente da FEMP e do estratega visionario que soubo ver nas Grandes Coalicións —antes de que o SPD e a CDU merkeliá no goberno alemán ou Juncker e Schulz no Parlamento Europeo nin sequera as soñasen— a vía para a supervivencia. En lugar de negar esta posibilidade, mellor faría o novo chico Martini do PSOE, Pedro Sánchez, escoitando o noso alcalde; pois se dos gromos verdes de Rajoy non acaban brotando lentellas, a solución viguesa terá que ser exportada, como nos tempos da Movida de tan grata lembranza para os socialistas, tamén a Madrid. E é que dende que Caballero caballerea, Vigo, a cidade do Gran Goberno, semella, para sorpresa dos que pensaban nela coma unha ingobernable urbe-estrépito, unha engrenaxe ben lubricada que o mesmo che saca adiante os orzamentos, que che reescribe a historia da cruz do Castro ou che varre do Casco Vello a chusma que Hollande (outro socialista centrado) alcumou de «sen-dentes».

 E en facendo todo isto, o Gran Goberno aínda é quen de instalar unhas escaleiras mecánicas na (populista) rúa da II República semellantes ás que dispón El Corte Inglés dende os setenta. Nas vindeiras municipais está asegurado o electorado cruceirista, gran beneficiario da actuación municipal, que xa non volverá perder o sorriso nese empinado treito olívico. [...]


Artigo completo no número #11

Sem comentários: