1. Como calquera forza de creación recente Anova
viviu durante estes dous últimos anos un proceso de decantación inevitable.
Calquera proxecto novo encara un primeiro tempo de aluvión, confrontación e eslarecemento ideolóxico. Quen non entendeu que isto é o que se estaba a producir durante
os convulsos dous primeiros anos de Anova (e xa veremos se isto rematou ou non) ten en Podemos unha moviola na que
poderá asistir á repetición da película: aluvión, confrontación e esclarecemento. Por
outra banda, nada hai máis absurdo que comparar a unha forza nova con outras totalmente
constituídas e asentadas. Ambas teñen problemas —pois só os mortos non teñen
problemas— pero trátanse de problemas diferentes; unha adoece de hiperactividade
interna e contradicións agudas; as outras, de esclerose e medo, moito medo.
2. O sector que queda cunha representación
residual nos órganos de dirección estaba, de facto, fóra da organización dende
hai tempo. Non se identificaba co proxecto de Anova (non en van repetían, un tras
outro, todos os tics propios da “cultura BNG” da que procedían) e, cando o
facía, facíao dende posturas cínicas e liquidadoras de Anova como a defendida nesta AN para que Anova
renunciase a presentarse ás municipais en aras dun pretendido apoio ás
candidaturas cidadás; como se en todos os pequenos concellos deste país fose
haber candidaturas cidadás semellantes ás das cidades. Anova é un proxecto
creado para activar e ensanchar no posible a rebelión cívica contra o réxime do
78 no Estado Español e contra a ditadura económica de estruturas supranacionais tipo
UE ou FMI e non para resucitar o PSG nin estúpidas dialécticas de guerra fría
que hai tempo que non rexen. Unha das conclusións que cabe tirar da II AN é que
Anova non vai ser o Partido Socialista polo devecía o sector hoxe nucleado por
Cerna. Tampouco, obviamente, vai ser un Partido Comunista. Se Anova quere ser
fiel a si mesma debería ser unha ferramenta útil para a Unidade Popular nun
tempo no que a derrota de TODA a esquerda a TODOS os niveis é absoluta, e útil,
tamén, para enfrontar os novos retos que a realidade empírica e material nos
impón: a crise climática e os recursos limitados que fan caducar as vellas
concepcións socialdemócratas e comunistas do progreso, a organización e o desenvolvemento
das sociedades. A eventual reprodución fractal das leas imbéciles entre menxeviques
e bolxeviques no amplo e variado espectro que hoxe ocupa a CN de Anova significará
un paso seguro cara a destrución do proxecto. E unha nova proba a favor da
propensión do ser humano á estulticia.
3. Xosé Manuel Beiras tardou en percibir o que
sucedía en Anova. Pero finalmente percibiu. A Beiras debémoslle o impulso
inicial para crear unha ferramenta que puidese vogar nun fin de ciclo multinivel.
Leu con grande lucidez e celeridade os cambios que estaban acontecendo na
sociedade galega e española dende o estoupido do 15M, leu tamén o carácter
sistémico e a gravidade real da crise económica que padecemos e leu o
estancamento no que se atopaba o nacionalismo galego (ese que nega tal
estancamento e ridiculiza os cambios ao tempo que convoca, tarde e a rebufo, “asembleas
abertas” á última moda). A alguén tan dotado para a lectura non se lle pode
escapar que un capítulo con entidade propia na crise da esquerda galega (e
estatal) durante os últimos lustros ten que ver coa reprodución no seu seo da
mecánica imperante a nivel xeral tendente a reducir á mocidade ben ao “peterpanismo”
durante os tempos de vacas gordas, ben á precariedade —é dicir, á non
emancipación— nos tempos de vacas fracas. Un quere pensar que o paso dado a
prol da coportavocía é indicativo de que se é consciente de que compre rachar
canto antes o tapón que freaba o acceso das novas xeracións aos postos de mando
e non que se trata dunha manobra de dilación que, por outra banda, é
bioloxicamente inviable.
Sem comentários:
Enviar um comentário