10/21/2014

O mercado da Pedra e a policía da Aura



Grande redada policial no popular mercado da Pedra. Lemos no xornal. Detencións e requiso de roupa que imitaba (con máis fidelidade ao orixinal da permitida) prendas de marca.

«De marca de clase», pensei eu mentres o que estaba á miña dereita preguntou retoricamente: «Como é posible que nunha sociedade de libre mercado o Estado interveña coa súa policía sobre a libérrima liberdade de comercio destes prósperos pequenos comerciantes?». «Non tal —retrucou o que estaba á súa dereita—, o Estado é coherente coas nosas liberdades liberais. O ben supremo da protección da propiedade de Patentes e Marcas quedou a salvo dos falsificadores». Despois, engadiu: «Na época da reprodutibilidade técnica de case que todo, o que se espera dos emprendedores é contención, sa represión e non abusar da capacidade testada de facer posible o que é posible».

Bourdieu, que a xulgar pola expresión do seu rostro comezaba a interesarse un chisco pola conversa, pousou o café na mesa da terraza e arrincou cunha das súas autocitas de A distinción:

«Non se remataría nunca de enumerar todas as disposicións sociais que tenden a regular as relacións do parecer e do ser, dende as leis sobre o uso ilegal de uniformes ou condecoracións e sobre as formas de usurpación de títulos até as formas máis suaves de represión, que tratan de volver á realidade, ao sentido das realidades, ao sentido dos límites, a aqueles que, ostentando uns signos externos de riqueza asociados a unha condición superior á súa, mostran que “se cren” outra cousa distinta do que son, os pretendentes pretensiosos que, coas súas poses, os seus xestos, a súa “presentación” deixan ver que teñen e queren dar deles mesmos unha representación demasiado discordante coa verdade da representación que os demais se fan deles e á cal deberían axustar a súa representación de si mesmos (“rebaixar as súas pretensións”).»

Por sorte, antes de que Bourdieu puidese comezar o seguinte parágrafo, apareceu o camareiro que, por aquilo de sacar partido aos seus perfectamente inútiles estudos universitarios en Filosofía e Historia da Arte, sentenciou o fracaso da operación policial baseándose no fútil de perseguir a mercadoría física: «as prendas concretas e palpables», creo lembrar que dixo exactamente. E proseguiu: «Como se a ameaza que representaba o mercado da Pedra fosen eses catro trapiños físicos e concretos e non a sensación de incontrolabilidade e incertidume que introduce a perfección das imitacións e o seu carácter indistinguible a respecto dos orixinais. Velaí un auténtico mísil benjaminián á liña de flotación da Aura que esas marcas encarnan».

«Entón —interrompín eu para que aquel camareiro no se subise á parra— o que precisaría o Estado sería un corpo de vixilancia aurática».

O cal debeu resultar gracioso ao camareiro; ou iso parecía indicar o seu sorriso mentres regresaba ao interior do local, asentido coa cabeza e levando até a fronte o dedo índice da man que non suxeitaba a bandexa.

1 comentário:

Ana Bande disse...

jajajajajaja...moi bo!